ADEGA falla os Premios Osíxeno e Dioxina 2019

Esta xa é a 19ª edición dos premios Osíxeno e Dioxina cos que ADEGA quere subliñar o mellor e o peor do pasado ano desde a perspectiva ambiental e ecoloxista. Este 2019 prémiase en positivo á educación ambiental e, en negativo, a destrución do patrimonio ambiental e cultural a favor a industria forestal, enerxética e mineira.

Premio Osíxeno de Honra 2019

-Osíxeno de Honra: Concedido para subliñar unha traxectoria vital en defensa do ambiente e do patrimonio do país. Desta volta o premio Osíxeno de Honra recoñece o traballo e o compromiso coa natureza e a cultura de Galiza de Elvira Cienfuegos, catedrática de Ciencias Naturais, bióloga, docente, política e ex-secretaria xeral de ADEGA.

Premios Osíxeno 2019

Estes premios galardoan as mellores actitudes ou actuacións ambientais do ano.

-Premio Osíxeno individual 2019: Para Manuel García, un dos fundadores do Movemento Ecoloxista da Limia e da plataforma Auga Limpa Xa!, ademais de pioneiro na produción e comercialización de horta ecolóxica en Galiza, pola súa acción durante 2019 a prol da defensa ambiental da comarca da Limia fronte á contaminación de terras e mananciais procedente da industria cárnica intensiva, así como pola reivindicación dun modelo agrogandeiro máis sustentable. Actualmente, Coren ameaza con reclamarlle máis de 1 millóns de euros por presuntas “difamacións” contra a empresa.

-Premio Osíxeno colectivo 2019: ADEGA acordou outorgar este galardón á Asociación Ambiental Senda Nova, para poñer en valor o seu traballo durante 2019 e na última década a prol da educación ambiental nas comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes, converténdose nun referente na zona na organización de actividades de interpretación da Natureza.

Premios dioxina 2019

Estes premios entréganse a persoas e colectivos que teñen protagonizado as accións ou actitudes do ano máis nefastas para o medio ambiente galego.

-Premio Dioxina individual 2019: Acordouse por unanimidade outorgalo ao actual Director Xeral Enerxía e Minas, Ánxel Bernardo Tahoces, por avalar a autorización de proxectos altamente agresivos co medio natural (co rural e co mar) e con forte oposición social como a mina de Touro-O Pino, o parque eólico Serra do Iribio ou a mina de San Finx (Lousame), causa esta última pola que segue imputado por presunta prevaricación ambiental. Tahoces tamén foi un dos máximos instigadores da coñecida como “Lei de Depredación”, deseñada para socavar a protección ambiental e reducir o control público de actuacións agresivas como minas e instalacións enerxéticas.

-Premio Dioxina colectivo 2019: Para os responsábeis da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polo seu desleixo e actitude de “deixar facer” á industria forestal ou mineira fronte á protección do patrimonio cultural (Castro de Trinidade, Cova Eirós, Camiño de Santiago, etc.). A D. X. de Patrimonio Cultural, baixo a tutela dos seus responsábeis, semella actuar máis como un servizo forense que certifica as desfeitas do noso acervo arqueolóxico e histórico que como o organismo responsábel de velar pola súa conservación e recuperación, pois leva anos desatendendo as numerosas solicitudes de protección e catalogación de xacementos arqueolóxicos feitas por ADEGA.

Acto de entrega dos galardóns

Os galardóns serán entregados no decurso da Cea de Confraternización da 44ª Asemblea Xeral de ADEGA, que terá lugar o sábado, día 29 de febreiro, ás 20:00 horas, no Hostal Río Sil, da vila de Carballo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s