Balanzo 2021: o ano do espolio disfrazado de transición verde

O 2021 foi o ano da oficialización do espolio do territorio galego a prol dun fraudulento interese xeral e dunha falsa transición “ecolóxica” non participada pola sociedade, baseada no sacrificio do medio ambiente e deseñada á vontade dos grandes lobbys económicos. Nomeadamente, a grande industria enerxética, forestal e mineira están a utilizar a escusa da transición verde para acaparar os devecidos fondos Next Generation e para seguir esquilmando os nosos xa escasos recursos naturais: as enerxías renovábeis á costa da biodiversidade, a eucaliptización a prol da neutralidade climática ou a denominada “minaría sustentábel” encabezan o camiño cara a unha transición verde, improvisada, caótica, antidemocrática e antiecolóxica apoiada na inestimábel axuda e conivencia das administracións públicas, que, no caso do executivo galego, nin tan sequera se molesta xa en disimular…

Ofensiva eólica colonizadora e devastadora para o medio rural e natural

No ano 2021, tanto o lobby enerxético como os gobernos do Estado e da Xunta por fin sacaron a falsaria máscara da transición ecolóxica e deixaron ver ás claras as súas verdadeiras intencións: ceder inxentes cantidades de fondos públicos (Fondos Next Generation) ás grandes multinacionais para que estas deseñen á súa vontade a folla de ruta dunha suposta transición cara á descarbonización. En realidade, detrás, está a cara máis agresiva do sistema capitalista: recupéranse vellas e rancias formas de ocupación colonialista, recórtanse abertamente dereitos democráticos e intensifícase a destrución do patrimonio natural e cultural sen importar o futuro.

En 2021 superouse en Galiza a cifra dos 300 proxectos macroeólicos e dos 10.000 MW de potencia eólica en tramitación, o que se deu en conformar nunha irracional, antidemocrática e espoliadora invasión eólica, baseada nunha planificación obsoleta e favorecida polas “leis da depredación”. Dun xeito case proporcional a esta avalancha eólica xurdiron na súa contra senllos movementos asociativos, sociais e veciñais ao longo de todo o territorio galego que canalizaron a súa acción a través de varias redes ou plataformas reivindicativas como a Coordinadora Eólica Así Non ou a Rede Stop Eólicos, e nun ámbito máis amplo, como o Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica ou a Alianza Enerxía e Territorio (ALIENTE). En Galiza, a contestación social contra a invasión eólica foi contundente e fíxose especialmente patente nas mobilizacións multitudinarias do pasado 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, e do pasado 11 de decembro, Día Mundial das Montañas, organizadas ambas pola Coordinadora Eólica Así Non, nas que se reclamou a moratoria de todos os proxectos en tramitación e unha nova planificación eólica.

Máis recurtes democráticos e privatización da acción pública

Ao tempo, o goberno da Xunta fixo efectivos pola vía de urxencia novos instrumentos de recorte democrático na participación pública que xa viñera configurando desde os inicios da pandemia: en 2021 aprobou a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica ou coñecida como a Lei de depredación Bis. Esta nova norma achanta aínda máis o camiño burocrático-administrativo das empresas depredadoras e redunda na redución dos prazos de exposición pública e no achicamento do dereito á participación pública da cidadanía, que xa encamiñara a Lei de fomento de iniciativas empresariais de 2017, deixando a veciñanza afectada e á sociedade galega en xeral nunha absoluta situación de desprotección fronte as ansias especulativas das empresas. ADEGA viuse obrigada a recorrer á Valedora do Pobo para denunciar a vulneración de dereitos fundamentais.

Ademais disto, esta nova norma reduce o papel da administración pública a unha mera receptora e dispensadora automática de autorizacións, privatizando as funcións de avaliación, inspección e control dos proxectos. Para máis inri, o goberno do PP emenda a súa propia planificación eólica e permite autorizar proxectos de macroaeroxeradores fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) á discreción do Consello da Xunta, polo que o 79% do territorio galego (agás Rede Natura) pasa a ser solo potencial territorio a ocupar polas empresas enerxéticas.

Deixazón de funcións en materia de conservación ambiental

A este proceso de desdemocratización súmase unha total deixazón de funcións en materia de conservación ambiental por parte da Xunta de Galiza. Dez anos despois da última proposta frustada de ampliación da Rede Natura, en 2021 non se produce nin un aceno de cambio neste eido, malia á ameaza latente da UE de sancionar ao Estado español por non completar a Rede Natura 2000, a existencia de sentenzas xudiciais (como a do PE Iribio) que advirten desta deficiencia, os expedientes de investigación iniciados na CE, ou pese a un cada vez máis crecente clamor popular que esixe unha rede galega decente e representativa de espazos naturais protexidos. As Fragas do Eume, o Xurés, o Macizo Central, Pena Trevinca, o Courel….ningún destes espazos naturais protexidos de extraordinario valor escapan á voracidade do Capital, pois grande parte dos proxectos eólicos que hoxe están en tramitación forman parte de propostas de ampliación da RN2000, parques naturais ou zonas próximas e áreas de conectividade ecolóxica fundamentais para acadar o obxectivo europeo de conservación.

As falsas moratorias do PP ante as novas vagas de eólicos e de eucaliptos

Nun exercicio de manipulación e confusión da opinión pública, o executivo de Núñez Feijóo, promoveu en 2021 dúas moratorias, unha eólica e outra forestal, que lonxe de responder ás demandas sociais, provocaron un efecto chamada nos sectores que, en teoría, pretendía limitar. No caso da moratoria eólica, esta non terá efecto sobre os proxectos en tramitación previos ao 1 de xaneiro de 2022, polo que a moratoria anunciada non terá efectividade real sobre a actual invasión eólica. E no caso da moratoria do eucalipto, anunciada xa en 2020, o resultado foi un “efecto chamada” que intensificou como nunca a eliminación de bosque autóctono e a proliferación de plantacións de eucalipto en Galiza, tanto legais como ilegais. Tal efecto, negado taxantemente pola adminsitración galega, foi patente a simple vista e fronte ao que ADEGA respondeu cun reforzo da súa actividade de vixilancia e de denuncia de repoboacións ilegais. En tan só 6 meses presentou na Consellaría de Medio Rural máis dun cento de denuncias pola ocupación ilegal  con eucalipto dunha superficie equivalente a máis de 200 campos de fútbol. No 60% dos casos denunciados, eliminouse bosque autóctono para a plantación da especie invasora, datos que só visualizan a punta do iceberg dunha nova vaga eucaliptizadora que, aínda por riba, presenta ferramenta cara á neutralidade de carbono. 

Debaixo deste veo “vede” tamén se intentou enmarcarar o novo plano forestal e a súa versión máis ultra-produtivista, aprobada finalmente en 2021, na que se pula polo aumento da superficie forestal (nomeadamente de eucalipto e piñeiro) para favorecer o aumento de “sumidoiros” de gases de efecto invernadoiro, cando o que  se pretende é seguir favorecendo un modelo forestal depredador, aniquilador do rural e que só beneficia a ENCE e ás enerxéticas.  Neste eido, cando menos o 2021, déixanos unha boa nova que só se pode atribuír á inesgotábel acción de defensa ecoloxista e social: a Audicencia Nacional anula (por terceira vez) a prórroga da concesión de ENCE en Pontevedra.

O lobo: unha poderosa arma de confrontación política

En febreiro de 2021 tería lugar un fito histórico para o patrimonio natural de Galiza e do Estado: o lobo pasaría a ser especie protexida tamén ao norte do Douro, ao incluírse na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE). Este cambio de estatus, lonxe de aproveitarse como unha oportunidade para demandar ao goberno do Estado colaboración para o reforzo dos instrumentos de protección da especie e de medidas de convivencia entre esta e a gandería, foi a escusa ideal para iniciar por parte da Xunta unha descarnada e inmoral campaña mediática antilobo que utilizaría como “chivo expiatorio” doutras problemáticas estruturais do rural galego e que ademais lle serviría para atacar politicamente ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ao goberno de Sánchez. Mais, esta batalla mediática e política, que acabou finalmente nos xulgados (aínda que con pouco éxito ata o momento por parte da Xunta) tenta esquivar a necesidade de chegar a verdadeiras e eficaces solucións que garantan a preservación desta especie e ao tempo que favorezan a súa convivencia co sector gandeiro.

Así e todo, malia a considerase un paso importante na protección da especie, o cambio de estatus do lobo é insuficiente por canto segue contemplando a caza como método de control poboacional e elimina da Estratexia de Conservación a necesidade dunha avaliación específica do estado de conservación da especie diante da nova vaga eólica.

