Presentamos alegacións á ampliación da EDAR de Praceres e á autorización de vertido para a EDAR e o emisario submarino

Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) vén de dar conta aos medios de comunicación das alegacións presentadas diante da Xunta de Galicia aos proxectos de ampliación da EDAR de Os Praceres e á autorización de vertido para a EDAR e o emisario submarino. Trátase de alegacións que, xunto ás presentadas con anterioridade contra a mellora da EDAR e a construción dun novo emisario submarino, conforman boa parte da nosa posición contraria ao Plan de Saneamento da Xunta para a nosa Ría.

Logo de cuestionar o xeito de tramitar a Avaliación de Impacto Ambiental por entender que se tiña que ter feito pola vía ordinaria e non pola simplificada, a APDR critica a argumentación que fai a empresa redactora do proxecto para xustificar a ampliación ao dicir que fronte á ampliación, só hai dúas alternativas: non facer nada (e seguir sen depuradora) ou facer unha depuradora para cada un dos Concellos que hoxe levan as augas ata a EDAR de Os Praceres; para a APDR, hai alternativas intermedias, e propón optar por unha rede de saneamento que sexa 100% separativa, que impida a entrada de auga do mar e augas pluviais á EDAR; ao tempo, considera fundamental evitar a depuración na EDAR das augas residuais que deberían depurarse “in situ” (as do porto de Marín e dos polígonos industriais de O Campiño e Ponte Caldelas), construír a EDAR de Poio (unha infraestrutura aceptada agora pola Xunta de Galicia), e estudar a posibilidade de que Vilaboa depure as súas augas residuais noutra EDAR.

Tomadas estas medidas, poderíase evitar a ampliación proposta, mellorando a EDAR en base a tecnoloxías máis compactas e eficaces como a de Reactores Biolóxicos Secuenciais (SBR), que nin tan sequera foron consideradas como alternativa a pesar de que a superficie é, neste caso, factor limitante.

E, precisamente sobre o espazo que vai ocupar a nova EDAR, debemos dicir que non resulta serio falar duns terreos dos que non se dispón. Neste sentido, a afirmación de que ENCE vai rechear as balsas e que asinarían un acordo ou convenio coa empresa, resulta insultante, sinxelamente porque é cando menos dubidoso que ENCE poida rechear as balsas e, ademais, ENCE non pode dispor duns terreos que non lle pertencen! Eses terreos, de dominio público, deberán devolverse ao estado no que se atopaban cando chegou a pasteira e, en todo caso, será Costas do Estado quen poida decidir ao respecto.

E non se debe esquecer tampouco que, tal como se recolle no artigo publicado por Kulp e Strauss na revista Nature Communications en relación ao cambio climático, os terreos ganados ao mar que ocupa ENCE, estarán no futuro máis expostos á inundación do que xa o están hoxe.

Chama a atención que entre os criterios valorados polos autores do proxecto para elixir esta opción figure un cando menos cuestionábel: “permitirá construír un campo de fútbol nos terreos anexos”! Semellan descoñecer que neses terreos houbo xa un campo de fútbol que tivo que se levantar por orden de Costas como resultado da resolución do expediente de caducidade de ENCE, a quen se obrigaba tamén a construír un campo alternativo para a veciñanza. Asume agora a Administración autonómica a obriga da empresa?

Fronte a posición reflectida no proxecto, de que esta ampliación non está suxeita ao PXOM senón ao Plan Sectorial de ENCE, na APDR queremos deixar claro que é inadmisíbel pretender acollerse a un plan sectorial que perdeu a vixencia ao non se executar o proxecto de fábrica de papel tisú para o que foi creado; ademais, esta ampliación está afectada tamén polo Plan de Ordenamento do Litoral (POL) e polas Directrices de Ordenamento do Territorio (DOT). E aínda que é certo que a Xunta podería declarar a EDAR de Interese para a Comunidade Autónoma, non se pode actuar coa prepotencia que se desprende das afirmacións da equipa redactora do proxecto.

Ningunha das opcións estudadas, incluída a finalmente escollida, de tecnoloxía híbrida entre a de “fangos activos” e a de “leito móbil”, pode asegurar de forma fiábel a retención de biomasa que poida garantir o cumprimento dos límites fixados na lexislación para a contaminación bacteriolóxica; de feito, de acordo co expresado no propio proxecto, os niveis de coliformes e outras bacterias na saída da EDAR, van resultar elevadísimos á saída da EDAR.

Finalmente, debemos indicar que sorprende que sendo coñecedores do rexeitamento social que existe en Lourizán á ampliación da EDAR, non teñan deseñado unha EDAR cuberta, para evitar -ou paliar, cando menos- os cheiros, a dispersión de patóxenos nos procesos de aireación, os ruídos e os impactos sociais e paisaxísticos que, con seguridade, vai ter esta instalación.

