
Dende o Grupo Naturalista Hábitat comprácenos comunicarvos que xa tedes a vosa disposición, na sección de publicacións da nosa páxina web, unha nova Mobella, neste caso xa a número 23 que atinxe ao bienio 2018/2019 que, coma sempre, ven cargada de novidades e artigos tremendamente interesantes para todos os afeccionados ao naturalismo.
Para ir abrindo boca do que podedes atopar nas súas páxinas: abordamos unha retrospectiva dos 40 anos do grupo, que cumprimos no 2019, que inclúe fotografías históricas. Falamos dos nosos grupos de traballo con artigos sobre as arceas, a píllara das dunas e o noso proxecto Noucho. E na sección de divulgación sacamos peito, dende a perspectiva que dá o paso do tempo, do noso inmenso esforzo para sacar adiante o mapa de biodiversidade do Concello da Coruña (MABIAC) e poñemos en valor o interesantísimo traballo da Asociación Micolóxica Coruñesa.