A FEG diríxese á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo denunciando o Parque Eólico Xesteirón pola ocupación de Habitats protexidos

A Federación Ecoloxista Galega reitera a súa preocupación pola proliferación de proxectos de parques eólicos localizados en espazos naturais sensibles. A Administración segue a tramitar estes proxectos incumprindo a normativa europea: a FEG ven de dirixir un escrito á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo solicitando apertura de investigación para o cumprimento da Directiva 92/43/CEE en materia de conservación ou inicie un expediente sancionador por este incumprimento.

A controvertida produción de electricidade a partir do vento, ocupando áreas de especial interese de conservación que implica a imposibilidade de recuperación da flora, fauna e hábitats unha vez instalada a infraestrutura, considérase desde a FEG unha cuestión de urxencia a tratar.

A chamada invasión eólica está chegando aos redutos naturais ameazando con destruílos. Moitos destes lugares posúen hábitats protexidos pola Directiva 92/43/CEE do Consello de Europa, do 21 de malo de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e de la fauna e flora silvestres, e están ademais recoñecidos, catalogados e cartografados pola Xunta de Galicia que polo tanto ten a obriga de protexelos. Porén, a Administración segue a tramitar estes proxectos que implican o incumprimento de lexislación comunitaria.

Anteriormente, a FEG xa ten dirixido alegacións a varios proxectos de dubidosa legalidade por encontrarse en espazos protexidos. Nesta ocasión, a Federación Ecoloxista ven de dirixir un escrito á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo solicitando que se abra unha investigación que determine a magnitude deste incumprimento no caso concreto do PE de Xesteirón, un proxecto que levaría a levantar 10 aeroxeneradores de 200m de altura con 4,5MW de potencia cada un e que se pretende construír na provincia de Ourense, nos termos municipais de Chandrexa da Queixa e Montederramo. A construción deste parque implicaría a destrución de hábitats que figuran na lista da Directiva, concretamente os denominados “ríos dos pisos basal a montano”, “ríos de ribeiras lamacentas con vexetación de Chenopodion rubri p.p. e de Bidention p.p.”, “queirugais secos europeos” e “carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica” tal e como ten identificado a Xunta de Galicia nesa zona.

Para la Federación Ecoloxista Galega, a proliferación de parques eólicos en zonas de montaña supoñen unha seria ameaza para a biodiversidade e o elevado número de proxectos que se están tramitando como o do PE Xesteirón suporía a destrución dun grande número de hábitats que levaría á desaparición de ecosistemas e de elementos significativos da nosa flora e da nosa fauna, ademais de poñer en perigo os recursos de numerosas poboacións do entorno. Trátase ademais de ecosistemas que presentan un proceso de evolución especialmente lento e dificultoso, dadas as baixas temperaturas e a acidez que proporcionan aos solos as rocas silíceas sobre as que se desenvolven. Estas condicións que dificultan a evolución por sucesión ecolóxica son as que favorecen a aparición de solos turbosos dada a dificultade para a descomposición da materia orgánica. Estes solos que acumulan grandes cantidades de materia orgánica constitúen precisamente por iso un potente sumidoiro de carbono que pode contribuír á diminución da concentración do CO2 da atmosfera; a súa destrución ten a consecuencia contraria. A afectación de ecosistemas fluviais da cabeceira dos ríos, como son regatos e corgas, pon en perigo os recursos hídricos da bacía.

Por iso, na FEG agardamos que o Parlamento Europeo force ao goberno da Xunta de Galicia ao cumprimento da lexislación europea en materia de conservación ou inicie un expediente sancionador por este incumprimento. Pero o importante para a Federación Ecoloxista é evitar que se produza a degradación dos máis importantes ecosistemas de montaña e que se ameace o medio de vida dos habitantes da zona ou os recursos hídricos de todos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s