Alegacións ao proxecto de actuación sobre as Presas de Residuos Mineiros N.º 1 e N.º 2 do Grupo Mineiro San Finx (Lousame), presentado por Tungsten San Finx S.L. no procedemento de restauración do Dominio Público Hidráulico afectado polas presas de San Finx

  • Alegamos as intencións da Empresa que xestiona as Minas de verter os residuos mineiros tóxicos e contaminantes á Ría de Muros-Noia
  • Denunciamos a misteriosa “desaparición” das balsas de residuos convertidas agora en presas de centrais hidroeléctricas
  • Aguas de Galicia e o Grupo Mineiro San Finx queren desta maneira evitar os preceptivos estudos de Impacto Ambiental

No BOP da Coruña do Mércores, 10 de novembro de 2021, a Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, publicou Anuncio de Información pública do Proxecto de Adecuación do Cauce no Rego das Rabaceiras no procedemento de restauración do Dominio Público Hidráulico afectado polas presas de San Finx, no lugar das Minas de San Fins, no Concello de Lousame.

A explotación mineira denominada “Grupo Mineiro San Finx” situada no concello de Lousame parou a súa actividade en 1990, quedando abandonada en 2000, ano no que se deixaron de presentar os preceptivos plans anuais de labores. Trátase dunha explotación que ven provocando contaminación por metais pesados no curso fluvial contiguo e na Ría de Muros e Noia, espazo da Rede Natura 2000 (LIC Esteiro do Tambre). Formaron sempre parte de dita explotación dúas presas de residuos mineiros, construídas respectivamente en 1928 e 1939, cunha función de decantación de lodos e sólidos en suspensión, e que figuraban na documentación administrativa da explotación, constando tamén no “Inventario de Balsas y Escombreras de la Comunidad Autónoma de Galicia” de 1999 e noutra documentación técnica.

En 2009 retomouse a explotación mineira mediante un proxecto de explotación e un plan de restauración aprobados nese mesmo ano sen sometérense ao procedemento de avaliación de impacto ambiental, sen realizar calquera consulta ao órgano ambiental ou restantes órganos sectoriais (incluíndo Augas de Galicia) e sen someterse a información pública, tamén preceptiva para os plans de restauración. Tanto o proxecto de explotación como o plan de restauración aprobados omitiron, entre outros extremos ambientalmente relevantes, a existencia das dúas presas de residuos mineiros de toda a documentación, tentando así evitar a responsabilidade da entón empresa concesionaria mineira, e facendo con que ambas presas permanezan na actualidade en estado de abandono e colmatadas de residuos mineiros, co correspondente risco ante a eventualidade de rotura ou falla crítica.

A partir de 2016 sucédense as denuncias en relación á existencia, estado de abandono e riscos asociados a estas presas de residuos mineiros. Lonxe de actuar, a Administración de minas ven tentando encubrir a situación causada pola súa omisión das presas en 2009, chegando a emitir informes indicando que as presas serían “irrefutablemente” presas “hidroeléctricas” e non de residuos mineiros, a pesar da ampla documentación administrativa obrante no expediente do Grupo Mineiro San Finx e noutros fondos documentais que confirma o seu uso e concepción mineira como instalacións de residuos. Vense pretendendo, dese xeito, evitar non só a responsabilidade da empresa concesionaria mineira pola debida restauración dos espazos afectados pola actividade mineira, máis tamén encubrir a propia actuación dos funcionarios e cargos responsables pola omisión que levou á exclusión das presas do proxecto de restauración e plan de restauración aprobados en 2009 e á omisión continuada logo das numerosas denuncias que alertaban á esa Administración sobre a situación producida.

Coñecedores destes feitos e antecedentes, os funcionarios e autoridades de Augas de Galicia, en conivencia coa empresa concesionaria mineira Tungsten San Finx SL e os funcionarios e autoridades do órgano substantivo mineiro, iniciaron en 2020 un procedemento “de restauración do dominio público hidráulico afectado polas presas de San Finx”, coa pretensión de consumar a descaracterización xurídica de ditas instalacións de residuos mineiros de modo que fose Augas de Galicia (e o erario público) a asumir a responsabilidade sobre as mesmas. De feito, o proxecto que se somete a información pública di ser un “un dragado fluvial de menos de 100.000 m3” (p. 20), omitindo a natureza dos residuos a extraer (que se pretenden facer pasar por inertes) e da instalación na que se encontran. Este proceder buscaría ademais encubrir a actuación previa de varios funcionarios e un ex-alto cargo do órgano mineiro, que neste preciso momento están sendo investigados por un posible delito de falsidade en documento público nunhas DPA instruídas no Xulgado de 1ª Instancia e Instrución N.º 1 de Noia.

É neste contexto que se produce o anuncio de información pública no marco do cal se formulan as presentes alegacións, en relación ao documento “Proyecto de adecuación del cauce en el rego das Rabaceiras” de 5 de xullo de 2021 que presenta ante a Administración hidráulica a concesionaria mineira Tungsten San Finx SL. As actuacións contemplan retirar unha parte dos residuos mineiros acumulados nas presas, máis non a eliminación das propias presas. Tanto os residuos como as propias presas son descaracterizadas da súa natureza, e lonxe de enmarcar as actuacións dentro das obrigas legais do concesionario mineiro, preséntanse como “como una mejora ambiental del entorno de la mina, dentro del programa de Responsabilidad Social Corporativa y del compromiso de TSF con la sostenibilidad y la preservación del medio ambiente” e “como una medida medioambiental compensatoria a realizar por TSF para mejorar el estado global del río y para asegurar el comportamiento estructural de ambas presas, 1 y 2, situadas en el mismo, pero sin realizar acciones en el propio cuerpo de la presa.” Estas pretensións son contrarias a Dereito e supoñen a presunta comisión de ilícitos penais.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: