As Brigadas Deseucaliptizadoras rematan o 2018 cunha valoración moi positiva polo traballo desenvolvido

O pasado 8 de decembro, tivo lugar en Froxán (Lousame) a última xornada de traballo por este ano das Brigadas Deseucaliptizadoras organizadas por Verdegaia.
30 persoas estiveron traballando para eliminar manualmente eucaliptos e outras especies arbóreas alóctonas do Campo de Lamas, pertencente á comunidade de montes en man común de Froxán (Lousame).

Foi nesta Área Conservada pola Comunidade Veciñal recoñecida polas Nacións Unidas onde tivo lugar a primeira brigada deseucaliptizadora, e tamén onde se pechan as actividades deste ano de acordo co plano de xestión e adaptación ao cambio climático proposto

Trala xornada, a Comunidade de Montes convidou ás brigadistas a un albaroque, ao final do cal fíxose balance das experiencias vividas ao longo deste ano de Brigadas.

As brigadistas destacaron que o feito de que Verdegaia puxese en marcha estas brigadas propiciou a posibilidade de actuar de xeito proactivo fronte á degradación dos montes galegos inzados de eucaliptos e fronte os incendios forestais. Indicaron que o feito de participar nas Brigadas, ademais de mellorar o monte, contribúe a reducir a frustración que provoca ver o desleixo co que desde a administración se trata o noso patrimonio natural.  Moitas das persoas presentes sinalaron que esta actividade reporta unha satisfacción persoal que non lles produciría una mera protesta contra a realidade forestal galega, xa que traballando no monte temos a sensación de estar facendo algo realmente válido de cara ao futuro.

Durante o ano, o número de brigadistas foi aumentando paulatinamente, e mesmo hai brigadas que, aínda que contan coa cobertura de Verdegaia, actúan de maneira autoxestionada, como é o caso de Corcubión, onde o colectivo Boca de Sapo está traballando nun terreo de propiedade municipal.
Por outro lado, nomeáronse iniciativas de outras comunidades que están traballando cun modelo semellante ao das Brigadas, nos seus propios montes implicando a persoas da súa contorna. Este espallamento da iniciativa parécenos enormemente positivo.

Verdegaia vai seguir procurando financiamento para dar continuidade ás Brigadas, non só como un xeito de mellorar os montes, senón tamén para facilitar o coñecemento directo da realidade rural e forestal galega e propiciar o aprecio e coidado dun monte vivo e biodiverso.

A brigada deste sábado foi a última do ano. O 12 de xaneiro estaremos de volta con novos folgos, para traballar no monte de Amoedo (Pazos de Borbén). Alí vos agardamos! Faite brigadista!
Páxina das Brigadas: http://verdegaia.org/brigadas/
Imaxes da xornada de onte: https://app.box.com/s/krgdmur6138ft1br0kr1gsmr10bu6w98
Para máis información: Joám Evans, 622 31 28 31

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s