Empresa familiar de Córdoba pretende furar o Macizo Central cunha nova central hidroeléctrica

O Ministerio vén de someter a consultas previas para a elaboración do documento de alcance unha solicitude da empresa “Santa Eulalia Energía S.L.” para construir unha central de bombeo en caverna de 160MW no concello de A Veiga, en pleno Macizo Central.


Non é o único proxecto de central de bombeo en tramitación: tanto Iberdrola como Naturgy teñen presentado varios megaproxectos no Macizo Central e A Limia para “aproveitar excedentes de produción de renovábeis non xestionábeis”, isto é, acumular a enerxía dos eólicos non colocada no mercado, mais tamén das nucleares.

A febre do megawatio entra nunha nova fase especulativa. Agora abonda con fundar unha empresa con 3000€, presentar un proxecto hidroeléctrico para furar o Macizo Central e, de prosperar, facer caixa revendendo a concesión. Total, nesta colonia hai ríos para aburrir!

A excusa da transición enerxética para seguir lucrándose a costa do ambiente

Desta volta a central hidroeléctrica promovida pola empresa Santa Eulalia Energía S.L. pretende conectar os encoros de Portas e Santa Eulalia, na bacía do Xares mediante túneis e a excavación dunha central soterrada baixo o Macizo Central. As obras precisarán tamén da apertura de quilómetros de pistas, canteiras e vertedoiros, alén da correspondente liña de evacuación eléctrica.
Dase a circunstancia de que as obras da proxectada central atinxen a un territorio incluído na proposta de ampliación da RN2000 que comezou a tramitar a Xunta no ano 2008, concretamente ao alongamento da ZEC Macizo Central (ver figura).


Esta ampliación pretendía aumentar a representatividade dos bosques aluviais mediterráneos (hábitat 91E0*, prioritario) na bacía do río Xares (concellos de A Veiga e O Bolo) e dar así resposta ás eivas e apontadas pola Comisión Europea na Decisión 2006/613/CE pola que se adoptaba a listaxe de espazos da Rexión Bioxeográfica Mediterránea.


O incumprimento reiterado por parte das Administracións autonómica e estatal dos requerimentos da Comisión Europea para ampliar a Rede Natura 2000 en Galiza, deu lugar á apertura dun procedemento formal de infracción que podería rematar en fortes multas.

O promotor xustifica o proxecto atendendo ao “Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2021-2030” para acadar os obxectivos de redución de emisións e penetración das enerxías renovábeis. Porén, esquece que no que atinxe ás actuacións derivadas do plano que se desenvolvan en masas de auga, como os bombeos hidráulicos, o PNIEC recolle de xeito textual que “os bombeos hidráulicos terán que cumprir o disposto no plano hidrolóxico e en todo caso situaranse fóra da Rede Natura 2000 e/ou espazos protexidos, por canto son proxectos con impactos moi importantes como modificacións morfolóxicas de canles e ribeiras, así como perda de biodiversidade.”

Agora se entende a renuencia de Núñez Feijóo a ampliar a Rede Natura 2000 galega, desbotando a proposta elaborada polo bipartito en 2008 e a súa propia de 2012.

Nova fase especulativa: trapicheo de megawatios

Como nos tempos do fraguismo coas concesións das minicentrais hidroeléctricas, as leis do mercado e as administracións cómplices están a provocar unha tola carreira por facerse cos megawatios, na que tamén hai sitio para as “pymes”.


No caso deste proxecto, a empresa promotora non é unha grande eléctrica como Iberdrola ou Naturgy con varias centrais similares en tramitación en Galiza, senón Santa Eulalia Energía S.L. constituída en setembro de 2020 con 3.000€ de capital. É parte dun profuso novelo empresarial con sé nun polígono industrial de Córdoba, propiedade da familia López Magdaleno, con actividade no sector da consultoría enerxética, participación e xestión de capiitais, mesmo “offshore”.


Todo parece indicar que este tipo de empresas constituidas ad hoc e sen capacidade para desenvolver un proxecto desta magnitude, teñen por obxecto especular coa revenda das concesións, ofrecendo aos seus investidores un rápido beneficio.


Estamos ante unha nova febre do megawatio e a nosa terra ofrece, coa aquiescencia e a colaboración necesaria da Xunta, enormes posibilidades de beneficio para este tipo de “emprendedores”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: