Prestige: 20 anos e moitas contas pendentes

Este ano cúmprense 20 dende que un petroleiro fendía e afundía perante nosas costas liberando a súa velenosa carga sobre o ecosistema natural e social de Galiza. O que aconteceu despois xa é historia, unha historia que cadaquén conta como lle foi nela. Mais como lle foi á nosa natureza? Que cuestións fican pendentes 20 anos despois? E que foi daquel chapapote?

Os impactos da vertedura sobre os ecosistemas naturais fóronse diluindo co tempo, de feito que tal como apontaron diversos estudos sectoriais, a produtividade biolóxica case recuperou os níveis previos á catástrofe apenas 5 anos depois. Porén o balanzo elaborado naquela altura en base ao rexistro de recollida de animais petroleados e aos datos científicos de cálculo de estimas que existen a nível mundial, indicaba que a mortalidade efectiva-estimada atinxíu a 125.000-300.000 aves, 337-841 tartarugas, 33-84 cetáceos, 11-28 lobos mariños e 18-46 lontras. As poboacións dalgunhas aves peláxicas en Galiza como o arao dos cons, non se recuperaron despois do Prestige considerandose actualmente extintas. Asemade o fuel chegou a penetrar en 1 Parque Nacional, 1 Parque Natural, 20 LICs (lugares de iterese comunitario), e 6 ZEPAs (zonas de especial protección de aves). Nestes espazos resultaron tamén afectadas comunidades vexetais que caracterizan a 20 hábitats terrestres protexidos pola Directiva de Hábitats, algúns moi escasos e sensibles como os diferentes tipos de dunas e depósitos mareais. Con estes datos e tendo como referenza outras mareas negras históricas, a do Prestige pode considerarse coma unha das piores nível mundial, por número de especies e espazos naturais afectados.

A día de hoxe aínda seguen a aparecer periodicamente manchas de chapapote identificadas como procedentes do vertido do Prestige, mobilizadas polas marusías dende vellos acúmulos en fondos ou puntos de difícil acceso na costa. Alén disto, hai tamén un fondo de contaminación por hidrocarburos provinte das verteduras (fortuitas ou intencionadas) dos buques, os denominados sentinazos, que á marxe das mareas negras periódicas, constitúen a principal fonte da contaminación por hidrocarburos dos mares.

Modificacións lexislativas, suficientes?

As modificacións lexislativas introducidas por Europa para loitar contra a contaminación mariña por hidrocarburos producíronse como consecuencia de eventos catastróficos, nomeadamente os accidentes do Erika e do Prestige. Hai pois unha preocupante tendencia a abordar a cuestión da protección dos océanos a golpe de sinistro, o que aponta, como pouco, a unha falla de dilixencia dos poderes públicos en adianterse ás posíbeis consecuencias doutra catástrofe para o medio mariño, indefenso perante as incidencias do tráfico comercial marítimo.

Polo que atinxe a Galiza, 10 anos após o Prestige, en 2012, a Xunta aprobaba o plano CAMGAL (Plano territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galiza). Porén, a análise de riscos que fixo o documento era preocupantemente incompleta: carecía por exemplo de información crítica para valorar a respeito dos sentinazos, a súa localización, frecuencia e perigosidade. O CAMGAL determinaba tamén que as verteduras contaminantes procedentes de terra “non representan un risco importante de contaminación”. En consecuencia non identificaba os posíbeis focos, nen as actividades ou industrias potencialmente perigosas e contaminantes que hai no litoral. Como ramo, o CAMGAL, desouvindo a Directiva 2009/17/CE (relativa ao establecimento dun sistema comunitario de seguemento e información sobre o tráfico marítimo) tampouco designaba os portos refuxio ao que poder trasladar a un buque accidentado. Será dende Madrid, como cando o Prestige, que decidan a que lugares entre os 1.500 km de costa galega levarán aos barcos en apuros.

Que foi do chapapote recollido?

E que foi do chapapote (90.000 toneladas de restos) recollido nas praias polos mariñeiros e os milleiros de voluntarios e voluntarias? O tratamento dos refugallos do Prestige é un asunto escuro e sen resolver mesmo 20 anos despois da catástrofe. Unhas 10.000 toneladas fican aínda sen tratamento “armacenadas” nunha antiga balsa de pluviais do DDS 1 (depósito de seguridade 1) das instalacións de SOGARISA nas Somozas.

