O Grupo Ecoloxista acompañou este mércores a Marcos Cal, parlamentario galego de En Marea, e a Celtia Traviesas, asistente da europarlamentaria de Podemos Estefanía Torres, durante a súa visita a diferentes puntos do río Tea onde nos últimos tempos se realizaron unha serie de obras, con sucesivos paseos fluviais que alteraron o ecosistema e prexudicaron aos hábitats que fixeron posible que este espazo forme parte da Rede Natura 2000, ademais de coñecer tamén a problemática da denominada depuradora de Ponteareas.
A depuradora de Ponteareas
Na primeira parte da visita, varios membros do Grupo Ecoloxista ADENCO acompañaron aos políticos á depuradora de Ponteareas, onde se comprobou o verquido continuo de augas residuais por un dos aliviadeiros, sen ningún tipo de filtro, dando conta das últimas accións levadas a cabo polo colectivo nos últimos anos. Nas próximas semanas, a través de diferentes mecanismos e accións, a cuestión chegará ao Parlamento galego e, de novo, a Europa, onde os ecoloxistas teñen intención de lograr unha solución xa, aínda que sexa provisional, ao tempo que se estuda e traballa nunha solución estrutural ao problema.
Novos expedientes sancionadores por parte da Confederación Hidrográfica
Esta mesma semana, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil comunicáballe a ADENCO o inicio de novos expedientes sancionadores ao vulnerar o Concello de Ponteareas as condicións estipuladas na autorización de verquido, polo que non queda máis que esperar novas sancións, que veñen a confirmar a ineptitude e falta de previsión do goberno á hora de buscar solucións efectivas e urxentes a un problema grave que non pode esperar máis.
Destrución do Castro da Croa
Tamén se acompañou á delegación parlamentaria ao Castro da Croa, un xacemento arqueolóxico catalogado e que foi parcialmente destruído coa construción da senda do Tea. O proxecto provocou o derrumbe dun dos parapetos defensivos da estrutura, que linda coa beira do Tea. Esta acción supuso un expediente sancionador por parte da Xunta de Galicia e que rematou coa sanción de 6000€ ao Concello de Ponteareas e a obriga de restituír o espazo á súa situación anterior. Como se puido observar, a día de hoxe todo continúa igual e o Concello non cumpriu o que a Xunta esixía, cuestión que agora se trasladará ao Parlamento Galego, pois non parece aceptable que a Administración obvie e ignore as resolucións que son de obrigado cumprimento, do mesmo xeito que a cidadanía debe cumprir coas súas sancións.
Desde o Grupo Ecoloxista, tal e como se leva dicindo desde o 2013, cando se iniciaron as obras de construción das diferentes sendas do Tea, continuarase traballando a prol do río, do Medio Ambiente, e da recuperación e naturalización do espazo, sen pausa, sen présa.