Unha man de pintura verde na cuestión enerxética para seguir contaminando

Ante a recente aprobación do Parlamento Europeo (xullo 2022) da inclusión do gas e as centrais nucleares dentro da taxonomía verde, de tal forma que serán equiparadas a enerxías renovábeis nos programas de financiamento, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) contactou co profesor X. Doldán en calidade de experto, quen nos remitiu a súa reflexión e aclaración de conceptos.

Xoán R. Doldán, profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidente da Asociación Véspera de Nada. Anteriormente foi presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España e director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

Existen diferentes modos de aparentar que se está a levar a cabo unha política enerxética con criterios ambientalistas ou ecolóxicos, ou aparentar que se está a realizar un proceso de transición enerxética cara un modelo radicalmente diferente, non dependente das enerxías fósiles ou outras non renovábeis, non causante de gases de efecto invernadoiro que contribúen á mudanza climática. Unha desas formas de aparentar é mediante a manipulación da linguaxe. Isto vén sendo así desde hai moitas décadas e por iso non poden sorprendernos nas medidas que desde a Unión Europea ou o Goberno de España se encamiñan cara un impulso do gas natural, un rearme da enerxía nuclear ou mesmo a recuperación do carbón como combustible primario.

Utilizar como sinónimos o cualificativo de verde, limpo, circular, sustentable, ecolóxico, etc, é nesta altura unha actitude que pode considerarse como cínica, terxiversadora ou simplemente mentireira. Despois de miles de artigos publicados en revistas científicas diversas de diferentes ámbitos da ciencias chamadas puras, das ciencias sociais ou puramente tecnolóxicas, parece que non teñen servido para que os decisores políticos en diferentes instancias gobernamentais (europeas ou estatais) teñan superado o triste hábito da simpleza conceptual.

O gas natural (o metano) por moitas voltas que lle queiramos dar, é un gas de efecto invernadoiro, un combustible fósil que ao queimalo xera dióxido de carbono (outro gas de efecto invernadoiro) e, independentemente do seu maior ou menor poder calorífico, ou da súa carga contaminante en relación a outras enerxías fósiles (como o carbón ou petróleo), non pode ser cualificada nin de enerxía verde (por definición é contaminante e non renovábel e, polo tanto, esgotábel), nin de limpa (emisións de gases de efecto invernadoiro), nin circular (non é recuperable), nin sustentable (cada uso actual reduce o seu uso futuro), nin ecolóxica (pola suma de todo o anterior).

En menor medida poderíamos utilizar estas cualificacións para o carbón, xa que compartindo a condición de combustible fósil, a súa carga contaminante é menor e a eficiencia térmica menor que o gas natural.

En canto á nuclear (de fisión, xa que é a única realmente plausible na actualidade), asistimos á resurrección, que se pretende cada certo tempo, das supostas bondades desta enerxía non renovable (porque cómpre lembrar que non é renovable). O suposto color verde ou limpeza desta enerxía asóciase a que non é unha enerxía fósil. Certamente non o é, mais iso non a volve nin verde nin limpa. A xeración de gases de efecto invernadoiro non é o único motivo que pode e debe levar a que unha fonte enerxética sexa cualificada dun ou doutro modo. Sendo este problema importante, hai que lembrar que en ningún país do mundo (nin sequera en Franza, país que se utiliza como o paradigma do nuclear) está resolvido o tema da xestión de recursos para as próximas décadas, séculos ou mesmo milenios (dependendo do tipo de residuos de que se trate). Tampouco están resolvidos os temas de seguranza para as persoas, xa que calquera incremento nos protocolos nesta dirección aumentan exponencialmente o custe de construción de novas centrais, e o alongamento na vida das centrais actuais agrava o problema das centrais que levan xa moitas décadas funcionando. Tampouco se evitan totalmente as emisións de gases de efecto invernadoiro porque tanto na extracción e manipulación do uranio, na xestión de residuos e, non digamos, na construción das centrais hai unha cantidade importante de emisións, aínda que non directamente na xeración de electricidade. Nin sequera os supostos custos baixos de xeración de electricidade nestas centrais o son verdadeiramente. Todo obedece a un criterio de contabilización que externaliza e socializa os custes máis altos, non computándoos na xeración (xestión de residuos, desmantelamento das centrais e xestión dos entullos etc).

E para que tanto esforzo manipulando as palabras. Os motivos son varios e obvios. Un, desde que se evidencian os graves problemas ambientais derivados da xeración e consumo de enerxía, non se ten actuado significativamente máis que nunha parte da ecuación a resolver: a xeración, aumentando a potencia instalada de centrais eléctricas (con fontes renovábeis ou non renovábeis). Apenas se ten actuado na parte do consumo, tratando de buscar un modelo enerxético menos intensivo no uso de enerxía, de modo que o consumo seguiu medrando década tras década. De modo que, a base fundamentalmente fósil e non renovable apenas se ten alterado, salvo en pequena escala nalgúns países, e seguemos nunha sociedade fortemente consumidora, que non ten reducido a súa complexidade cara outro modelo no que as necesidades básicas se satisfagan non só máis eficientemente, senón, o que é máis importante, con menor consumo global.

Hai décadas que se vén alertando e estudando das graves consecuencias da mudanza climática. Sabemos desde hai 15 anos que o teito de extraccións do petróleo convencional non é só unha teoría, senón ademais unha evidencia comprobada. Sabemos que ese teito de extraccións tamén afecta xa ao gas natural. Sabemos da escaseza extrema de materiais precisos para unha transición enerxética masiva e rápida a un modelo só con renovábeis que actúe só na parte da demanda. E a pesar de todo isto, xogamos a solucións-parche que non son verdadeiras solucións ou a medidas de mercado pensada para non poñer en cuestión o oligopolio das empresas enerxéticas (verdadeiras artífices das políticas públicas en diferentes instancias).

E agora a guerra da Ucraína acaba por servir para xustificar accións urxentes aplicadas por autoridades comunitarias ou españolas que non deixan de ser puramente erráticas e que en nada resolverán un problema, o enerxético, que ten unha raíces moito máis fondas.

Se a situación era urxente agora é caótica, e ningún cualificativo utilizado por moi verde ou limpo que se vista acabará por remedialo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s