Feudalismo eólico: cesións a custo cero e cláusulas leoninas con “expropiación pactada” nos contratos de arrendamento

Algúns contratos eólicos son pouco menos que insultantes para os titulares das terras. Prezos ridículos e cláusulas escandalosamente favorábeis para as empresas, que mesmo ofrecen opcións de arrendamento a 5 anos pagando CERO! Mesmo pretenden que os propietarios renuncien por contrato ao seu dereito a percibir un prezo xusto en caso de expropiación, aceptando o que marque a empresa…

ADEGA vén de acceder a uns “contratos modelo” que unha empresa eólica (Green Capital Power SL) está a presentar á veciñanza afectada por futuros proxectos.
Debruzamos algunhas das vergoñentas condicións que recollen estes contratos para os parques eólicos da última fornada. Estas condicións cuase-feudais son consecuencia directa da nefasta planificación eólica da Xunta, empeñada en reducir prazos, trámites e garantías para beneficiar a estas empresas, nas que rematan atopando acubillo altos cargos xa amortizados

O contrato de “opción de arrendamento”

Trátase dun contrato polo que os titulares dos predios conceden á empresa eólica un dereito de opción en exclusiva para arrendar os terreos. Deste xeito e mentres se desenvolven os trámites do parque, a eólica poderá dispoñer das terras para realizar os traballos precisos (medicións, prospeccións etc.) por un periodo de entre 3 e 5 anos. Este contrato de “opción de arrendamento” garante á empresa a exclusividade dos terreos, arredando a posíbeis competidoras que talvez ofrezan mellores condicións…
Pola contra, para os titulares das fincas este contrato non reporta beneficio algún, xa que o custo é gratuíto para a empresa. Ben ao contrario, durante 5 anos os propietarios verán como as súas terras só poden ser usadas en exclusiva pola eólica, debéndolles franquear o acceso. Mesmo se as queren vender deben garantir que manterán os dereitos adquiridos pola empresa. Iso sí, esta poderá ceder estes dereitos a quen lle pete, sen necesidade de compensar nen sequera de informar ao propietario, o que claramente constitúe unha manobra especulativa.

O contrato de arrendamento con cláusula de “expropiación pactada”

Este segundo contrato é o que presenta a empresa aos titulares das terras nas que a Xunta xa autorizou un parque eólico. É un contrato de alugueiro, o máis frecuente, para adquirir un dereito de superficie por 30 anos ampliábeis a 50.
Polo que atinxe aos prezos, e malia a que no contrato non se indica a potencia do parque (18 MW) nen o número de aeroxeradores (9), as cantidades ofrecidas pola empresa equivale a uns 2000€/MW e ano, o que o sitúa no rango máis baixo dos prezos que actualmente se están a ofertar.

Mais alén do prezo, o contrato recolle cláusulas escandalosamente favorábeis para a empresa: poder ceder ou transmitir os dereitos sobre a terra sen que os propietarios poidan revisar ou renegociar a renda; mentras que estes se queren vender as propiedades quedan obrigados a subrogar o contrato coa eólica. Asemade a empresa arrógase o dereito de rescindir unilateralmente o contrato se as instalacións “non resultan rentábeis” por calquera causa.

Quizáis o máis escandaloso sexa a chamada cláusula de “expropiación pactada”: acontece en caso de que sexa imposíbel elevar a público o contrato, por non estaren actualizadas as escrituras das terras no Rexistro da Propiedade. Daquela, a empresa propón que os propietarios autoricen a ocupación renunciando á indemnización correspondente, para logo subscribiren un “mutuo acordo” coas condicións que a empresa oferta no presente contrato. Deste xeito, e ao teren renunciado a chegar ao xurado de expropiación, os titulares das terras non poden defender a súa valoración fronte á da empresa, xa que aceptaron esta. É unha versión actualizada dos “tratados” das potencias coloniais cos indíxenas, para usurpar as terras trocándoas por trapos e quincalla.

As recomendacións do Observatorio Eólico e dos grupos de investigación galegos

O Observatorio Eólico de Galiza da UVigo e a Fund. Juana de Vega teñen publicado diversas recomendacións, así como modelos de contrato para os propietarios de terreos eólicos, xa sexan particulares ou comunidades de montes. Estes documentos supoñen unha importante axuda para a veciñanza afectada e deberan constituir un mínimo imprescindíbel e irrenunciábel a partir do cal comezar a negociar.
Entre as recomendacións figuran algunhas que o contrato de Green Capital Power SL analisado non cumpre:
-Identificación clara do parque (localización, número de muíños, potencia instalada, etc.) e de todas afeccións e servidumes: neste caso, nin se di cantos muíños se van instalar nin de que potencia…
-Constituir o dereito de superficie sobre o espazo efectivamente ocupado polas instalacións e non sobre a totalidade das fincas, usando documentos de maior valor xurídico e rexeitando acudir ao Catastro, como é o caso…
-Establecer claramente as obrigas e os usos permitidos e prohibidos para as partes, tamén no proceso de desmantelamento, e non deixalas a discreción da empresa.
-Participación na facturación ou pago por potencia instalada, en troques de alugueiro, incluindo clausulas de pagamento mínimo e revisión anual, alén do IPC.
-Clausulas de produtividade, de igualación e de mellora que permitan trasladar ás rendas as melloras na rendibilidade do parque.
-Primeiro pago á sinatura do contrato e non ao ano seguinte da posta en marcha das instalacións, como se propón neste caso…

E en caso de non chegar a un acordo e ter que ir á expropiación, é importante contar cunha peritación que valore todos os atributos do monte, rexeitando aceptar a valoración feita pola empresa. As apreciacións que presentan as eólicas poden ser mesmo 100 veces menores que as que vertadeiramente posúen as

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: