O pasado martes 19 de xullo o Instituto para a Transición Xusta do Ministerio para a Transición Ecolóxica convocou ás asociacións ecoloxistas de maior tamaño no Estado a unha reunión sobre o futuro da central térmica de As Pontes. Nesa mesma reunión non se deu espazo a ningunha asociación de ámbito especificamente galego, nin á Federación Ecoloxista Galega (FEG) como entidade que agrupa a diversos colectivos do país[1], á que non se convidou a participar.
Valoramos positivamente que dende o Ministerio se convoquen reunións como esta cos colectivos ecoloxistas, pero, como Federación Ecoloxista Galega, vémonos na obriga de trasladar tamén a nosa queixa polo que significa que neste tipo de xuntanzas non se garanta unha presenza plural e sobre todo dos colectivos máis ligados ao territorio. As administracións, a todos os niveis, deben favorecer a existencia dun tecido social vizoso e diverso, non a concentración en grandes grupos. Por iso ter en conta a realidade asociativa de cada lugar, en troques de escoller un número reducido de contrapartes só polo seu tamaño e ámbito estatal ou internacional. Ademais, a FEG conta cunha longa traxectoria na interlocución coas administracións e é nese sentido a entidade galega de referencia, en tanto casa común de multitude de asociacións. Non é polo tanto unha entidade nova (xa supera os 30 anos de existencia) nin descoñecida.
Cómpre recordar que falamos dunha central térmica situada na Galiza e convén ter presente que ademais do problema global da emisión de gases de efecto estufa, ten provocado moitos outros problemas a nivel local. Dende o histórico desaloxo de aldeas para a explotación da mina de lignito á contaminación das augas pasando pola contaminación de pos na descarga de carbón no porto de Ferrol.
Por todas estas razóns, como FEG vimos de presentar a nosa queixa ante o Ministerio demandando:
1) Coñecer as causas de que dende o Instituto para a Transición Xusta se deixase fóra desa convocatoria á FEG ou a calquera entidade de ámbito exclusivamente galego.
2) Que ante a convocatoria de reunións nas que se convide a colectivos ecoloxistas para tratar cuestións ambientais de ámbito galego, a Federación sexa tomada en conta como entidade de referencia.
3) Que se nos comuniquen estas convocatorias no tempo e forma axeitados, e empregando os medios dispoñibles como o portal web oficial de notificacións do propio ministerio (DEHU) ou o correo electrónico.
[1] Os colectivos ecoloxistas e naturalistas que forman parte da Federación Ecoloxista Galega localízanse por todo o território galego: ADEGA, ADENCO, APDR, ACT Brexa, AC Papaventos, Asemblea do Suído, CES, GN Hábitat, MEL, Montescola, Néboa Medio Ambiente, Senda Nova, Vai polo río, Verdegaia.