Loita contra a invasión eólica, o eucalipto, a incineración do lixo e a emerxencia ambiental global: retos de ADEGA en 2022

A Asociación ecoloxista ADEGA celebrou onte a súa 46ª Asemblea Xeral de socios e socias na que fixo balanzo do traballo de 2021 e na que tamén acordou as liñas estratéxicas da organización durante 2022. Os socios e socias de ADEGA determinaron manter latente a mobilización social e a ofensiva ecoloxista contra a actual avalancha de proxectos eólicos que ameazan o territorio, así como reforzar a acción xurídica fronte aqueles que resulten máis prexudiciais para o medio galego. Tamén acordou dar continuidade á súa campaña de defensa do monte galego fronte o monocultivo do eucalipto e doutras especies exóticas invasoras e apoiar decididamente ás comunidades veciñais de montes comunais, actualmente acosadas pola administración pública.

Outra das principais liñas de traballo de ADEGA durante 2022 será a de promover unha xestión responsábel dos residuos sólidos urbanos vinculada a un novo modelo de consumo que prime a redución de lixo, a reciclaxe e a compostaxe fronte a incineración e o vertido de SOGAMA. Galiza segue á cola en recollida separada e reciclaxe no Estado, incumprindo os obxectivos para 2020 e sen perspectivas de mellorar para 2025 e 2030.

Por último, ADEGA pon a andar unha nova comisión de traballo baixo o nome de “Emerxencia ambiental global” que se encargará de analizar no seu conxunto a crise ambiental global que estamos a vivir e coa que está relacionada unha persa progresiva de dereitos básicos da sociedade como a sanidade, educación, a vivenda, alimentación ou auga de calidade. ADEGA aposta por políticas destinadas a acadar a soberanía enerxética e alimentaria, e por un desenvolvemento do territorio vencellado co decrecemento na demanda de produtos, co aforro e a eficiencia no consumo de recursos.

Propostas de resolución aprobadas

As socias de ADEGA aprobaron varias propostas de resolución, entre as que se recoñeceu a importancia e papel histórico, social e ecolóxico das comunidades de montes veciñais en ma común e se alentou a apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola ORGACCMM na defensa deste tipo de montes únicos e singulares en Galiza fronte as intencións da Xunta de facelos desaparecer. Tamén se apelou á derrogación das leis de depredación, impulsadas e aprobadas polo PP, e ao amparo na Comisión Europea para a restitución dos dereitos cidadáns que se están a vulnerar durante a actual vaga eólica. ADEGA instou ao goberno galego a derrogar tamén o Plan Eólico vixente e a deseñar unha nova planificación enerxética racional e integral, acorde coas necesidade e capacidades enerxética do  país, e compatible coa vida no rural e coa preservación da biodiversidade, o aforro, a eficiencia e a autosuficiencia enerxética.

No décimo aniversario da última proposta de ampliación da Rede Natura 2000, ADEGA non puido obviar a reclamación, unha vez máis, da ampliación da rede de espazos naturais protexidos de Galiza con carácter urxente e cando menos co obxectivo de duplicar a superficie actualmente protexida.

Por último, a organización ecoloxista avogou pola retirada inmediata do exército ruso e o cese dos combates na Ucraína (e en calquera outra parte do mundo) e á volta á vía diplomática como único camiño de resolución do conflito. ADEGA tamén denunciou a hipocrisía do Estado español, da UE e da OTAN ante esta guerra  bélico e acusou ao goberno de Sánchez de entregar o Sáhara a Marrocos.

Aos actos públicos da 46ª Asemblea Xeral de ADEGA asistiron como convidados varios representantes da corporación municipal de Ames e das organizacións BNG, PSOE, Anova, CIG, A Mesa e Galiza Nova.

Entrega de premios Osíxeno e Dioxina 2020 e 2021

No seu 46 aniversario, ADEGA tamén fixo entrega dos seus Premios Osíxeno e Dioxina correspondentes ás anualidades 2020 e 2021. A pandemia impedíralle o ano pasado outorgar estes galardóns presencialmente, polo que fixo confluír nun único acto a entrega dos premiso da vixésima e vixésimo-primeira edicións. Acudiron a recoller os galardóns todos os premiados e premiadas cos premios Osíxeno de Honra, Osíxeno Individual e Osíxeno Colectivo de 2020 e 2021. Estes galardóns, obra cerámica do artista galego Nacho Porto, recoñecen as mellores accións ou as actitude máis positivas para a preservación ambiental de Galiza, ou aquelas traxectorias vitais comprometidas co medio ambiente de Galiza, no caso dos premios honoríficos.

En 2020 foron recoñecidos con estes galardóns: o ilustrador, humorista gráfico e guionista Calros Silvar (Honra); o ecoloxista Fernando Malvar de A Rente do Chan-PLADEVER (Osíxeno Individual) e a plataforma “Salvemos O Iribio” (Osíxeno Colectivo), que estivo representada no acto polo artista Xoán Andrade.

En 2021 levaron os premios Osíxeno de ADEGA: Fernando Cobo, profesor de zooloxía na USC e ex-director da Estación de Hidrobioloxía de Vilagarcía (Osíxeno de Honra); Aranza González, presidenta de Aire Limpo Nas Mariñas Mandeo (Osíxeno Individual); e a Asociación para a Defensa da Ría-APDR (Osíxeno Colectivo), que estivo representada no acto polo seu presidente, Antón Masa.

Parcelas custodiadas nas ribeiras do Sar

Tras o xantar, as socias e socios de ADEGA, acompañados por Manuel Lens, concelleiro de Medio Ambiente de Ames, e David Santomil, concelleiro de Educación de Ames, fixeron unha visita de recoñecemento das parcelas recentemente adquiridas por ADEGA e pola Fundación Eira nas beiras do río Sar, á altura de Ponte Cabirta. Unha vez alí realizouse unha plantación simbólica de árbores como símbolo do inicio da custodia ambiental da zona.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s