ADEGA falla os Premios Osíxeno e Dioxina 2022, que entregará o 15 de abril en Lugo

A asociación ecoloxista ADEGA vén de fallar os Premios Osíxeno e Dioxina de 2022, que xa acadan a súa 22ª edición. Estes galardóns pretenden recoñecer e destacar publicamente as mellores e peores accións ou actitudes exercidas de forma individual e colectiva  fronte o medio ambiente galego durante o período anual. Desta volta, ADEGA quixo premiar en positivo a persoas e colectivos que puxan pola defensa do medio ambiente, do patrimonio e do ensino no rural galego, e puxo o foco no titular da Consellaría de Medio Rural e no Tribunal Supremo para sinalar as actuacións máis nefastas para a contorna natural de Galiza durante o ano 2022.

Premios Osíxeno de Honra 2022

A Xunta Directiva de ADEGA outorga desta volta o Premio Osíxeno de Honra a dous activistas de ADEGA e referentes no ecoloxismo galego, cuxa traxectoria na defensa do medio ambiente e do patrimonio do país está recoñecida, máis aló do ámbito conservacionista. Pepe Salvadores Cobas e Daniel López Vispo, ambos os dous procedentes da provincia de Lugo, tiveron un papel fulcral como impulsores das principais loitas ecoloxistas de Galiza, e contribuíron con especial determinación e perseverancia a manter vivos algúns dos tesouros naturais que hoxe en día conservamos. Desde ADEGA proferimos un especial aprezo, respecto e admiración por estes dous compañeiros que ocuparon cargos directivos diversos na organización e que serviron para todos e todas, en máis de unha ocasión, de faros no percurso e traxectoria de ADEGA.

Daniel López Vispo 
O seu papel na defensa ecoloxista do país foi especialmente intenso e activo na segunda metade dos anos 90  e na década do 2000.  Foi a cabeza visible e voceiro de ADEGA en varias das loitas máis importantes, como a librada contra o paso da autovía A-6 polo Val do Neira (Baralla), na defensa da zona ZEPVN e ZEC Serra do Xistral fronte os eólicos, ou contra a enxurrada de minicentrais nos ríos galegos ou a especulación urbanística en Barreiros. Foi o precursor na defensa dos espazos naturais protexidos como Rede Natura 2000 fronte a explotación mineira ou a implantación caótica e irracional dos proxectos de enerxía renovábel, que hoxe, 25 anos despois temos tan presente. A Daniel López Vispo debémoslle, entre outros destacados legados, a preservación do litoral galego fronte o Plan Acuícola de Fraga, que ameazaba con destruír todos os cabos litorais do país con piscifactorías industriais de peixe plano. En Rinlo, mesmo puxo en risco ata a súa integridade física diante das máquinas de Álvarez Cascos para impedir a construción da cmacrogranxa acuícola de Acuinor en zona de Rede Natura. En ADEGA exerceu os cargos de Secretario Xeral e secretario na delegación de Lugo durante varios anos, poñendo na primeira plana pública e política aquelas loitas ecoloxistas de marcado carácter social que caracterizan a historia de ADEGA.

Pepe Salvadores Cobas
Pepe Salvadores está sempre disposto á acción e para todo tipo de tarefas. Unha mente sensible, curiosa e creativa que non deixa de ferver ideas de cara á actividade reivindicativa na defensa do país. As capacidades de Pepe Salvadores son múltiples e diversas. Concibe e vincula a acción ecoloxista a un acto de amor cara a unha terra e cara a un pobo.  Compartiu con Vispo numerosas loitas, tamén a finais dos 90, e no cambio de século coordinou unha das principais loitas populares, como foi a desenvolvida por COGADER contra as minicentrais e encoros nos ríos. Un exemplo de traballo en rede que deu manifestos froitos, un deles, a Lei de protección e conservación dos ríos galegos. Pola súa continuidade e alcance, a de COGADER pode considerarse un dos mellores exemplos de “plataformas” sociais cunha finalidade ecoloxista moi concreta. Amante do monte e dos seus moradores, foi vogal de biodiversidade por varios anos en ADEGA, sendo un dos seus principais estímulos e empeños a defensa e protección da fauna e flora autóctonas e a recuperación dos saberes populares ligados ao medio ambiente. Hoxe en día segue sendo membro da directiva de ADEGA na que exerceu diversos cargos. Tamén é o autor da sección de fauna da revista Cerna.

