A Asociación Ecoloxista ADENCO celebrará este sábado 14 de decembro, no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas, un acto público a partir das 20h no que se presentará a revista conmemorativa dos 30 anos de Xeiras Micolóxicas.
O acto contará coa presentación do periodista Alejandro Mínguez, divulgador micolóxico desde hai anos e coa intervención de Marisa Castro, presidenta de honra do Grupo Micolóxico Galego, doutora en bioloxía e profesora na Universidade de Vigo, unha auténcia eminencia no mundo da micoloxía.
O acto está aberto á asistencia da cidadanía, de xeito libre, sen necesidade de apuntarse previamente, entregándose a revista que se presenta aos asistentes. Ademais, o colectivo entregará neste acto o Premio Río Tea á Defensa do Medio Ambiente, un galardón co que o colectivo ecoloxista quere recoñecer e agradecer o traballo de diferentes colectivos e persoas da comarca a prol da conservación da natureza. Así, con este premio quérese difundir o bo traballo que se leva facendo desde hai tempo por colectivos diversos, conscientes do valor do que nos rodea, da importancia de conservalo, do positivo que é, a todos os niveis, difundir a potencialidade do Medio e facilitar o asentamento de poboación no rural, que pode atopar na conservación da Natureza unha saída laboral respetuosa co Medio. O gañador do Premio deste ano revelarase no propio acto.
Rematar recordando que o acto está aberto á participación de quen considere, con entrada libre e gratuíta ata completar capacidade.