ADEGA reclama políticas e recursos para protexer o lobo e favorecer a súa coexistencia coa gandería

Ante as diferentes noticias saídas nestes últimos días sobre o lobo en relación ao incremento no número de danos á gandería, dun suposto incremento das súas poboacións e da demanda para que se autoricen controis da súa poboación, ADEGA achega mediante este documento unha serie de consideracións co propósito de incorporar cuestións fundamentais para entender que acontece neste conflito entre lobo e gandería.

O informe, elaborado polo biólogo e vogal de Biodiversidade de ADEGA, Martiño Nercellas, avalía diferentes aspectos relativos á xestión do lobo en relación a súa incidencia na gandería. Aborda cuestións como as graves consecuencias dos controis letais da poboación do lobo, que ademais teñen demostrado a súa inutilidade na resolución do conflito; a necesidade dunha xestión baseada prioritariamente en medidas de manexo preventivo do gando que sexan promovidas e facilitadas pola propia Administración; a insuficiente cobertura de pagos por danos, a excesiva burocracia e a falta de axilidade e, por último, a cuestión da desinformación, a alarma socia e a necesidade de divulgar e sensibilizar sobre a especie de forma xusta e rigorosa.

RESUMO

Desde ADEGA defendemos que a coexistencia entre o lobo e a gandería, non só é posible, senón que é moi necesaria para manter a saúde dos nosos ecosistemas, e preservar un legado natural único e ecolóxicamente moi valioso.

A información e estudos que se dispoñen sobre o estado da poboación non demostran que se teña incrementado o número de lobos na Galiza. Estaríamos ante unha poboación estancada, que non medra, polo forte persecución e mortalidade que soporta anualmente. O feito de que se rexistren máis danos dende o 2015 responde, máis ben, á mellora e optimización do sistema de recollida de avisos disposto desde a Xunta e a publicidade e que se triplicaron as axudas dos pagos (aínda así, de modo insuficiente). Probablemente estamos ante uns danos moi semellantes a anos anteriores, pero agora comunícanse.

Compartimos as reivindicacións dos afectados que padecen ataques de lobo, son lóxicas e lexitimas, ao sentírense desprotexidos ante unhas perdas económicas que, aínda sendo globalmente moi reducidas, resultan moi importantes sobre as economías familiares de quen as sofre, e a desatención da Administración ante este problema xera unha frustración e desanimo que finalmente, case sempre, acábase cebando co lobo. Mais, ante os que piden a posta en marcha de medidas letais para eliminar lobos, ADEGA defende que debe respectarse o sentir maioritario de que esta especie forma parte dun legado natural de extraordinario valor patrimonial, e da que se agarda que as Administracións muden, dunha vez, a súa idea de entender o lobo como un problema -visión trasnoitada-, e poñan os esforzos e recursos necesarios para a súa conservación conforme ás recomendacións científicas que se veñen publicando a nivel mundial nos últimos anos.

Os controis de poboación de lobo só veñen a revelar o fracaso da súa xestión por parte da Administración, dos que se sabe que non valen absolutamente para nada a efectos de solucionar problemas de coexistencia, e que sen embargo atentan contra a conservación da especie que, xa de por si, está exposta a unha mortalidade ilegal moi elevada, con 200 a 300 lobos que morren anualmente.

A Xunta favorece unha situación caótica na que hai unha insuficiencia importante de recursos destinados a favorecer a coexistencia, así coma unha importante falta de sensibilidade. Para o ano 2017 contabilizamos que o alcance de danos ten un custe de case 500 mil euros, pero a Xunta só destina a metade para cubrir ditos danos e, incluso, sorprendentemente, a pesar de que se incrementaron os rexistros de danos, reduciu as axudas en 100.000 euros. Ademais non se convocaron axudas para fomentar medidas de manexo preventivo. A prevención pasa por ser a acción fundamental desde a Xunta para abordar este problema e, sen embargo, non se aposta decididamente por esa estratexia.

Reivindicamos así mesmo que se activen campañas de divulgación e sensibilización sobre a importancia do lobo no medio natural, algo previsto no Plan de Xestión do Lobo, pero que non se puxo en marcha. Neste sentido, un dos elementos que menos están axudando a establecer medidas de coexistencia son as informacións e novas que se publican sobre a especie, na maioría, imprecisas, alarmistas, xeradoras de maiores tensións, e na que predomina unha falta de rigor e contraste científico preocupante.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s