Premios Osíxeno 2022

Osíxeno Individual 2022: Alicia López Pardo
Alicia López Pardo di que a súa entrega ao medio ambiente vén desde a infancia. Foi educada no respeito á sabedoría popular e á lingua galega, menosprezada nas vilas. Por iso ela sempre traballou en escolas rurais, sendo unha das chamadas mestras da montaña. Admiradora de Uxío Novo Neira, o grande poeta do Courel, e da súa muller Elba, nunca descoidou o seu compromiso polo coidado do medio natural tendo unha visión globalizada na que cultura, lingua e sabedoría popular resultan obxecto da súa acción reivindicativa. Na actualidade lidera a Asociación Roxin Roxal, impulsa a Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural (Rede do Rural) e fai parte da Rede do Patrimonio Cultural de Galiza, Salvemos o Iribio e da Coordinadora Eólica Así Non. De 2022, destacamos o seu especial empuxe e alento na loita contra a invasión eólica e a prol do ensino e das escolas no rural.

Osíxeno Colectivo 2022: veciñanza do Courel
ADEGA quere solidarízarse a través do Premio Osíxeno Colectivo 2022 con todas aquelas persoas, aldeas e comunidade de montes que sufriron no verán de 2022 a terríbel lacra dos incendios forestais. Uns incendios que, en tan só 3 días, calcinaron máis superficie ardida da que vaticinaba a Xunta ao longo de todo o ano. Este premio vai dedicado especialmente ás veciñas e veciños das aldeas arrasadas polos lumes de 2022 e que, tras a catástrofe ecolóxica e as perdas sufridas, e contra todo pronóstico, erguéronse con valentía e decisión e autoorganizáronse para recuperar e devolver a vida aquelo que foi roubado polo lume. Ademais dos bens materiais, o lume leva consigo a memoria, a historia e a cultura popular das aldeas. Neste senso, foi exemplificante a actitude e a capacidade de rexurdir que demostraron unha vez máis os veciños e veciñas dos pobos da Serra do Courel, ás que debemos que esta xoia natural non esmoreza baixo as chamas para sempre.

Premios Dioxina 2022

Dioxina Individual 2022: Xosé González, conselleiro de Medio Rural
ADEGA outorga o premio Dioxina Individual de 2022 ao conselleiro de Medio Rural, Xosé González, por sendos motivos. Un deles, a súa intención de dotar as comunidades de montes veciñais en man común de personalidade xurídica eliminando o carácter xermánico da titularidade veciñal, a través dunha nova lei de montes veciñais en man común que non conta co aval dos titulares comuneiros e comuneiras. Se esta nova lei de montes veciñais prospera, as comunidades de montes perderían dereitos sobre as súas terras e  poderian entrar no tráfico do comercio e ser acaparadas por interess económicos, especulativos (ENCE, mineiras, eólicas…) ou urbanísticos alleos aos intereses da veciñanza comuneira.

Outro dos motivos que xustifican este galardón, é a nefasta xestión que o conselleiro de Medio Rural (compartida coa conselleira de Medio Ambiente) diante da vaga de lumes forestais que o pasado verán asolou nunha semana máis de 30.000 hectáreas de espazos naturais protexidos ou ecosistemas de especial ecolóxico e ambiental, alén do numeroso patrimonio material que as poboacións afectadas perderon. O alcance e repercusión dos incendios forestais tería sido moito menor de terse activado todo o operativo previsto polo Plan de Prevención e Extinción de incendios forestais de Galicia (PLADIGA 2022), tal e como procedría na tempada de máximo risco de lumes, e de térense adoptado as medidas complementarias establecidas nos protocolos de Protección Civil tanto da comunidade autónoma como do Estado español, tal e como lle advertiron numerosas organizacións sociais.

Dioxina Colectivo 2022: Tribunal Supremo
O Premio Dioxina Colectivo, desta volta, vai dirixido ao Tribunal Supremo, e nomeadamente aos maxistrados que fallaron a favor da permanencia da factoría de celulosa de ENCE na ría de Pontevedra e revogaron a sentenza da Audiencia Nacional que declaraba ilegal a prórroga á pasteira do expresidente do goberno español, Mariano Rajoy. A parcialidade do Supremo para con ENCE e o PP quedou de manifesto na propia sentenza que incluíu un voto particular contrario á revogación, ao cal eximimos do recoñecemento dioxina. Por mor deste fallo do Supremo, a papeleira de Ence podería permanecer na ría de Pontevedra polo menos ata o ano 2073, o que, á súa vez, imposibilitaría a recuperación ambiental da ría.

Acto de entrega

Os galardóns serán entregados no decurso da 47ª Asemblea Xeral de ADEGA, este sábado, 15 de abril, durante o xantar de confraternización que terá lugar no Mesón Abel da ciade de Lugo. 

Como galardón será entregada unha escultura do artista Nacho Porto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s