A Federación Ecoloxista Galega solicita a Convocatoria do Pleno do Consello Forestal de Galicia

Resulta evidente que os lumes que se están a producir este verán polo seu número e a súa extensión constitúen un motivo de enorme transcendencia que debe levar á reunión do plenario. Así ven de solicitalo a Federación Ecoloxista Galega ao seu presidente, o Conselleiro do Medio Rural, co obxecto de que se de voz a todos os sectores relacionados co mundo forestal diante dos serios problemas que ameazan ao futuro do monte galego.

O Decreto 306/2004, polo que se crea o  e Consello Forestal de Galicia, o órgano de carácter consultivo e de asesoramento da Administración autonómica en materia forestal, prevé que se poderá realizar a convocatoria do pleno do mesmo cando exista algún motivo de especial transcendencia relacionado coa súa competencia.

As situacións de risco para os cidadáns e a destrución que se ten producido nos ecosistemas e nos sistemas forestais, ten e terá consecuencias sociais, económicas e ambientais de grande relevancia. Ademais de todo o destruído, nas próximas semanas, as chuvias agravarán o problema mobilizando sedimentos, acelerando a erosión, empobrecendo solos, contaminando ríos e zonas de litoral e véndose afectada de modo dramático á biodiversidade, os recursos naturais e á calidade e dispoñibilidade dos recursos hídricos.

Resulta imprescindible a adopción urxente de medidas de protección e restauración nos montes queimados pero apenas se está a ver á Administración forestal na planificación e execución destas tarefas; como adoita suceder, volven a ser as mans dos habitantes das zonas queimadas e do voluntariado, da cidadanía organizada, as que están a desenvolver os traballos de conservación e recuperación. As accións que se leven a cabo agora, poderán evitar que os danos continúen medrando e tamén facilitar a recuperación das áreas queimadas.

É por iso que a FEG ven de solicitar esta convocatoria extraordinaria dunha reunión do CFG, unha reunión na que pide que se explique e analice a vaga de lumes e a afectación dos ecosistemas e os sistemas forestais, na que se expliquen tamén os danos provocados polo lume nas diferentes bisbarras e se propoñan as tarefas de restauración que deteñan a espiral de degradación que se ten iniciado.

Solicítase ademais unha análise da eficacia do PLADIGA deste ano 2022 buscando explicación para a falla de medios nas situacións de emerxencia que se teñen producido.

Tamén se propón que nesta reunión se valore a necesidade de reformulación dos instrumentos da política forestal. O plan forestal elaborado pola Consellería do Medio Rural situaba os obxectivos para os próximos anos en actuacións destinadas ao aumento da extensión do piñeiro e eucalipto, especies con alta combustibilidade e que, como se está a comprobar favorecen a expansión dos incendios forestais. Parece claro que a orientación debe dirixirse á diminución da cantidade e calidade do combustible e ao incremento da capacidade de adaptación da vexetación ás condicións cambiantes controladas pola emerxencia climática sendo necesario ir preparando os montes para o cambio que xa se está a producir para que podan adaptarse e para evitar dramáticos eventos como os que estamos a sufrir este verán.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s