- O xulgado contencioso nº3 de Pontevedra acaba de fallar contra as instalacións deportivas do Celta construídas en terreos rústico de especial protección forestal en Mos. A maxistrada revocou a licencia municipal e declarou a cidade deportiva non conforme a dereito.
A Comunidade de Montes de Tameiga declárase satisfeita coa sentenza, xa que ven a darlle a razón a súa querela interposta pola ilegalidade das obras da “cidade deportiva” do Celta.
Tal como denunciaron tamén Ecoloxistas en Acción e a Asociación Veciñal A Portela de Tameiga, a maxistrada do xulgado nº3 de Pontevedra falla contra a licencia pola que o goberno local de Mos pretendía permitír a construcción dun edificio de case 3.000 m.2 cando pola cualificación do solo, rústico de especial protección, só podía construirse uns pequenos vestiarios e almacén imprescindible.
A Comunidade de Montes sinala que a cidade deportiva carece de ningunha cobertura legal, xa que o Plan Especial de Infraestruturas que o goberno de Nidia Arévalo tentaba tramitar de xeito expres foi informado desfavorablemente pola Confederación hidrográfica Miño-Sil quedando así descartada a súa aprobación.
A directiva da comunidade de montes parabeniza a toda a veciñanza comuneira que durante estes máis de tres anos de loita non cederon as ameazas, insultos e a campaña de atosigamento mediante denuncias realizada pola alcaldesa do Partido Popular, principal promotora deste desproposito urbanístico.
A veciñanza comuneira de Tameiga agarda que esta sentenza serva ademais de exemplo para todo aqueles que desde as administracións se pensan que poden obrar por encima da lei e ás empresas que operan con tan malas prácticas como as do presidente do Celta, Carlos Mouriño.