ADEGA falla os Premios Osíxeno e Dioxina 2021

Os galardóns entregaranse o 27 de marzo, no decurso da 46 Asemblea Xeral de ADEGA.


Esta xa é a 21ª edición dos premios Osíxeno e Dioxina cos que ADEGA quere subliñar o mellor e o peor do pasado ano desde a perspectiva ambiental e ecoloxista. Este 2021 prémiase en positivo a loita fronte a invasión eólica, o estudo dos ecosistemas fluviais e a vitoria xudicial de APDR fronte ENCE. Do lado negativo, destácanse as malas actitudes e accións contra o medio ambiente galego por parte da Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e de SOGAMA.

Premio Osíxeno de Honra 2021

ADEGA concede este premio a Fernando Cobo, profesor titular do departamento de Zooloxía da USC e ex-director da Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, polo seu excelente traballo ao fronte deste centro de investigación durante máis de 16 anos e a súa constancia no impulso de proxectos e estudos que contribuíron a coñecer máis e mellor os nosos ríos, tanto dentro, como fóra das nosas fronteiras. Tamén é de destacar a súa actitude colaborativa co ecoloxismo galego ao que ten demostrado o seu apoio en multitude de ocasións, ademais de achegar de forma altruísta asesoramento técnico e datos científicos de importancia para o desenvolvemento de iniciativas como a ILP dos ríos de 2004, a defensa dos ríos fronte os grandes encoros e os vertidos, ou na promoción do voluntariado ambiental nos ecosistemas fluviais.

Premios Osíxeno 2021

Estes premios galardoan as mellores actitudes ou actuacións ambientais do pasado ano 2021:

-Premio Osíxeno individual 2021: ADEGA outorga este galardón a Aranza González, presidenta da Asociación Aire Limpo nas Mariñas e secretaria da Comunidade de Montes Veciñais de Monte de Gato, pola súa actitude resiliente e mobilizadora fronte a invasión eólica das Terras do Mandeo e As Mariñas Coruñesas e, en xeral, de todo o rural galego. Con este galardón, ADEGA tamén quere recoñecer na persoa de Aranza o traballo que están a desenvolver as mulleres na defensa do territorio galego, nomeadamente, na loita contra un modelo eólico colonial, inxusto e antiecolóxico.

-Premio Osíxeno colectivo 2021: ADEGA acordou outorgar este galardón á Asociación Para a Defensa da Ría (APDR), que en 2021 conqueriu unha importante vitoria xudicial para o futuro da ría de Pontevedra. APDR acadou sentenza favorábel da Audiencia Nacional pola que se anula a prórroga extraordinaria que permitiría a ENCE permanecer en Lourizán até o ano 2073, constituíndo este feito o principio do fin da continuidade de ENCE na ría de Pontevedra. Malia que a loita continúa, ao ter sido recorrido o fallo pola pasteira ante o Tribunal Supremo, a sentenza da Audiencia Nacional supón sen dúbida un dos máis importantes éxitos de APDR na súa longa loita na defensa da Ría de Pontevedra. En 2021, APDR tamén pediu o peche cautelar da factoría de ENCE en Lourizán tras as declaracións do presidente do Grupo ENCE, Ignacio Colmenares, nas que alertaba de que a factoría podía dar un “susto maiúsculo medioambiental en calquera momento que podería afectar ás persoas”.

Premios Dioxina 2021

Estes premios entréganse a persoas e colectivos que teñen protagonizado as accións ou actitudes máis nefastas para o medio ambiente galego durante 2021:

-Premio Dioxina individual 2021: ADEGA acordou por unanimidade outorgarllo á actual Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, Ánxeles Vázquez, por non respectar os órganos de participación pública e vetar a votación da moratoria eólica no Consello de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (COGAMADS). Durante 2021, a Conselleira de Medio Ambiente fixo caso omiso das constantes apelacións do ecoloxismo e da sociedade galega en xeral que lle instou ampliar a rede de espazos protexidos, Rede Natura 2000, e a actuar contra as ilegalidades e os abusos que están a cometer as empresas enerxéticas en contra da contorna natural e das persoas. No canto de atender as reclamas da cidadanía, Ánxeles Vázquez optou por poñerse de perfil e minimizar reiteradamente os graves impactos da actual avalancha eólica sobre o medio ambiente galego.

-Premio Dioxina colectivo 2021: ADEGA concédelle este galardón ao Complexo de “xestión” de residuos de SOGAMA, participada pola Xunta nun 51%, por mentirlle descaradamente a sociedade galega sobre os seus avanzos na adaptación á economía circular e á sutentabilidade e constituír un lastre ambiental, económico, histórico e social para o cumprimento dos obxectivos europeos en materia de residuos. En 2021, a Xunta adxudicou a xestión da incineradora, que custou ao erario público nada menos que 238 millóns de € por un período de 10 anos. Deste xeito, alén do indecente gasto que supón incinerar os RSUs (e a contaminacion que provoca), hipotécase por 10 anos a xestión dos refugallos impedindo de facto a mudanza do modelo de tratamento.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s