Lignito, encoros, eólicos e agora eucaliptos: Galiza, unha colonia perfecta para ENDESA

Rematado o carbón, ENDESA teima en seguir a espremer a comarca do Eume. Xa deixou claro que pode facer o que lle peta co río, mais agora quere entrar tamén no negocio do eucalipto cun plantío de 543 hectaéas…

Logo de décadas de explotación dos recursos mineiros e hidráulicos da bacía do Eume, ENDESA xerou unha enorme débeda ambiental que as administracións nunca reclamaron. Mesmo despois de ter contaminado a eito 50 anos coa súa central de carbón, a Xunta autorizoulle unha restauración “low cost” ´para convertir o enorme oco da mina de lignito nun mal chamado “lago”, abrindo a billa e usando o Eume como subministrador gratuíto.
Os seculares (e impunes) incumprimentos dos caudais ecolóxicos no encoro da Capela, tamén no Eume, culmimaron hai uns meses cun vergoñento episodio de contaminación do río, causado pola cobiza e a insubmisión da empresa: o río perténcelle e fai o que lle peta á marxe do que diga a Xunta. O “incidente” resolveuse cunha proposta de sanción que rematará de seguro nun longo litixio xudicial.


E mentras, a Xunta segue a demorar a aprobación do PRUX do Parque Natural das Fragas do Eume (e van xa 25 anos) perpetuando a situación cada vez máis crítica dun espazo que ENDESA considera o seu patio traseiro.

As alternativas de ENDESA: ou eucaliptos ou lume

A esta longa lista de agravios xúntase agora a proposta de sementar de Eucalyptus nitens preto de 600 hectáreas na contorna da balsa mineira. A empresa xustifica esta intervención pola necesidade de poñer en produción terreos “abandonados” fundamentalmente matogueiras, cuxa vocación debe ser exclusivamente forestal. A empresa esquece intencionadamente que os hábitats de matogueira, quer as matogueiras higrófilas, cumpren unha importante función ecosistémica como reguladores do ciclo hídrico, fixadores de carbono e acubillo dunha variada e sensíbel biodiversidade.


Na súa valoración das alternativas, a promotora asocia o mantemento do actual estado das parcelas nas que predomina a matogueira cunha menor biodiversidade, un maior risco de lumes e unha maior sensibilidade á “delincuencia incendiaria”. Mesmo chega a relacionar este suposto “abandono” actual cun posíbel incremento do uso da zona como vertedoiro.


As plantacións forestais, máis aínda as de especies exóticas invasoras como o Eucalyptus nitens “perigosas para os ecosistemas forestais e semi-naturais” segundo ditame CC 30/2017 do Comité Científico Español de Flora e Fauna Silvestres, amosan unha menor biodiversidade que os hábitats de bosque natural e mesmo de matogueiras, teñen un elevado consumo de auga, unha alta escorrentía e baixa retención, aumentando a incidencia dos fenómenos erosivos.
Polo que atinxe á “delincuencia incendiaria”, esta non se relaciona coa natureza da coberteira vexetal, como por cento indican os varios informes anuais da Fiscalía Delegada de medio ambiente, urbanismo e incendios do TSXG e si con outros factores de índole socio-económica, nos que por certo a constante presión das empresas forestais por ocupar cada vez máis territorio ten moito a ver.

Forte impacto sobre o patrimonio natural e cultural

Na memoria ambiental do plantío ENDESA conclúe que malia que na cartografía consultada están presentes variados hábitats de interese europeo (4030, 4090, 6510, 3110) e mesmo prioritarios (4020*, 91E0*) listados no Anexo I da Directiva 92/43 CE de Hábitats, segundo os redactores do proxecto ningún deles está presente nas áreas obxecto de intervención, agás o hábitat 91E0* nun pequeno polígono de 3,98 hectáreas. Porén, nas fotografías correspondentes ás áreas nas que a cartografía do Ministerio localiza os hábitats, son claramente identificábeis teselas dos hábitats de interese europeo e prioritarios anteriormente citados, coa posíbel engádega do 7110* (turbeiras ácidas ou turbeiras altas activas).

No referente ás especies, a promotora conclúe que non detectou ningún individuo de especies ameazadas ou en risco das listadas no Inventario Español de Especies Terrestres e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Porén, ecoloxistas e investigadores vimos realizando un seguemento da biodiversidade (vertebrados) da bacía alta do Eume, incluída a área obxecto de intervención, e puidemos verificar a presenza de numerosas especies, concretamente 83 xusto na zona afectada polo proxecto. Algunhas destas especies presentes na área das plantacións propostas (concretamente 3 de anfibios, e 3 de aves) atópanse en diversas categorías de ameaza. Merece especial mención a presenza da tartaraña cincenta (Circus pygargus) unha rapina esteparia considerada como “vulnerábel” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e cuxa principal ameaza é a fragmentación e a transformación do seu hábitat de monte baixo en plantacións forestais.

No inventario de afeccións ao patrimonio sinálase a presenza de numerosos elementos catalogados, principalmente mámoas (19) e un castro afectados polo proxecto. De feito, toda esta área podería ser considerada como unha zona arqueolóxica dada a importante concentración de xacementos presentes, aos que probabelmente habería que engadir algúns máis de térense desenvolvido campañas de prospección. A empresa limitarase a balizar e respectar un perímetro de 15 metros para as mámoas e 25 para os castros, e a aproveitar para a plantación as contornas de protección dos bens mediante un “subsolado superficial” de 25 cm. Pedras son pedras…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: