ADENCO festexa 30 anos de actividades micolóxicas coa presentación dunha revista conmemorativa

O Grupo Ecoloxista ADENCO festexou este sábado, no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas, coa presenza de numeroso público e representantes políticos da Comarca, 30 anos de actividades micolóxicas continuadas. O acto foi conducido por Alejandro Mínguez, periodista e divulgador micolóxico de Celanova, membro dunha familia de afeccionados á micoloxía moi coñecidos en Ourense, e contou coa participación de Marisa Castro, referencia na micoloxía galega, que debullou a historia da micoloxía galega nos últimos trinta anos, ou máis.

A Asociación Ecoloxista do Condado organizou un acto público no que se presentou, tamén, a revista conmemorativa dos 30 anos de actividades. A revista, cun saúdo da propia Marisa Castro, conta con artigos de Helena Villar Janeiro, Alejandro Mínguez e ilustracións do afamado debuxante Calros Silvar, ademais de recoller unha serie de recortes de prensa dos últimos corenta anos, do arquivo de Jaime Diz.

IV Premio Río Tea á defensa, conservación e divulgación do Medio Ambiente

Adenco entregou tamén o sábado o IV Premio Río Tea, que recoñece o traballo realizado por persoas e colectivos na Comarca. Este ano o colectivo decidiu entregarllo a Jaime Diz (Porriño, 1938), precursor na divulgación micolóxica coas actividades organizadas polo Círculo Recreativo da Vila do Louro a comezos dos 80. Ademais, Diz foi un dos descubridores da Amanita porriniensis, un raro cogomelo do que xa non se volveu ter novas e que foi descrito para a ciencia por este grupo de xente que comezou a pór en valor a micoloxía, que logo irradiou a outras comarcas e concellos galegos.

O Arquivo de Jaime Diz

Por último, Adenco agradece a cesión para a revista do arquivo de Diz, un inxente traballo realizado ao longo dos últimos cincuenta anos, nos que o porriñés recolleu, clasificou e arquivou metodicamente todo o que prensa galega publicou sobre a micoloxía no País, ademais de carteis e programas de actividades micolóxicas de case todos os concellos galegos.

Neste momento, o arquivo está en fase de ser adquirido por unha institución pública coa intención de dixitalizalo e polo á disposición de toda aquela persoa interesada.

Próximas actividades

A actividade do colectivo non cesa, e este sábado 21 de decembro, a partir das 20h, na Sala Multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo, proxectarase o documental O Salto, dirixido polo nevense Adrián González, que recolle a loita social contra a construción do encoro de Sela, no rio Minho internacional, un proxecto herdado do franquismo e que aínda está pendente de derrogarse definitivamente. Contaremos coa presenza do director, que manterá un coloquio co público. A entrada é libre e gratuíta ata completar capacidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s