· O proxecto, denominado Parque Eólico de Prada e que se atopa na fase de consultas, pretende instalar aeroxeradores no entorno dos Montes de Pena Trevinca e do Macizo Central Galego.
· A Federación Ecoloxista Galega alerta dos graves impactos que a posible construción deste parque eólico provocaría nunha zona de tan alto valor ambiental e ecolóxico.

Dentro da fase de consultas relativa ao Documento de Inicio do Proxecto do denominado Parque Eólico de Prada, iniciada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Cambio Climático, a Federación Ecoloxista Galega remitiu a este organismo un informe no que alerta dos graves impactos que a posible construción deste parque eólico provocaría nunha zona que posúe valores naturais que se deben conservar, amais das potencialidades de desenvolvemento sostible incompatibles con este proxecto, máxime, engaden, cando xa existen na contorna varias instalacións hidroeléctricas a producir electricidade.
En primeiro lugar, o informe da FEG sinala que na documentación presentada non se xustifican as necesidades enerxéticas precisas para satisfacer esta instalación e que, se ben é certo que é necesario transitar cara unha produción de enerxía que non incremente os niveis de gases de invernadoiro, esta transición non se pode realizar a costa de danar irreversiblemente a biodiversidade nin os recursos que manteñen as poboacións rurais xa que deste modo non se contribúe a frear o cambio climático global. O informe sostén que tendo en conta o impacto que orixinan os parques de produción, é necesario estimar con detalle as verdadeiras necesidades e buscar os mellores rendementos na produción e no consumo. Lonxe disto, a FEG denuncia que en Galicia se está a dar un crecemento desordenado, sendo o de Prada un dos máis de 60 proxectos que actualmente se atopan en diferentes fases de tramitación e para os que non existe unha planificación que busque o axuste da produción á demanda, sendo que o resultado desta política enerxética caótica será, sen dúbida, a afectación dos sistemas naturais e a redución dos recursos existentes e potenciais no medio rural.
Zona de alto valor ecolóxico.
No informe da FEG incídese nos impactos negativos que a construción do parque, así coma as edificacións e liñas de alta tensión para evacuar a electricidade, producirían no entorno de Pena Trevinca, unha zona cuxa riqueza da flora e da fauna fai necesaria a súa preservación. Trátase, sinalan dende a organización ecoloxista, dun ecosistema onde os organismos están adaptados a unha área onde se produce a transición entre o clima atlántico e o mediterráneo, en condicións de difícil supervivencia dadas as baixas temperaturas, e no que aparecen especies de plantas e animais, así como hábitats, que as directivas comunitarias obrigan a protexer. Proba disto é que se teñen citado na zona máis de 170 especies de aves, aparte dunha grande diversidade doutros vertebrados e invertebrados, mais resulta paradigmático o caso de dúas especies extremadamente sensibles á presencia de parques eólicos e liñas de alta tensión: a aguia real (Aquila chrysaetos), que presenta poucas parellas atopándose en regresión en Galicia, e a aguia perdiceira (Aquila fasciata), unha especie relíctica para a que se ten detectado por seguimento electrónico o seu paso pola área. As consecuencias son claras e moi probablemente estas especies se extingan definitivamente en Galicia se o parque eólico chegara a construírse.
Os impactos non afectan so á biodiversidade.
O informe alerta tamén da destrución dunha grande cantidade de solos, solos pobres, pouco desenvoltos polas dificultades de evolución, pero que, precisamente por isto, é necesario conservar. Dita destrución de solos afectará á vexetación, pero tamén aos recursos hídricos e á capacidade de produción de recursos naturais e débese ter en conta que, a zona onde se pretende instalar o parque eólico está considerada polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia como zona para a produción de Produtos Galegos de Calidade, concretamente para o PGC Castaña de Galicia, unha potencialidade de desenvolvemento sostible que desaparecería coa construción do parque.
Pero un dos impactos máis destacables é o que afectará á paisaxe, xa que o proxecto pretende instalar, no alto da Serra do Eixe, 31 aeroxeradores que acadan preto dos 200 m de altura e que, polo tanto, serán visibles dende moitos quilómetros de distancia, cambiando por completo a fisionomía da serra. Se temos en conta que este territorio, pola súa riqueza natural e paisaxística, constitúe un valioso recurso para o turismo sustentable onde se realizan actividades de montañismo e sendeirismo, con importantes recursos xeolóxicos e biolóxicos e onde se poden atopar elementos para a educación, a investigación ou a recreación, o dano económico e social que provocará o parque pode preverse de grande magnitude e irreversible.
É por estas razóns de protección ambiental e de evitación do dano económico e social, e o consecuente despoboamento da zona, polas que, no informe remitido ao MITECO dende a Federación Ecoloxista Galega, se solicita que se deteña de forma definitiva a tramitación desta ou de calquera outra iniciativa de construción dun parque eólico nesta área.