Coa chegada do outono comeza unha nova tempada de actividades en Oza, un ano máis ponse andar unha nova edición da Escola Ambiental Senda Nova Concello de Carballo, e tamén damos a benvida a unha nova xeira de actividades do Inverno Ancestral, que acada xa a VII edición.
O vindeiro sábado 19 de novembro, no Espazo da Natureza de Oza teremos unha xornada de outono para darlle a benvida a estas novas propostas: ás 12:00h presentarase a XI Edición da Escola Ambiental Senda Nova, e posteriormente, ás 18:00h terá lugar a presentación da VII edición do Inverno Ancestral, un programa xa emblemático na entidade que abrangue as actividades e propostas máis “recollidas” para o tempo de frío e lareira. É dicir, actividades maiormente no interior, e cun forte carácter cultural, vencelladas sobre todo ao noso patrimonio inmaterial e oral.
Remataremos a xornada cun magosto popular, onde comeremos castañas acompañadas con chocolate quentiño, e doces típicos.
Todas as actividades da xornada son de balde e abertas ao público en xeral. Para asistir ao magosto haberá que apuntarse previamente a través de tlf ou email, antes do 18 de novembro. (sendanova@hotmail.com , 6110376-17 / 14 )
Esperamos que nos acompañedes nesta Xornada De Outono e como non tamén nas diversas actividades presentadas.
