O Grupo Ecoloxista ADENCO vén de presentar novas denuncias por verquidos de augas residuais sen depurar por parte do Concello de Ponteareas ao río Tea. Concretamente, os feitos ocorreron o pasado cinco de setembro, a través do aliviadoiro da depuradora municipal. Trátase dun verquido directo sen ningún tipo de tratamento. Son augas contaminadas que se depositan no leito do río,vchegando a espallarse por máis de cincocentos metros.
Os feitos súmanse a un histórico de verquidos interminable e aberrante, que segue sen solución, á espera da vontade real das administracións responsables, aínda que como se recolle na lexislación vixente, a depuración de augas residuais é competencia exclusiva dos Concellos, que son os que deben prover os medios oportunos para xestionar as augas residuais da cidadanía, sen afectar aos espazos naturais, neste caso a un espazo de alto valor ambiental incluído na Rede Natura 2000.
Traslado da situación á eurodeputada Ana Miranda
Ao mesmo tempo, logo de coñecer que a eurodeputada Ana Miranda levará a problemática situación de varios ríos en Ourense a Europa, Adenco púxose en contacto coa eurodeputada, á que lle trasladou a documentación, despois de falar por teléfono e estamos á espera dunha visita ao lugar.
Traslado das últimas noticias do Concello á Confederación
Por último, a comezos de semana, Adenco tamén trasladou á Confederación Hidrográfica Miño-Sil as últimas noticias sobre o río, concretamente a información remitida polo Concello de Ponteareas aos medios de comunicación na que se animaba á incumprir a lexislación e a non denunciar feitos delictivos porque, segundo o alcalde, “as multas so entorpecen a xestión e provocan unha perda de cartos”, sic.
Finalmente, desde o colectivo ecoloxista do Condado continuaremos coas nosas actividades, dentro das nosas posibilidades, coa intención de solucionar un problema que está, exclusivamente, nas mans do Concello, sen deixar de traballar a prol da defensa e conservación do Medio Ambiente, como facemos desde 1990.