Carta aberta ao Conselleiro de Economía da Xunta de Galicia

Sr. Conde,

Vimos de ler as súas declaracións sobre a mesa de diálogo prevista para analizar o futuro da empresa ENCE e, con sinceridade, non somos quen de saber se as fai Vde. no nome da empresa ou se cre estar representando con elas ao conxunto do pobo galego. Dicirlle, en todo caso, que con elas está Vde. moi lonxe de quen, sendo maioría na nosa comarca, non podemos entender que o goberno galego se afane na defensa da ilegalidade fronte á defensa do ben común, do dereito que temos a recuperar algo que é de todos e todas nós!

Con efecto, das súas declaracións despréndese que para Vde. o primordial é conseguir a permanencia de ENCE en Lourizán e que cumprir a Lei é secundario! Admite así Vde. as esixencias de ENCE, que pretende “dialogar” coa máxima de “ou en Lourizán, ou en Lourizán”, unha posición que, terá que recoñecer, invalida calquera mesa de diálogo. Vde., como a empresa, pretende impoñer unha solución que ademais de ilóxica e ilexítima é ilegal. ENCE tivo 30 anos de prórroga (desde o 1988 até 2018) para saír dun emprazamento que, por Lei, non podía seguir ocupando máis alá desa data; e foron Vds., o PP, quen se pregaron aos ilegais intereses empresariais permitíndolles continuar máis aló desa data e mesmo trataron de perpetuar esta situación concedéndolle unha prórroga ilexítima e contraria á Lei. E a situación á que se enfronta hoxe ENCE (pendente do fallo da Audiencia Nacional e abocada ao cese da súa actividade industrial en Lourizán) é responsabilidade exclusiva de ENCE e o PP!

Debería saber Vde. que ENCE non pode continuar en Lourizán porque a Lei non o permite; e non estamos a falar da futura Lei de Cambio Climático á que Vde. atribúe unha transcendencia que, neste caso, para nada ten…; falamos da Lei de Costas de 2013, froito da modificación que o seu partido fixo da Lei de Costas de 1988, que ENCE, como calquera concesión en dominio público marítimo-terrestre (DPMT) ten que cumprir, e que no artigo 32 establece que estes terreos resérvanse para aquelas actividades que, pola súa natureza, precisen estar neles, que non é o caso de ENCE. Debería saber tamén que o límite máximo de permanencia en DPMT, de 75 anos (incluídas prórrogas), vén fixado na Lei de Patrimonio do Estado, de obrigado cumprimento para a fábrica de Lourizán.

Así pois, Sr. Conde, aínda que se retirase o artigo 18 da Lei -cousa que non depende nin dos seus desexos, nin sequera do goberno, por estar na fase de tramitación parlamentar- ENCE seguiría tendo a súa continuidade en Lourizán comprometida pola lexislación vixente. E, que vai facer Vde., Sr. Conde? Vai esixir tamén que se eliminen estas Leis? Ou, como veñen facendo desde a Xunta de Galicia, seguirán buscando atallos para sortear a aplicación da lexislación a ENCE?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: