A APDR presentou suxestións á modificación do Plan sectorial de ENCE

A “Asociación Pola Defensa da Ría” vén de presentar suxestións no “Trámite de consultas previas” do procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria do plan denominado “Modificación nº 1 do Proxecto sectorial para o asentamento industrial de Lourizán (Pontevedra)”, un PSIS que foi ditado no seu día para a instalación dunha fábrica de papel tisú e que perde a súa virtualidade cando se pretende aplicar a cuestións que nada teñen que ver con aquel obxectivo.

Segundo afirman ENCE e a Xunta, “resulta imprescindíbel modificar o PSIS para poder cumprir os compromisos adquiridos pola empresa pola concesión da prórroga”, compromisos que teñen que ver coas melloras na “eficiencia enerxética”, na “integración paisaxística” e con certos aspectos asociados á instalación dun novo emisario submarino para a EDAR de Os Praceres e que, entre outras actuacións, implican a substitución da caldeira de recuperación e a “rexeneración” das balsas de decantación.

Porén, nos documentos presentados por ENCE, que falan da concesión da prórroga e destes compromisos coa Xunta para xustificar tal modificación, omítese de forma interesada que a Audiencia Nacional ten anulado aquela decisión, o que condiciona de forma notábel o seu futuro en Lourizán e, xa que logo, os compromisos adquiridos coa Xunta de Galicia e o propio expediente de modificación do PSIS agora proposto. Para nós, este comportamento esixe, por si mesmo, a retirada do proxecto e a redacción de nova documentación por parte da empresa.

Pero, para maior abondamento, debemos ter en conta que no Informe Financeiro do primeiro semestre de 2021, ENCE afirma que boa parte das actuacións propostas naqueles compromisos “xa están executadas” e, ademais, que “as sentenzas da Audiencia Nacional deixan en suspenso os compromisos adquiridos” coa Xunta, polo que resulta absolutamente improcedente realizar as modificacións do PSIS agora propostas.

Así pois, en base a esta realidade, esiximos a paralización inmediata do proxecto e que a súa tramitación se pospoña até o momento no que as sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga ilegal da empresa, adquiran firmeza, tramitación que -evidentemente- só tería razón de ser no improbábel caso de que o Tribunal Supremo modifique as amentadas sentenzas e falle a favor da permanencia de ENCE en Lourizán.

En coherencia coa nosa análise, propoñemos que, entre as tres posíbeis opcións presentadas no documento de “Análisis de Alternativas” para levar adiante o obxectivo, se elixa a denominada alternativa 0, definida como “a non realización da modificación do PSIS”, fronte ás alternativas 1 e 2 que se diferencian no xeito no que unha e outra ordenan os elementos que maior impacto visual
presentan, principalmente aqueles que teñen que ver coa nova caldeira de recuperación.

Finalmente, no que fai ás actuacións contidas no anteproxecto “Novo emisario submarino da EDAR de Praceres na Ría de Pontevedra” (ao que fixemos alegacións no seu día), solicitamos a súa tramitación de forma independente ao resto das actuacións contempladas no proxecto de modificación do PSIS de ENCE en Lourizán, considerando -no seu caso- as novas circunstancias derivadas do fin da actividade da empresa en Lourizán.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: