A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” celebra a decisión de pechar a central térmica de Meirama

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, á que pertence Verdegaia, celebra o anuncio de Naturgy de solicitar o peche antes do 30 de xuño de 2020 da central térmica de carbón de Meirama (Cerceda). Trátase dun importante avance na transición cara a un sistema enerxético 100% renovable, cada vez máis urxente perante a situación de emerxencia climática global. A xuízo da plataforma, cómpre acompañar o peche de medidas xustas para as persoas traballadoras afectadas pola clausura dunha das industrias máis contaminantes da nosa terra.

O abandono rápido da produción eléctrica con carbón, responsable dun terzo das emisións galegas de gases causantes de cambio climático, é a mellor medida ao noso alcance para mitigar a crise climática, alén doutras que necesitarán máis tempo e planificación. Emporiso, o Goberno estatal debería planificar axeitadamente o peche, a máis tardar en 2025, de todas as centrais de carbón que aínda están en funcionamento. Peches anunciados con pouca anticipación como o efectuado por Naturgy dificultan unha transición xusta para os traballadores e traballadoras, que non deberían ser vítimas da necesaria transición enerxética, senón beneficiarse dela como toda a sociedade.

O peche da central de carbón de Meirama despois de 40 anos de actividade terá un impacto moi positivo sobre o clima e a saúde pública. Durante 2017 emitiu 2,4 millóns de toneladas de CO2, unha cantidade equivalente ao 40% das emisións anuais de gases causantes de cambio climático provocadas por todo o tráfico en Galicia. É a segunda industria con maiores emisións de CO2de Galicia, só por detrás da central de carbón das Pontes.

A adaptación á nova normativa ambiental que entrará en vigor en 2020 non tería reducido en absoluto as emisións de CO2 causantes de cambio climático da central de Meirama, aínda que si tería eliminado unha parte das súas cuantiosas emisións de gases e partículas tóxicas, responsables, segundo o informe “Last Gasp: The coal companies making Europe sick”3(Último alento: As compañías do carbón que están enfermando Europa), de 55 mortes anuais prematuras. Os custos sanitarios provocados pola contaminación tóxica da central de Meirama estimáronse en até 165 millóns de euros.

O peche de central térmica de Meirama, con 557 MW (megavatios) de potencia, suporá unha diminución do 28% na capacidade galega de produción eléctrica con carbón. A restante corresponde aos 1403 MW da central de carbón das Pontes, propiedade de ENDESA. Esta empresa eléctrica mantén un compromiso firme coa fonte de produción eléctrica máis sucia, polo que decidiu prorrogar a vida da térmica das Pontes coa intención de que funcione até 2045, reformándoa para recortar as súas emisións tóxicas (que non as de CO2). En 2017 emitiu 8,1 millóns de toneladas de CO2, sendo a 19º industria de toda a UE con maior impacto climático. A plataforma Galiza, Un Futuro sen Carbón reclama tamén o peche planificado da térmica das Pontes para 2025.

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón está impulsada por diversas organizacións: ADEGA, Amigos da Terra, Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Ecoar Global, Ecoloxistas en Acción, Feitoría Verde, Ghichas Co-mando, Greenpeace, Nosa Enerxía, Petón do Lobo, Plataforma contra a Mina de Touro-O Pino, Verdegaia.

O seu manifesto fundacional está dispoñible en: https://galizasencarbon.blogspot.com/

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s