A Xunta financia a manipulación dos máis cativos sobre as “bondades” do eucalipto

ADEGA asiste alarmada á última campaña “educativa” que está a desenvolver o lobby do eucalipto nos centros de ensino públicos de Galiza e advirte aos docentes e á sociedade galega en xeral da intención desta campaña que, malia a presentarse como a de “dar a coñecer o sector forestal galego”, en realidade pretende infundir entre os máis cativos e cativas unha opinión positiva sobre o eucalipto e as “bondades” de cultivar especies invasoras no noso territorio. Para máis indignación, a campaña conta co apoio económico da Xunta de Galiza, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, da Vicepresidencia 2ª, Consellaría de Economía, Empresa e Innovación.

Mentres Galiza vai camiño de ter a cuarta parte do seu territorio afectado directamente por especies invasoras, nomeadamente eucalipto, o lobby da madeira pon o seu foco nas novas xeracións, especialmente nos menores de idade. Recentemente, a Asociación de Empresarios de la 1ª Transformación de la Madera de Lugo, organización “sen ánimo de lucro” que agrupa a 280 empresas do sector forestal (vencelladas maioritariamente co eucalipto), vén de enviar correos electrónicos a centros escolares para ofrecer unhas “charlas informativas en los colegios de infantil y primaria” co título “O sector forestal: tan próximo como descoñecido’”.

Pódese pensar inocentemente que as charlas versarán sobre arborado autóctono e o potencial do monte multiprodutivo, pero nada máis lonxe disto: da man da Sra. Piñones, e do Sr. Calipto (sic) queren dar charlas “de 1 a 2 horas” a un público sensible: “niños de entre 6 y 12 años”. Quererá entón a Asociación de Empresarios de la 1ª Transformación de la Madera de Lugo que os nenos comecen a plantar Piñones e Caliptos xa antes da súa maioría de idade?

Desde ADEGA expresamos a nosa sorpresa e inquedanza ante tal iniciativa apoiada con recursos públicos, que incita a pensar que realmente o que pretende é asegurar o relevo xeracional na desastrosa transformación do territorio galego nun monocultivo forestal. E todo da man dunha asociación supostamente “sen ánimo de lucro” que, segundo afirman, “tiene entre sus objetivos la divulgación del sector, y dar a conocer los beneficios que este supone para Galicia, para el medio rural y en general para la sociedad y para el medio ambiente”. 

Gustaríanos saber que beneficios “para el medio ambiente” ten destruír milleiros de hectáreas de grande diversidade biolóxica e hábitats prístinos de matogueiras, prados de sega, carballeiras centenarias e riquísimos bosques de ribeira en paupérrimas plantacións dunha especie considerada invasora polo propio Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente español e de marcado carácter pirófito, como é o eucalipto.

Un koala como mascota do sector forestal galego e das “bondades” do eucalipto

Na páxina web da asociación forestal aparecen fotografías de actividades similares, nas que aparecen os e as menores, que semellan xogar cun simpático koala de peluche que sospeitamos que é a mascota da Asociación. Lembremos que o koala (Phascolarctos cinereus) é unha especie australiana que non está presente na Galiza. Desde ADEGA queremos pensar que non hai interese algún por parte da Asociación de Empresarios de la 1ª Transformación de la Madera de Lugo de deformar a realidade da escasísima diversidade animal (e vexetal, fungal e microbiana) das plantacións de eucaliptos en Lugo e en toda Galiza insinuando aos e ás menores de idade que aquí hai koalas…

Ademais, no diploma de “Defensor do sector forestal” que se lles entrega aos nenos e nenas por participar póñense ao mesmo nivel de percepción o esquío e o koala, aproveitando o aspecto bondadoso e tenro do koala para “vender” aos nenos e nenas as supostas bondades de ter eucaliptos.

Queixa diante das institucións educativas

Desde ADEGA rexeitamos que a administración pública invista recursos de todos e todas as galegas en campañas de manipulación da opinión pública, especialmente da poboación máis cativa, cara a unha percepción positiva do monocultivo do eucalipto e de especies invasoras en xeral, que ocultan ou minimizan intencionadamente o efecto ambiental negativo que estas especies exercen sobre a contorna.

Por tanto, instamos á Xunta de Galiza a que retire o seu apoio a esta campaña e recomendamos aos centros educativos que rexeiten esta proposta de actividade con espurias intencións. Tamén presentaremos a oportuna queixa na Consellaría de Educación, no Consello Escolar de Galiza, na Valedora do Pobo e advertiremos a ANPAS e sindicatos de ensino.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: