
Galiza, a terra dos máis de 1000 humidais… sen protección
A figura de humidal protexido galego criouse durante o goberno bipartito mediante o Decreto 127/2008, ao que xa de entrada incorporáronse os 5 humidais Ramsar declarados polo Estado en Galiza. A mesma norma, criaba tamén o Inventario de Humidais de Galiza (IHG), paso previo para incorporar novos humidais protexidos. Porén, e malia a que dende 2003 o IBADER tiña xa elaborado un Inventario con máis de 1.100 humidais galegos, a Xunta negouse a tramitar a protección destes espazos e en 15 anos só se declarou (2021, e en realidade fíxoo o Estado) 1 humidal máis como protexido: o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Durante todo este tempo, o país dos 1.000 ríos e dos máis de 1.100 humidais tiña unicamente protexidos outros 5 espazos máis: as rías do Eo e Ortigueira, a lagoa de Valdoviño e os complexos Umia-Ogrobe e Corrubedo, aliás do máis recente das Illas Atlánticas. Mentras, todo tipo de infraestruturas e intervencións sobre o territorio, incluidas ducias de parques eólicos e centos de plantacións de eucaliptos ocuparon e degradaron numerosas zonas húmidas, aproveitando este intencionado baleiro legal.
Mais ao cabo esta “anomalía administrativa” e este desleixo secular da Xunta para cos nosos humidais vaise compensar através da actualización de dúas ferramentas de planificación hidrolóxica: os Planos Hidrolóxicos de Galiza Costa, competencia da Xunta e o da demarcación Miño-Sil, dependente do Ministerio para o periodo 2021-2027.
Entre outras propostas, a representación ecoloxista trasladou a necesidade de incorporar como zonas protexidas o conxunto dos humidais inventariados no catálogo do IBADER dende o 2003.
Finalmente, as nosas demandas ao respeito veñen de ser aceptadas e figuran xa nos documentos definitivos de planificación que en breve serán publidados no DOG e BOE. E é que no contexto da actual mudanza climática, a Directiva Marco da Auga impón especiais medidas de conservación para as zonas húmidas en sentido amplo: ríos, lagos, xunqueiras, brañas, turbeiras e gándaras adquiren unha dimensión chave e a súa protección tórnase estratéxica para amortecer os efectos adversos do clima, capturar carbono, regular o ciclo hídrico e manter a bodiversidade. Toda zona húmida é un tesouro que hai que protexer, porque literalmente nela vainos a vida.
A invasión eólica bate cun novo atranco: as zonas húmidas protexidas
A reticencia das administracións a tomar en serio a protección dos nosos humidais provocou que moitos deles foran ocupados e degradados por todo tipo de infraestruturas, nomeadamente parques eólicos e plantacións de eucaliptos. A nova vaga eólica que enche os despachos oficiais con centos de proxectos deberá ter en conta agora a presenza destas novas zonas húmidas protexidas, tanto polas afeccións directas (pistas, gabias, plataformas, liñas de evacuación…) como indirectas e sinérxicas.
Nalgúns casos será xa tarde, como para o Pozo da Lagoa en Corme, desfeita polo repotenciamento do parque eólico do mesmo nome (EDP renovables), recentemente anulado polo TSXG xa que a Xunta reducíu ilegalmente o prazo de consulta do Estudo de Impacto Ambental. Ou para as dúas lagoas que os parques eólicos Sasdónigas I e II (Norvento) degradaron en Mondoñedo e Abadín, infraestruturas tamén declaradas ilegais polo TSXG en 2020 por fragmentación irregular. E por suposto será tamén moi tarde para as turbeiras e matogueiras higrófilas do Xistral, arrasadas durante o fraguismo.
Porén, moitos outros humidais ameazados por eólicos aínda poden ser salvados da desfeita ao pasaren a formar parte das zonas protexidas nas planificacións hidrolóxicas. Tal é o caso da lagoa de Alcaián, ameazada nada menos que por 3 parques eólicos de Greenalia, a empresa da ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato…
ADEGA insta á Xunta e ao Ministerio a revisar de oficio as autorizacións ambientais concedidas para os parques aínda non construidos ou en tramitación que poidan afectar a algún dos 1.131 humidais arestora incorporados aos documentos de planificación hidrolóxica das bacías da súa respeitiva competencia. O contrario sería outro exemplo da política de feitos consumados no que os poderes públicos voltarían ser cómplices da depredación dun patrimonio público tan sensíbel como son as nosas zonas húmidas.