Ríos: Trabas e trécolas para evitar a caducidade de concesións mineiras e hidroeléctricas

No ámbito dos ríos, 2021 foi o ano dunha desvergoña e dunha insolencia máis descarada do habitual por parte de concesionarias mineiras e hidroeléctricas. Poucos meses despois de ser rexeitado por Industria, rexorde o proxecto de reapertura da mina de Touro-O Pino, agora envolto nunha suposta cobertura social e reformulación técnica, que porén, segue sen poñer solución á desfeita ambiental xerada pola mineira nos últimos 35 anos e que segue contaminando os ríos tributarios do Ulla e á Ría de Arousa. Tamén a mineira de San Fins (Lousame) resucitou en 2021 o proxecto “zombi” de reapertura da mina de 2009, a través da recuperación dunha solicitude de permiso de vertedura de 2016 que consistía en depositar sobre a ría de Noia millóns de metros cúbicos de augas contaminadas, un procedemento que ficou caduco por silencio administrativo de Augas de Galiza. Porén, logo de 4 anos do remate do prazo de resolución, o organismo de augas acolle de novo a pretensión da mineira e dá por válido o procedemento administrativo orixinal para tramitar o permiso de vertedura, contradicindo o datos hidrolóxicos oficiais e sen obrigar á promotora a realizar o preceptivo estudo de impacto ambiental. A reactivación de ambos proxectos mineiros puxo de novo en alerta aos sectores e á veciñanza afectados, que se ven obrigados a retomar as mobilizacións. 

Tamén en 2021, ano no que se someteron a exposición pública os novos plans hidrolóxicos das bacías de competencia autonómica e estatal, Xunta e Estado amósanse especialmente renuentes a liberar os nosos ríos de encoros caducados. Un caso paradigmático foi o da central Ponte Inferno, no río Verdugo, cuxo expediente de extinción non foi concluído en prazo e expirou, obrigando a ADEGA e Pladever a reclamar a Augas de Galiza o inicio dun novo expediente de caducidade. O “despiste” da Xunta favoreceu de facto a prórroga da explotación hidroeléctica do río Verdugo por parte da compañía Naturgy. No caso do Estado, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil saca de novo a concurso concesións xa caducas, no canto de obrigar ás concesionarias a eliminar as barraxes declaradas extintas para restituír o estado ecolóxico do río (p.ex. central do río Loña, en Pereiro de Aguiar).

Mais foi especialmente escandaloso o descaro con que algunhas concesionarias hidroeléctricas fixeron descender os caudais dos ríos galegos a mínimos históricos e en plena época de estiaxe para producir electricidade, e cando o prezo da luz acadaba máximos anuais. Uns feitos que a foron postos en coñecemento da Fiscalía por parte de ADEGA por poder constituír posíbeis delitos contra a fauna, a flora e o medio ambiente por parte das concesionarias, e mesmo de suposta prevaricación por omisión por parte da Xunta e do Estado.  En maio, Augas de Galiza resolveu o expediente sancionador contra Endesa polo enlodamento do río Eume e a mala xestión do encoro da Capela, mais desbotou promover unha investigación penal polo acontecido, obrigar a Endesa a tratar os lodos do encoro en terra ou iniciar un expediente de extinción dunha concesión de explotación hidroeléctica que persiste por máis de 50 anos no Parque Natural das Fragas do Eume.

2022: Previsiblemente, o ano da xudicialización da desfeita ambiental

Perante a ofensiva que o lobby enerxético, forestal e mineiro presentaron en 2021 contra o territorio galego, amparada nunha fraudulenta e capitalista transición ecolóxica, todo apunta a que 2022 será o ano no que a defensa ambiental do país se dirimirá nos xulgados, se as administracións públicas non cambian de modelo enerxético e forestal e non se poñen do lado do pobo.

Desde ADEGA instamos tanto á Xunta como ao Estado a defender o interese público da sociedade galega fronte os intereses privados das grandes multinacionais depredadoras, a frear con moratorias reais e eficaces a actual e aloucada carreira cara á destrución irreversíbel do noso territorio e a favorecer a participación pública e o diálogo coa sociedade na procura de modelos de transición máis soberanos, xustos e ecolóxicos. Doutro xeito, a sociedade civil verase obrigada a defender os seus dereitos e o medio ambiente galego nos tribunais e mesmo chegar até as últimas instancias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: