Tódolos anos, no día 2 de febreiro, celébrase o Día Mundial das Zonas Húmidas, que conmemora a adopción en 1971 da Convención RAMSAR para a protección dos humedais. Para reivindicar a data, as Brigadas plantarán 1.000 árbores nativas na contorna dunha das moitas zonas húmidas galegas degradadas por décadas de prácticas forestais non respectuosas. Durante 2018 varias intervencións das Brigadas centráronse na eliminación de especies exóticas invasoras da contorna da zona húmida de “Campo de Lamas”, unha turbeira con hábitats de interese prioritario situada na Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente.
Como noutras intervencións das brigadas, será apenas necesario estar previamente inscrita como brigadista mediante o formulario dispoñible na web do proxecto e enviar un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org ata o dia 29 de xaneiro, data límite para apuntarse nesta acción concreta. A intervención comezará ás 9:30 e seguirase, xa pola tarde, dun xantar de albaroque que as entidades organizadoras ofrecen ás voluntarias participantes. Esta será a segunda intervención das Brigadas no que vai de ano, unha iniciativa que xa conta con máis de 400 voluntarias participantes, aínda que o límite por cada intervención é de 50 persoas.
A intervención guíase por un plan de xestión e recuperación ambiental que foi seleccionado como un dos catro casos piloto de todo o Estado para unha guía de adaptación ao cambio climático dos proxectos de conservación e custodia publicada co apoio do Ministerio da Transición Ecolóxica. O valor da zona húmida de Campo de Lamas foi confirmado por un estudo elaborado por investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela, que a caracterizou como unha turbeira mineroxénica mixta de alveolo e de surxencia e, como tal, un importante reservorio de carbono.
A turbeira non só acumula grandes cantidades de carbono capturados desde fai millares de anos, se non que, coas actuacións en curso, poderá manterse como unha turbeira activa, despois da drenaxe artificial realizada polos servizos forestais nos anos 70. Con esta intervención as entidades promotoras da intervención queren poñer en destaque a importante función que cumpren as zonas húmidas, en xeral, como reservorios de biodiversidade e infraestruturas naturais para a regulación hídrica e a prevención de incendios, e das turbeiras en particular polo seu papel na loita contra o cambio climático.
Contacto: Joám Evans, Coordenador Brigadas, brigadas@verdegaia.org (622312831)