O CES celebra o Día do Medio Ambiente coa actividade educativa “Coidemos as nosas dunas”

Na semana do 5 de xuño, e despois de ser interrompido o curso pasado pola pandemia, o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) retomou o proxecto educativo “Coidemos as nosas dunas”, que leva varios anos desenvolvendo en colaboración co IES de Sanxenxo, ao que de novo agradecemos a súa colaboración.

Debido ás caracterísiticas especiais deste curso, e só agora que a situación pandémica mellorou moito, únicamente se levou a cabo unha saída polo ecosistema dunar da praia de Baltar, en Portonovo, tendo en conta que as actividades ao aire libre son máis seguras que as da propia aula por haber menor risco de contaxio.

Durante esta saída, o alumnado de 1º ESO puido coñecer a historia deste ecosistema duns 10.000 anos de antigüidade, e como nos últimos 40 anos perdeu máis da metade da súa extensión.

Tamén aprenderon a identificar os tipos de dunas e a necesidade da súa conservación por distintos motivos: reservas de biodiversidade, almacén de area necesario para o equilibrio das praias, ecosistemas escasos e en desaparición, patrimonio natural e cultural, e atractivo turístico, entre outros.

Así mesmo coñeceron algunhas das especies e plantas dunares e a súas adaptacións, froito da evolución durante miles de anos neste entorno aparentemente tan hostil. Esta alta especialización destas plantas é o que as fai tan vulnerables e incapaces de sobrevivir cando o ecosistema dunar é alterado.

Tamén se analizaron todos os impactos negativos que actualmente actúan sobre estas dunas, como son as rozas indiscriminadas e paso de tractores por parte do Concello, que están a beneficiar a expansión das especies invasoras, compactan o terreo, eliminan especies dunares e refuxios para a fauna.

Esta errónea xestión dun espazo natural como se fose un xardín urbano, é a que fai que moita xente camiñe fóra das pasarelas e por riba da superficie dunar. Por este motivo o CES solicitou varias veces ao Concello a reutilización das estacas anti covid de Silgar para protexer o espazo dunar, sen recibir ningunha resposta.

Neste día do Medio Ambiente, queremos recordar á Consellería de Medio Ambiente e ao Concello, que as especies invasoras están a aumentar a súa expansión neste ecosistema, despois de que levemos dous anos sen poder organizar nós mesmos unha eliminación, debido á pandemia. Pero que esta tarefa deberían facela as administracións e facer efectiva a protección destes hábitats protexidos pola U.E. e a Lei de Costas. E unha vez máis, que todos estes impactos se solucionarían coa rexeneración definitiva da zona de duna gris, empezada por Costas no ano 2007, e que o alcalde se comprometeu a continuar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s