Outro vertedoiro máis nas Somozas e 10.000 t de residuos do Prestige aínda sen tratar

A Xunta está a tramitar a AAI (Autorización Ambiental Integrada) dun novo vertedoiro para 1,03 millóns de m3 de refugallos industriais no polígono industrial das Somozas. Trátase das instalacións da antiga SOGARISA, sociedade pública de xestión de residuos industriais, agora “UTE PMA-CONTECO/SOGARISA”. No parque empresarial das SOMOZAS localízanse varias empresas xestoras de refugallos que acumulan numerosas denuncias por verteduras, cheiros e incendios ocasionais.

Un vertedoiro de residuos perigosos sen estudo xeotécnico a 250 m da Rede Natura

As instalacións para as que se solicita a AAI, incluido o novo vertedoiro, están destinadas ao procesamento e depósito de residuos industriais, moitos deles tóxicos e perigosos. A ubicación dun complexo industrial destas características na cabeceira da ZEC Ortigueira-Mera, supón un alto risco para o medio ambiente e a saúde. Este elevado risco, corroborado polas múltiplas infraccións que por verteduras, cheiros e emisións á atmosfera teñen xerado as empresas ubicadas no parque empresarial das Somozas, aumentaría coas intervencións proxectadas, ao facelo o movemento de residuos perigosos, as emisións á atmosfera e ao medio acuático derivadas do seu procesamento, e os propios riscos asociados ao depósito de máis de 1 millón de m3 de residuos potencialmente perigosos.

.
Chama tamén a atención que na documentación da solicitude non consta a elaboración dun estudo xeotécnico para este novo macro-vertedoiro como correspondería a unha instalación destas dimensións, capacidade e natureza dos residuos recepcionados. A empresa pretende facer valer un informe xeolóxico elaborado para todo o complexo en 2007, mais entendemos que para avaliar correctamente os riscos, o correcto deseño e estabilidade dos taludes e doutros factores estruturais, inestabilidades sísmicas, comportamento hidrolóxico, etc. é imprescindíbel realizacion dun estudo xeotécnico propio e específico para o novo depósito. Non facelo é unha omisión moi grave e podería ser causa de anulación da AAI, e mesmo devir en responsabilidades civís e xudiciais para a administración de acontecer un accidente.

Os refugallos do Prestige sen tratar e a nova ameaza do lindano

Confórmase tamén a presenza dunhas 10.000 toneladas de refugallos do Prestige aínda sen procesar no recinto da empresa. Trátase de “trajes, envases, arenas, etc. depositados en la antigua balsa de aguas pluviales del DDS I [depósito de seguridade I]“ ao parecer “herdados” do anterior concesionario. Resulta case obsceno que se pretenda abrir un novo vertedoiro cando 18 anos despois do afundimento do Prestige non se pode aínda garantir o tratamento dos milleiros de toneladas de refugallos provocados por aquela catástrofe, máis aló de amorealos sine die

.
Quizais o máis preocupante do sexa a intención non disimulada da concesionaria de depositar no novo vertedoiro arredor de 300.000 t de terras contaminadas con lindano. Este é un dos argumentos para optar pola construción dun novo depósito con maior capacidade: “La Administración Autonómica está valorando la posibilidad de llevar a cabo en la zona de O Porriño una importante actuación de descontaminación de suelos con alto contenido en lindano.”

.
A eventual chegada ás Somozas de materiais contaminados con lindano non é unha xustificación válida para optar pola construción dun vertedeiro de maior capacidade, tendo en conta que a Xunta aínda non cubicou o volume e toxicidade destes refugallos, nen elaborou o pertinente proxecto de recuperación e descontaminación, como confirma unha investigación analítica encargada pola D. X. de Calidade Ambiental a finais de 2017.

Galiza, capital estatal dos residuos

Resulta paradoxal que mentres o tecido industrial galego esvaécese, a Xunta segue teimando en converter a nosa terra nun enorme depósito de refugallos perigosos procedentes de todo o Estado. Un perfecto exemplo da “economía circular” que entende a Xunta: outros producen os bens, fican cos beneficios e marchan (Alcoa, Riotinto, Zeltia…) mentres Galiza “pecha o círculo” apandando cos refugallos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s