A degradación dos sistemas naturais na comarca do Baixo Limia asóciase na súa meirande parte á expansión da gandería intensiva, un proceso que ven de fai moitos anos pero que nos últimos asemella terse acelerado. O aumento da produción de porcino, con todo o que isto significa, estase a amosar como unha actividade ambientalmente destrutiva que, nos últimos anos, ten levado a un forte incremento na produción de residuos, nomeadamente os residuos orgánicos en estado liquido coñecidos como xurros que, non existindo posibilidade de tratamento para os mesmos in situ, estanse a espallar por toda a comarca e zonas limítrofes en cantidades moi superiores ás razoables e ás permitidas, provocando un forte impacto ambiental.
Neste caso, a Federación Ecoloxista Galega, ven de denunciar a destrución da zona asociada á veiga do Río Lobás, que foi considerada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza como “área con valores naturais” de importancia tal como para excluíla do proceso de concentración parcelaria que se levou a cabo na parroquia de Lobás.

En efecto, na Declaración de Impacto Ambiental da Zona de Concentración Parcelaria de Castelaus-Lobás, no Concello de Calvos de Randín, publicada en agosto de 2013, indícase que debido aos seus valores naturais:
“Deberase excluír do proceso de concentración parcelaria as seguintes delimitacións, definidas segundo os informes emitidos pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza correspondente, caso de:
3. Zona 3, zona asociada á veiga do Río Lobás, próximo ao núcleo de poboación de Serois”
A pesar diso, tal e como denuncia a FEG, nos últimos meses vense realizando nesta área unha roturación con maquinaria pesada que implica a total destrución do hábitat que afecta á práctica totalidade da súa superficie, aproximadamente a 10 das 12 has. que conformaban esta zona protexida da realización de actividade agrícola. A realidade é que a degradación desta área con valores naturais lévase a cabo co único obxectivo de ser utilizada para o depósito de xurros, o que implica a contaminación das auas, dos solos e dos acuíferos existentes. É de destacar que nesta área recoñécese por parte da administración a presencia dun dos Hábitat da lista da DIRECTIVA 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, concretamente o denominado “Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix”, que posúe o código 4020 na devandita lista. Este hábitat posúe unha grande importancia pola súa riqueza ecolóxica e polo seu papel como reservorio de Carbono en formas orgánicas e polo tanto con potencial como regulador do ciclo deste elemento e mitigador da emerxencia climática.
Pero o máis sorprendente destas actuacións ilegais que provocan un severo impacto ambiental que vai crecendo ano tras ano conducindo a unha espiral de degradación á que non se lle pon límite, é a falla de resposta por parte das administracións responsables da conservación do noso patrimonio natural e da loita contra a emerxencia climática. En efecto, tanto a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático como a Dirección Xeral de Patrimonio Natural están a amosar unha inacción cómplice con este grave atentado contra o medio ambiente, co incumprimento da Declaración de Impacto Ambiental da concentración parcelaria e co incumprimento da lexislación comunitaria e estatal en materia de protección do medio ambiente.
Dende a FEG solicítase que se paralice calquera actividade agrícola nesta área, máxime si esta non é máis que unha pantalla para a contaminación con xurros; que se investigue, se identifique e se sancione aos responsables e se procure, na medida do posible a restauración da zona degradada. No caso de que a administración galega siga sen actuar e, xa que logo, sendo cómplice desta situación, a Federación Ecoloxista dirixirá a súa denuncia ás institucións europeas por incumprimento da lexislación comunitaria.