O Grupo Ecoloxista ADENCO vén de recibir comunicación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na que se informa da imposición dunha multa de 314000€, concretamente 275.000,00€ de multa polo verquido de augas residuais sen depurar ao cauce do río Tea na mal denominada depuradora municipal e outros 39191,04€ en concepto de indemnización polos danos producidos no dominio público.
Na comunicación recibida polo Grupo Ecoloxista Adenco dase conta, nunha extensa xustificación, do por que da imposición desta multa, a raíz das denuncias presentadas tempo atrás por verquidos de augas sen depurar ao río Tea. A Confederación recórdalle ao Concello de Ponteareas que ten unha conducta reiterada, que foi sancionado anteriormente polos mesmos conceptos e que foi advertido desta posibilidade en anteriores ocasións.
Ademais, a Confederación indica que existen circunstancias agravantes, como son estar ante un feito con “trascendencia en relación coa seguridade das persoas e dos bens” pois estamos en augas destinadas a produción piscícola, nunha zona de protección para a vida dos peixes como é a Zona de Especial Conservación do Río Tea. Por este motivo, os feitos sonv constitutivos dunha infracción grave recollida novRegulamento do Dominio Público Hidráulico, que podería ascender a medio devmillón de euros de sanción.
Adenco, como leva indicando desde hai tempo e como leva facendo desde a súa constitución, continuará traballando a prol da conservación dun espazo único na comarca, no que podemos atopar especies en perigo de extinción e outras en regresión, como ten feito denunciando a construción de paseos agresivos e insostibles nas beiras do río ou a afección da mala ou inexistente depuración de augas residuais.
Pola contra, parece xa ridículo seguir esperando a actuación dos responsables políticos que, máis alá de difundir compromisos e acordos que non se materializan, continúan de costas ao río esperando que a solución caia do ceo. Mentras tanto, as multas terán que ser pagadas cos impostos de toda a cidadanía.