A APDR presenta suxestións ao regulamento de xestión de residuos sólidos urbanos do Concello de Pontevedra

“Asociación Pola Defensa da Ría” presentou a pasada semana as súas primeiras suxestións ao Regulamento de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos (RXRSU), un regulamento que propón o Concello pola extinción do contrato coa empresa que viña desenvolvendo este servizo; trátase, fundamentalmente, de consideracións xerais que afectan ao que poderiamos chamar a “filosofía” do Regulamento e que entendemos débense abordar previamente á discusión e deseño das medidas concretas a poñer en funcionamento.

Neste sentido, temos proposto que o Concello asuma a xestión deste servizo de forma directa, a súa REMUNICIPALIZACIÓN, unha modalidade que entendemos socialmente máis xusta e que pode ser máis eficaz e eficiente. E debemos indicar que esta opción (que foi sempre posíbel) veu o camiño facilitado desde o punto de vista legal ou burocrático desde o momento en que o Tribunal Constitucional (sentencia do 31/10/2018) avalou esta opción ao anular as disposicións adicionais 26 e 34 dos Presupostos Xerais do Estado do 2017, que lexislaban, respectivamente, sobre as limitacións á incorporación de persoal laboral ao sector público, e sobre esixencias ás administracións públicas e ás entidades do sector público.

Como queira que a xestión directa non persegue -como fai a privada- a xeración de beneficios económicos, non está suxeita ao IVE e, ademais, está “primada” no que ten que ver co imposto de sociedades, de xestionarse ben, debe resultar economicamente e socialmente máis xusta que a xestión en mans dunha empresa privada.

Para a APDR, o novo RXRSU debe asumir novas políticas de recollida, tratamento e xestión que permitan superar a chamada política das 3Rs (Reducir, Reutilizar, e Reciclar) para conseguir unha maior eficiencia do servizo e un maior respecto polo medio ambiente. E debe estar presidido por unha máxima que poderiamos formular como “O mellor residuo é o que non se xera”, para poder camiñar cara ao desexábel nivel 0 de xeración de residuos, un obxectivo que se antolla utópico pero que debe estar presente á hora de deseñar as propostas concretas do novo Regulamento.

E, na APDR, consideramos fundamental para a posta en práctica das medidas contempladas no futuro Regulamento, a implicación da cidadanía, tanto a nivel individual como a organizada en colectivos sociais, o que debe obrigar ao Concello a buscar vías de participación social máis alá da simple presentación de suxestións a un texto dispositivo. Neste sentido, o Concello deberá establecer, no propio regulamento, medidas que impliquen aos distintos sectores sociais no bo funcionamento de todas aquelas actuacións encamiñadas á redución, separación, reciclaxe e reutilización dos residuos sólidos, buscando solucións imaxinativas para conseguir a complicidade das persoas a nivel individual, e tratar de incorporar nestas tarefas ás asociacións e entidades sociais organizadas (é o caso de Boa Vida ou Reto) que adican os seus esforzos á inclusión activa dándolle, ao tempo, unha segunda vida a moitos recursos que noutro caso irían parar ao lixo. Do mesmo xeito, debe botar esforzos en conseguir implicar aos establecementos comerciais que -en función do sector no que desenvolven a súa actividade- inciden na xeración de residuos, primando ou penalizando -para cada un dos actores sociais que vimos de citar- a participación na súa redución ou a xeración desmedida dos mesmos.

En base a estas ideas, temos presentado unha serie de medidas concretas que serán definidas con maior amplitude (e en función do grao de aceptación de cada unha delas polo Concello nesta primeira fase), no momento no que exista xa un texto elaborado e previamente á súa aprobación definitiva.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s