Dende ADEGA seguímoslle a pista ao proceso de tratamento das 90.000 t de refugallos do Prestige recollidas na costa. Deste conxunto, 60.000 foron armacenadas en SOGARISA, 20.000 en Cerdeda e outras 10.000 “en diferentes puntos”. Os dados oficiais e as informacións de prensa sobre o destino destes refugallos foron contraditorios e non só non aclarararon determinados aspectos do proceso de ·tratamento”, senón que sementaron dúbidas sobre a súa viabiidade e mesmo legalidade. Coas informacións recompiladas por diversos medios puidemos reconstruir a cronoloxía do que aconteceu con eses refugallos:

A finais de 2005 aínda non se iniciara o tratamento destes restos, unhas 80.000 t segundo responsábeis de SOGARISA, que prevían comezar a facelo a principios de 2006. SOGARISA estimaba daquela o custo en 24,5 millóns de €. No outono de 2006 iniciouse do tratamento das primeiras 20.000 t armacenadas en Cerceda mediante unha planta móbil. En novembro deste ano había aínda 60.000 t sen tratar en SOGARISA (As Somozas), o 75% das 80.000 alí armacenadas.

En 2007 a Xunta anunciou que o tratamento doutras 60.000 t en SOGARISA comezaría en xullo dese ano e apontaba como razóns do retraso “causas políticas e administrativas”. Outras 20.000 t xa foran “tratadas” nese tempo nunha planta móbil na Areosa (Cerceda).

En abril de 2008 publicitouse que SOGARISA procesou outras 30.000 das 60.000 t restantes nas balsas. Agardaban rematar o proceso a principios de 2009. En novembro de 2008, SOGARISA anunciou que xa tratara 66.000 t, 46.000 das balsas nas Somozas e 20.000 en Cerceda, das 82.000 armacenadas, faltando unhas 16.000 t por procesar, operación que prevían rematar en marzo de 2009. Os custos da reciclaxe e tratamento ascenderían a 22 millóns de € (2,5 millóns menos do anunciado en 2005). Tamén en novembro de 2008, un video corporativo de Ferrovial (que daquela participa con capital en SOGARISA) sobre o proceso de reciclado dos refugallos do Prestige, informaba que SOGARISA tiña capacidade para procesar unhas 20 t ao día. Facendo os cálculos para 60.000 t dende xullo de 2007 a razón de 20 t diarias, o proceso remataría en 8,2 anos (traballando 365 días por ano) isto é en outubro de 2015!

A finais de 2009 ADEGA denunciaba que aínda faltaban por tratar outras 10.000 t de refugallos do Prestige nas Somozas. Nunha información de prensa, a administración afirmou que o retraso debiase á falla de fondos. Apontaba tamén que SOGARISA podía tratar unhas 20 t por hora, cando un ano antes o vídeo de Ferrovial dicía que eran 20 t por día.

En novembro de 2011 a Xunta volvía a recoñecer que faltaban por tratar 10.000 t nas Somozas, froito segundo o daquela conselleiro de medio ambiente Agustín Hernández, do material que chegou a SOGARISA “dende diferentes puntos”. Como o proceso estaba orzamentado en 22,4 millóns de € (é a terceira cifra distinta que se ofrecía) para 80.000 t, semallaba que non había cartos para tratar estas 10.000 t que o conselleiro pretendía que asumira o Estado (daquela a ministra era Elena Espinosa) e que a Xunta tíñaas “adecuadamente armacenadas” nas Somozas.

A daquela vixente Lei 22/2011 de residuos e solos contaminados obrigaba a tratar estes refugallos nun prazo máximo de 6 meses… E xa van alá 20 anos. Botando contas, das 80.000 toneladas “tratadas” por SOGARISA, 9.600 eran de plásticos e 6.400 de fuel. Valorizáronse, isto é, incineráronse, 956 toneladas de plásticos e 482 de fuel, isto é, un 10,2% e un 7,5% respeitivamente. Onde foron logo o resto dos plásticos e do fuel? Se consideramos que estes eran o verdadeiro refugallo, resulta que o 91% de plásticos+fuel foi a vertedoiro, para o que se pagou 22 ou 24 millóns de € (as cifras flutúan segundo as fontes) de cartos públicos. Hoxe, 20 aos despois, seguen sen tratamento 10.000 t de refugallos daquela catástrofe que fican armacenadas en balsas por SOGARISA, nas Somozas, agardando a que o Estado e a Xunta se poñan de acordo para investir os aproximadamente 3 milóns de € que custaría o proceso.

20 anos poden non ser nada, ou selo todo. Moitas persoas das que vivemos a catástrofe vémola hoxe como un acontecemento case mítico, un marco persoal e colectivo que mesmo estableceu unha cronoloxía social: A.P. (antes do Prestige) e D.P. (despois do Prestige). Mais que ficou hoxe de todo aquilo? Pois, aliás dese chapapote pertinaz que de cando en vez aparece nas praias para lembrarnos que o Prestige non será o último, e desas 10.000 toneladas guindadas baixo a alfombra nas Somozas, o que ficou foi unha sensación. Un sentimento, mais fundamentado en feitos e experiencias, de que outro Prestige pode ser posíbel en calquera momento. Porque a xestión dos riscos non está á altura das posíbeis consecuencias dun novo accidente, e porque as súas causas, maiormemte estruturais, persisten.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s