Polo que fai á proposta de autorización de vertido, debemos indicar que resulta excesivamente confusa; refírese a distintas situacións temporais da EDAR e mesmo a distintos emisarios que, ao noso entender, deberían ser obxecto de tramitacións individualizadas. Ademais, podería entrar en contradición con outras tramitacións que están pendentes de resposta ás alegacións presentadas no seu día ou en fase de licitación.

Neste sentido, fíxanse límites de vertido diferentes para a situación actual, coa EDAR e o emisario hoxe existentes (unha situación que se manterá ata o 1º semestre do ano 2021), para o período entre o 1º semestre do 2021 e o 2º semestre do 2021, no que se agarda ter a EDAR mellorada e o emisario actual, para cando a EDAR mellorada poida verter polo novo emisario (entre o 2º semestre do 2021 e o 2º semestre do 2023) e, finalmente, para o momento no que estea operativa a EDAR ampliada, unha situación que non se vai producir nunca antes do 2024.

Pois ben, agás para a última das fases propostas, en todos os casos fíxanse valores moi por riba do esixido na Directiva 91/271/CE para DBO, DQO, SS, NT e PT; así mesmo, fíxanse valores moi elevados para a contaminación bacteriolóxica, valores que nin sequera se fixan para a primeira fase. E non se debe esquecer que estamos nunha Ría considerada zona sensíbel e cunha clara vocación marisqueira e turística.

 

Lonxe de asegurar que as augas tratadas na futura EDAR cumpran cos límites legais, optan por cubrirse as costas levando o emisario o máis lonxe posíbel para tratar de minimizar o efecto duns vertidos que poidan non cumprir a lexislación á entrada no emisario, un xeito de actuar que non compartimos. Pero é que, ademais, non concordamos tampouco co trazado do emisario nin co punto elixido para o vertido final polo impacto sobre os bancos marisqueiros e os areais de Portocelo, Aguete e Mogor.

Pero, máis alá dos problemas puntuais do novo emisario, discutimos unha cuestión de fondo que para nós resulta fundamental. De acordo co proxecto presentado, o novo emisario vai ser utilizado exclusivamente para verter as augas residuais urbanas tratadas na EDAR, mentres que aquelas procedentes de ENCE van continuar saíndo polo emisario actual, unha proposta coa que non podemos concordar.

Escudándose nun problema de falta de capacidade do novo emisario para asumir os vertidos da EDAR e da fábrica de ENCE, a Xunta de Galicia trata -máis unha vez- de favorecer á empresa que, deste xeito, evitará ter que cumprir a Directiva 91/271/CE, unha directiva que vén incumprindo sistematicamente. E non se xustifica a necesidade de construír un segundo emisario por cuestións de capacidade, e menos se temos en conta que ENCE ten adquirido o compromiso de rebaixar o seu vertido pasando dos 40.000 m3 diarios a uns 4.000 m3/día. Con esta decisión, o goberno galego, máis que evitar a contaminación, o que vai facer é dispersala, mantendo ademais a afectación (recoñecida en todos os proxectos presentados) do actual emisario sobre os polígonos de bateas de Portonovo, a calidade das augas da Ría e o borde litoral da illa de Tambo, unha realidade coa que -inicialmente- se xustificaba a construción dun novo emisario. Máis unha vez, para a Xunta de Galicia, prevalecen os intereses da empresa ENCE sobre o interese xeral!

Xa por último, debemos indicar que no proxecto establécese que Augas de Galicia “poderá” realizar inspeccións e análises para comprobar a calidade das augas de vertido para ver se cumpren ou non as condicións fixadas na autorización; pois ben, para nós, deberíase substituír ese “poderá” por un “deberá”, que garanta que se van facer un número mínimo de inspeccións ao ano, sen previo aviso, para evitar posíbeis incumprimentos.

En base a todas as nosas argumentacións, temos solicitado:

1.- Que se retire o proxecto de ampliación da EDAR e se inicie unha nova tramitación pola vía ordinaria de avaliación ambiental tendo en conta as propostas recollidas nas nosas alegacións.

 

2.- Que se modifique a proposta de autorización de vertido para a EDAR e os emisarios tendo en conta os criterios recollidos nas nosas alegacións e, xa que logo, se vertan polo novo emisario tanto as augas procedentes da EDAR como aquelas vertidas pola empresa ENCE.

Ver abaixo as alegacións presentadas á Xunta de Galicia:

  • Alegacións presentadas á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Augas de Galicia. Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico.
  • Alegacións presentadas á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático. Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental. Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s