O Grupo Ecoloxista ADENCO felicita ao Concello de Ponteareas pola recuperación da Ponte de San Roque sete anos despois

O Grupo Ecoloxista ADENCO trasladou esta mañá os seus parabéns ao Concello de Ponteareas pola recuperación da Ponte de San Roque, que sufriu un atentado patrimonial no ano 2013. Desde entón, os ecoloxistas demandaron a recuperación da peza do baluarte da ponte que caeu ao río, e que agora se repuxo.

“Mostramos a nosa inmensa alegría ante estes feitos e estamos orgullosos dun Concello que necesita sete anos para recolocar unha pedra no seu lugar. Así as cousas, estamos convencidas que as nosas netas non verán a depuradora que este Concello necesita en funcionamento ou calquera outra infraestrutura relevante. Se son precisos sete anos para isto, cantos necesitamos para a depuradora?”

Como dicíamos xa no ano 2013 a Ponte Vella de Ponteareas é de fábrica de cantaría de granito ben conformada. Ten unha orixe medieval, como se pode constatar grazas á súa morfoloxía alombada e aos abondosos sinais lapidarios que atopamos no perpiaño. Conta con catro arcos, tres oxivais, con dous grandes tallamares contracorrente, que evidencian que a ponte foi erguida arredor dos séculos XIII ou XV. E, como indica a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia o Concello de Ponteareas, propietario da ponte, está obrigado a “a conservala, coidala e protexela debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrucción ou deterioración”.

A desidia da administración e a destrución do patrimonio en Ponteareas Para o colectivo ecoloxista o que resulta máis sorprendente é a desidia e inacción da administración. O Concello de Ponteareas tense erixido nestes últimos anos como un enemigo moi perigoso para o patrimonio cultural do Concello. Así, entre os ataques máis grandiosos consta a destrución de parte dun dos parapetos defensivos do Castro da Croa en Ribadetea ou a pretensión de colocar un pasamáns na Ponte románica do Cabalón, en Angoares, onde se furaron as pedras da ponte aínda que finalmente non se colocou o previsto, grazas á presión e denuncia social, sen esquecer pretender realizar un aparcadoiro público na zona arqueolóxica protexida da desaparecida igrexa de San Gregorio.

Adenco recorda que estes feitos tamén acarrearon multas que temos que pagar toda a veciñanza e resulta moi pouco exemplarificante que sexa a administración a que non cumpra a lexislación un día si e outro tamén.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s