A eucaliptización e os parques eólicos ameazan a Ave do Ano 2023


A ‘Sociedad Española de Ornitología’ (SEO/BirdLife), a través dunha votación pública, ven designar a tartaraña cincenta (Circus pygargus) como Ave do Ano 2023 en España. Con esta acción, SEO/BirdLife “pon o foco sobre unha especie que precisa dunha atención especial polo seu mal estado de conservación ou porque simboliza a urxencia de protexer os hábitats que a acollen para reclamar a administracións e institucións medidas para a conservación do patrimonio natural de todos/as” .

Cada vez menos tartarañas

A nivel estatal, o censo desta rapina en 2017 contabilizou entre 4269 e 5360 parellas, o que supón un declive de entre o 23% e o 27% en só dez anos. A situación en Galiza é aínda máis precaria, pasando dun rango de 800 a 1548 parellas en 2002 a apenas 172-287 en 2019, o que supón un declive de entre o 59 e o 81% (!) en só 17 anos. SEO/BirdLife e o Grupo Ibérico de Aguiluchos son as promotoras da realización destes censos.

Oportunidades perdidas e ameazas crecentes

E isto tórnase máis lamentable se consideramos que desde 2007 a tartaraña cincenta está incluída como Vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas, e que, por lei, debería aprobarse un Plan de Conservación da especie. A designación da especie como “Ave do ano 2008 en Galiza” pola Sociedade Galega de Ornitoloxía serviu para avanzar no coñecemento da tartaraña e alertar á opinión pública do estado xa desfavorable de conservación da especie. A redacción do Plan de Conservación desta rapina licitouse e realizouse pero, lamentablemente, ficou paralizado desde 2009, sen se aprobar nin publicar. Desde entón, a caída en picado das poboacións da tartaraña cincenta foi da man co aumento descontrolado das plantacións de eucalipto (Eucalyptus nitens E. globulusnos mellores hábitats de busca de alimento e reprodución da especie (matogueiras abertas, pasteiros en extensivo, mosaicos rurais abertos, páramos), así como das plantacións de piñeiros (Pinus radiata P. pinaster) no interior e a intensificación agraria e gandeira, con perda de usos extensivos. A instalación de ducias de parques eólicos tivo, ten e terá impacto tamén nas poboacións desta especie, ben por colisión directa coas aspas dos aeroxeradores como por perda da calidade de hábitat por fragmentación.

A opinión das expertas

Ademais da opinión de SEO/BirdLife, ADEGA considera importante pulsar a opinión do Grupo Ibérico de Aguiluchos, como grupo de traballo que, desde 1991, reúne asociacións e particulares preocupados pola conservación da tartaraña cincenta e das outras dúas especies o xénero Circus nidificantes na Península: a gatafornela (Circus cyaneus) e a tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus). O seu presidente, o biólogo Xabier Vázquez Pumariño, comenta que a tartaraña cincenta “debería estar en Perigo de Extinción” en Galiza e en España en vista da magnitude do declive poboacional nas últimas décadas. Comenta tamén “a necesidade de facer real ese Plan de Conservación”, que “salvagarde tamén a singularidade das poboacións galegas da especie, cunha alta porcentaxe de individuos de morfo escuro, algo único a nivel mundial”. Vázquez Pumariño manifesta a súa preocupación pola instalación masiva de parques eólicos: “Algúns aeroxeradores están proxectados non só no territorio das tartarañas cincentas, senón mesmo enriba da situación exacta dos niños da especie”.

As demandas de ADEGA

Desde ADEGA reclamamos:

  • Unha nova licitación para a elaboración dun Plan de Conservación da especie en Galiza, que actualice a información e propoña medidas axeitadas de preservación, con fondos suficientes.
  • Que nese novo Plan de conservación se realice unha recompilación de toda a información histórica da presenza da tartaraña cincenta en Galiza, elaborando como mínimo un mapa de alta resolución (cuadrículas UTM de 1×1 km) coas presenzas comprobadas da especie (reprodución e busca de alimento) no período 2002-2009 (“mapa de presenzas 2002-2009”), ademais dunha prospección exhaustiva das áreas ocupadas actualmente pola especie.
  • Que se elabore un plan para a eliminación nun prazo máximo de 5 anos das plantacións de eucaliptos e piñeiros en ao menos o 50% das cuadrículas UTM de 1×1 km con presenza da especie no “mapa de presenzas 2002-2009”.
  • A moratoria permanente ás plantacións de eucalipto en novas áreas en Galiza.
  • A moratoria permanente á construción de parques eólicos nas áreas con presenza actual e/ou histórica de tartaraña cincenta.

Tamén aproveitamos para reclamar á Xunta de Galiza que licite con urxencia os 72 Plans de Recuperación das especies En perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas que están pendentes de realizarse desde 2007 (97,3% do total), así como os 125 Plans de Conservación das especies Vulnerables nese catálogo (só hai un aprobado), e que serían 124 se se aproba o da tartaraña cincenta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s