ADENCO festexa 30 anos de vida reafirmando a necesidade de lograr un cambio radical na nosa relación coa natureza

O Grupo Ecoloxista ADENCO festexa estes días o seu 30 aniversario, logo da constitución do colectivo o 23 de febreiro do 1990 en Ponteareas, 30 anos de vida a prol da conservación do Medio Ambiente na Comarca do Condado.

A Asociación Ecoloxista do Condado fundouse nun momento da historia recente na que o Medio Ambiente sufría un acoso constante por parte das diferentes administracións, cando problemas que hoxe parecerían ridículos eran cousa de tolos, cando para a natureza ninguén vía, cando ninguén se preocupaba polo ben común.

E hoxe, tristemente, recordamos que moitas das problemáticas que motivaron a constitución do colectivo aínda están pendentes de resolver. Despois de 30 anos de vida, Adenco continúa traballando de xeito constante, lento pero sen pausa, achegando á cidadanía novas iniciativas a prol da conservación do Medio Ambiente, difundindo, tamén, proxetos emprendedores e respetuosos para co Medio na Comarca.

Obxectivo: desparecer

Adenco, como outros moitos grupos ecoloxistas, ten un único obxectivo: desparecer. Esa é a meta pola que traballamos. Cando a nosa relación co Medio sexa de respecto mútuo, ese día disolverémonos e sentirémonos satisfeitos co traballo realizado. E todo isto xira en torno a tres principios fundamentais:

  1. O actual modelo económico é social e ambientalmente insostible. Calquera proxecto político responsable debe supeditar o desenvolvemento económico á capacidade dos ecosistemas para renovar os seus recursos naturais e asimilar as emisións contaminantes.
  2. É necesario un compromiso de cambio de dimensións estratéxicas. Sen unha firme vontade política de reformularse o modelo socioeconómico, calquera política ambiental quedará baleira de contido, sexa cal for o programa que a vertebre.
  3. Participación e transparencia non poden quedarse só en verbas. A participación é un dereito e como tal debe ser recoñecido a todos os axentes sociais, e a transparencia un deber e como tal é esixible en todos os ámbitos da Administración pública.

Porén, ese día, o día de disolverse, parece máis lonxano que nunca. Así, por relacionar só uns, destacamos dez cuestións pendentes para co Medio na Comarca do Condado:

1.- Depuración das augas residuais. A problemática relativa á depuración das augas residuais na Comarca é, xa, histórica. A día de hoxe, unha gran porcentaxe da poboación da comarca carece do servizo e, por outro lado, os sistemas que están activos non funcionan ben ou están mal dimensionados. Isto repercute nunha contaminación case crónica das augas do Tea e doutros ríos tributarios do principal afluínte do Miño no seu treito final, e na imposición de repetidas multas ás diferentes administracións. E, o peor, non parece que haxa solucións próximas, aínda que existen promesas constantes.

2.- Lumes e aproveitamento forestal sostible. O lume parece outra praga na Comarca. Pese a telo reiterado constantemente, non hai reversión real do aproveitamento forestal na comarca, salvando contadas excepcións moi meritorias. Parece que o rédito inmediato é no único que se pensa e son moitos os casos nos que novas obras de aproveitamentos forestais coa plantación de máis especies pirófitas nos nosos montes ocasionan danos nos bens do noso patrimonio.

3.- Xestión do lixo Cando comezaremos a pensar na redución de residuos? Cando volveremos recordar a importancia de reciclar. E, cando, realmente, repercutirán as administracións competentes o traballo na separación, reciclaxe e compostaxe dos residuos no recibo do lixo da cidadanía?

4.- Conservación e posta en valor do patrimonio físico. O patrimonio físico da comarca, pese a estar en moitos casos catalogado e inventariado, sofre en non poucas ocasións ataques que resultan letais. Castros, foxos, petróglifos, petos de ánimas, camiños, mámoas, …pouco está valorado, case nada está posto en valor. Levamos trinta anos denunciando o mesmo. Ata cando temos que esperar? 5.- Conservación dos bosques de ribeira As construcións das famosas sendas fluviais (todo alcalde quere esa foto pese a terse manifestado en contra na oposición) contribúen a destruír hábitats protexidos pola Unión Europea e que son acubillo de especies de fauna e flora en perigo ou en regresión. Ademais, os bosques son aliados na loita contra o cambio climático.

6.- Crecemento urbanístico sostible. Nos últimos anos, as redacións dos novos Plans Xerais de Ordenación Municipal esqueceron, como sempre, a variable ecolóxica. Pensamos nun crecemento infinito, sen datos, e esquecemos protexer espazos naturais, en escapar das ribeiras dos ríos ou en manter lugares protexidos lonxe de edificacións ou infraestruturas. Queda moito por facer para conseguir un crecemento urbanístico razoable e lóxico.

7.- Herbicidas e especies invasoras.  Pese a terse aprobado mocións nos plenos dos concellos da comarca, quedaron gardadas nun caixón. Non se traballa a prol de novos medios no control do mato ou das herbas nos camiños, non se elaboran, e cumpren, plans de eliminación, ou polo menos control, das especies invasoras. Tamén é certo que se non damos feito cos problemas maiores, isto xa sería para nota.

8.- Faltan propostas para fomentar a agricultura local e ecolóxica.  Como demandamos desde hai tempo, debería a administración promover formación en agricultura ecolóxica, ou canto menos local, fomentándoa e apoiándoa, recabando, por exemplo, produtos locais e ecolóxicos para os seus comedores ou para os seus servizos sociais.

9.- Redución da contaminación urbana e pegada ecolóxica. Para reducir as repercusións da contaminación urbana (atmosférica, lumínica, acústica…) sobre a saúde pública non só é preciso reducir as fontes de contaminación senón que é fundamental a actuación decidida da administración municipal, que fomente e promova ademais a implicación de ámbitos como a industria, o transporte ou a cidadanía. Así, os concellos deberían deseñar e poñer en marcha directrices de actuación nesta liña e campañas de corresponsabilidade cidadá.

Ademais, resulta imprescindible reducir o impacto ambiental xerado pola elevada demanda cidadá dos recursos existentes no medio. O crecemento da pegada ecolóxica actual non é unha realidade allea nin aos concello nin á comarca. Por iso, unha das prioridades municipais sería deseñar estratexias para minimizar este impacto nas que se inclúan a rehabilitación de inmobles con criterios bioclimáticos, o impulso do emprego de enerxías renovables, a reutilización e optimización do patrimonio edificado, a posta en marcha de campañas de eficiencia enerxética no fogar, de redución de xeración de residuos e de sensibilización e consumo responsable.

10.- Traballar a prol da mobilidade sostible.  Resulta necesaria o deseño e posta en marcha dun Plan de Mobilidade Local e Comarcal, que permita aos habitantes dos núcleos existentes no Concello e na Comarca a posibilidade do desprazamento en transporte público, reducindo a dependencia dos vehículos propios. Por outra banda, desde a entidade municipal debería fomentarse o emprego de medios de locomoción sustentables como a bicicleta, coa creación de carrís bici no concello ou a creación dun sistema de alugueiro de bicicletas, entre outras iniciativas. Porén, non existen aparcamentos para bicicletas e falamos, case cada pouco, en facer aparcamentos soterrados no centro dalgunhas vilas da comarca.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s