
Este agosto temos varias sorpresas entomolóxicas. A primeira é que o venres, 12 de agosto, teremos unha nova edición do Curso Práctico de Entomoloxía, que lanzamos no ano 2020 nunha versión de charlas online e unha saída. Este ano faremos unha pequena ampliación e daremos varias charlas e saídas centradas en varios grupos de invertebrados. Pouco a pouco ao longo dos días iremos confirmando os diferentes bloques destas diferentes partes do curso.
O primeiro bloque estará centrado nos Coleópteros da man de Jorge Ramos Abuín, Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago, relator en diferentes Xornadas e Congresos Ibéricos de Entomología, ademais do Congreso Internacional de Coleopteroloxía celebrado en Barcelona en 1989. Autor de diversos artigos entomolóxicos, da súa labor investigadora recente destaca o proxecto Transgalaica, a súa intervención no descubrimento da larva de Cychrus spinicollis e a redescrición da larva de Eucarabus deyrollei. Antigo Presidente do G.N.Hábitat e actualmente é colaborador en multitude de iniciativas da entidade.
Este bloque do II Curso Práctico de Entomoloxía: Coleópteros dividirase en dúas sesións: unha teórica e dúas practicas:
Charla e taller práctico de identificación: Venres, 12 de agosto, de 18h a 21h, terá lugar a charla teórica no local social do G.N.Hábitat cunha primeira parte co título: “Un gusto desordenado: Los coleópteros“, unha introdución a estes insectos, datos interesantes da súa bioloxía e da súa ordenación taxonómica. E unha segunda parte será unha Práctica baixo o título: “Ordenando el gusto: Aprendiendo a diferenciar los coleópteros usando claves”, onde Jorge Ramos, propoñerá unha serie de casos prácticos para ser identificados paso a paso e, desta maneira, familiarizarse coas clases dicotómicas para a identificación de coleópteros. Para esta parte se facilitará aos participantes unhas claves para facilitar a comprensión e identificación das diferentes familias destes insectos, os máis numerosos e diversos do planeta.
Saída práctica: Sábado, 13 de agosto, de 10:30h a 13:30h, realizarase unha saída no Espazo Natural de Chelo (Coirós) para poñer en práctica todos os coñecementos adquiridos o día anterior.
Este curso está dirixido a estudantes e naturalistas entusiastas. Así e todo, para a participación en calquera delas é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado. As prazas son limitadas. Ao rematar o curso entregarase un certificado de asistencia e aproveitamento co número de horas teóricas e prácticas recibidas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación.
Tes ata o xoves, 11 de agosto do 2022, ás 18h para inscribirte!!
Este curso ten un custo de:
- Socios/as G.N. Hábitat: 8 €
- Non Socios/as (maiores de 14 anos): 15 €
O importe recadado deste bloque irá destinado INTEGRAMENTE a Fundación Fragas do Mandeo (FFM). Esta entidade foi fundada no 2010 có obxectivo adquirir e custodiar parcelas de alto valor ambiental en As Mariñas (A Coruña), en especial no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Actualmente, FFM ten en custodia 268.340 m2, en lugares como o Monte da Espenuca (Coirós), a Lagoa de Sobrado (Sobrado dos Monxes) ou ribeiras de ríos coma o Mandeo (Aranga) ou o Mendo (Oza-Cesuras).
Non perdades esta oportunidade!! É unha ocasión única para aprender dun gran entomólogo no eido dos coleópteros e familiarizarse coas claves dicotómicas e a súa identificación.
Anímate a descubrir o mundo dos coleópteros con nós!!