APDR denuncia a evidente responsabilidade de ENCE na situación do Lérez

Asistimos con fonda preocupación á situación de escaseza de auga na conca do Lérez, unha situación que ten a súa orixe en factores climatolóxicos relacionados co cambio global polo que, de non mudar os hábitos de consumo e o modelo de desenvolvemento económico e social hoxe dominante, ameaza con converterse nun fenómeno permanente no tempo e comprometer así o benestar das xeracións vindeiras.

Orío Lérez abastece de auga aos Concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Bueu e Sanxenxo, ao porto de Marín, aos polígonos industriais de A Reigosa e O Campiño, e á fábrica de ENCE. É dicir, existen distintos usos da auga do río, o que obriga a contemplar prioridades no caso de escaseza prolongada. Resulta evidente que en situacións límite como a que estamos a vivir, débese dar prioridade ao abastecemento ás poboacións, relegando os usos industriais e aqueles outros que resultan “secundarios” fronte ao consumo das persoas. E máis alá das actitudes responsábeis da cidadanía para evitar o consumo innecesario, deben ser as distintas administracións, en función das súas competencias, quen tomen as decisións precisas para garantir as necesidades básicas de auga ás poboacións ribeiregas.

A estas alturas xa ninguén dubida de que Ence é, con diferencia, o maior consumidor de auga do Lérez. Desde a chegada a Lourizán, e en virtude de dúas concesións dos anos 1958 e 1968, Ence puido captar 129.600 m3/día (47.304.000 m3/ano), un volume que foi rebaixado pola Xunta de Galicia a 47.520 m3/día (17.344.800 m3/ano) en maio deste ano, un momento no que (segundo datos da propia empresa) estaba consumindo xa por baixo dese límite (uns 14.000.000 m3/ano). Con todo, trátase de valores que están moi por riba do nivel de captación conxunta do resto dos consumidores (entre 6.000.000 e 9.000.000 m3/ano, segundo as fontes consultadas). Así pois, dada a situación do Lérez, por baixo do seu caudal ecolóxico, e de acordo coa normativa vixente, a parada da produción da fábrica era obrigada, e mesmo produciuse cun inexplicábel retardo.

Así as cousas, resulta irresponsábel -e mesmo denunciábel- a actitude da Xunta de Galicia que manifestou que “en ningún momento deu orden de parada a Ence”, limitándose a comunicarlle a situación de risco ecolóxico que presentaba o Lérez, deixando claro máis unha vez a actitude de absoluta submisión do goberno galego á empresa pasteira.

Faltoulle tempo á Consellería de Medio Ambiente para concluír que “non ve en Ence un factor chave para explicar a situación de escaseza de auga no Lérez” aducindo que, de feito, a súa parada non tivo a repercusión agardada no caudal do río. Evidentemente, o cese da captación de Ence non vai supor que a situación mellore notabelmente en tanto non haxa aportes importantes de auga ao río, pero si que vai impedir que a situación continúe empeorando. Se algo deixa claro esta situación, é que Ence -tamén polo desmedido consumo de auga- contribúe a acelerar os fenómenos ligados ao cambio global, unha razón máis que reforza a esixencia da súa inmediata saída de Lourizán.

Desde a APDR queremos lembrar que Ence, como contrapartida á concesión da súa prórroga no ano 2016, comprometeuse a rebaixar o consumo de auga até os 4.000 m3/día (1.380.000 m3/ano), un compromiso que segue incumprindo a pesares de ter desfrutado xa de 6 anos de prórroga. Neste sentido, esiximos á Xunta de Galicia que -no caso de que Ence reinicie a súa actividade conanterioridade á data na que o Tribunal Supremo confirme a nulidade da súa prórroga- obrigue á empresa a cumprir o seu compromiso fixando eses 4.000 m3/día como límite máximo para a captación de auga no Lérez.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s