A Federación Ecoloxista Galega chama a participar nas concentracións do 11D

Máis de 170 colectivos, plataformas e entidades galegas de carácter ecoloxista, veciñal, social, cultural, sindical ou político que forman parte da coordinadora “Eólica Así Non” chaman a participar na multitude de accións descentralizadas por toda Galiza que se celebrarán o próximo sábado 11 de Decembro, día mundial das montañas, nunha grande mobilización fronte á actual invasión eólica.

Non é casualidade que se elixira este día e o lema NA DEFENSA DAS MONTAÑAS, EÓLICA ASÍ NON. Na actualidade as administracións galega e estatal están a tramitar máis de 300 proxectos de instalacións de produción de enerxía eólica e case outras tantas liñas de alta tensión, de evacuación da electricidade que alí se produciría. Estes proxectos, que se aproveitan dunha falla de ordenamento escandalosa, non respectan as necesidades de conservación do noso patrimonio natural, cultural, social e paisaxístico. E as principais prexudicadas van ser as nosas montañas; de levarse adiante aínda que sexa so unha parte destes proxectos, a súa fisionomía cambiaría por completo, e os ecosistemas, os recursos as paisaxes veríanse seriamente degradados.

Ninguén dubida da necesidade presente e futura da enerxía eólica. Pero esta necesidade non so pode, senón que debe, facerse compatible coa conservación dos nosos sistemas naturais e culturais, das nosas paisaxes e, en definitiva, das nosas oportunidades de futuro como sociedade. Resulta en primeiro lugar imprescindible realizar un esforzo para reducir o consumo de todas as formas de enerxía, e existe un grande campo de posibilidades no terreo da diminución na demanda enerxética, para poder acadar os obxectivos de redución de emisións de gases de invernadoiro que nos temos proposto. Resulta imprescindible tamén e ao mesmo tempo realizar dunha forma ordenada a implantación das enerxías alternativas que permita cubrir as nosas necesidades e manter a integridade dos nosos sistemas naturais.

Pero na actualidade, estanse a tramitar proxectos que ameazan a conservación dos ecosistemas e mesmo dos nosos sistemas produtivos baseados na explotación sostible dos nosos recursos naturais, proxectos que son unha verdadeira ameaza para a supervivencia das poboacións rurais e para o turismo sostible que viña gañando peso nos últimos anos. Moitos destes parques proxectados ocupan terreos dedicados á protección de acordo coa Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres ao instalarse en áreas protexidas da Rede Natura 2000 ou nas zonas de protección dos hábitats da lista da Directiva que teñen establecido tanto a Xunta de Galicia como o MITECO. O número de proxectos e as súas dimensións, e a ocupación dos nosos sistemas montañosos, crean un escuro panorama para o futuro da natureza pero tamén para o futuro da sociedade rural; todo indica que, coa desculpa da transición enerxética, preténdese levar a cabo un disparatado negocio que vai provocar un serio dano e a comprometer o progreso.

Diante desta ameaza, dende a Federación Ecoloxista Galega amosamos o noso total apoio ás 22 mobilizacións que están convocadas en todo o territorio de Galicia e chamamos a participar aos cidadáns en defensa dun cambio sostible e razoable, que permita conservar a nosa natureza, os nosos recursos, as nosas paisaxes e os nosos valores.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s