A 47ª Asemblea Xeral de ADEGA celebrouse no Centro Sociocultural Uxío Novoneyra en Lugo e culminou cun xantar de confraternización e coa entrega dos Premios Osíxeno e Dioxina 2022.

A asociación ecoloxista ADEGA celebrou este pasado sábado, 15 de abril, a súa 47ª Asemblea Xeral de socias e socios, na que fixo balance do traballo desenvolvido ao longo do ano 2022 e na que tamén acordou as liñas estratéxicas da organización para este 2023.
As persoas socias de ADEGA determinaron manterse firmes na defensa do territorio contra a invasión eólica, ás portas da que será a maior ofensiva da historia da organización fronte aos proxectos eólicos que se autoricen e que teñan un especial impacto sobre o patrimonio natural e cultural, co apoio das plataformas sociais. ADEGA traballará co obxectivo de involucrar en maior medida as sociais e delegacións nesta campaña e sopesará tamén a súa participación en experiencias prácticas de autosuficiencia ou soberanía enerxética.
Outra das liñas estratéxicas confirmadas pasa pola custodia do monte e a afronta contra a masiva eucaliptización. Socias e socios acordaron prestar especial atención ás plantacións ilegais máis graves e facer campaña de seguimento das xa presentadas. Tamén potenciará proxectos de custodia en fincas doadas e impulsará máis accións directas sobre o terreo de voluntariado a prol do bosque galego.
Os residuos e a economía circular é a terceira e últimas das liñas acordada en asemblea xeral. Promover unha campaña activa contra o modelo SOGAMA e o seu incumprimento dos obxectivos europeos, ademais de ampliar a oferta de ADEGA en formación en compostaxe e procurar maior especialización no eido, están entre os obxectivos prioritarios neste sentido. As sociais determinaron, igualmente, fomentar e mellorar as relacións institucionais para o emprendemento de proxectos conxuntos.
Propostas de resolución aprobadas
Así mesmo, as persoas sociais presentes na asemblea aprobaron un total de catro propostas de resolución, entre elas, o apoio á folga estudantil convocada por “Erguer. Estudantes da Galiza” para este 25 de abril por un ensino público e de calidade contra a privatización e a desgaleguización.
En materia eólica, ADEGA acordou manter o seu compromiso coa Coordinadora Eólica Así Non. Neste sentido, a asociación ecoloxista urxe o pobo galego a que o vindeiro domingo, 23 de abril, ás 12:00 horas, acuda a San Caetano, en Santiago de Compostela, para rodear a Xunta e esixir o rexeitamento de novas autorizacións de proxectos eólicos mentres non haxa unha planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo.
ADEGA dedicou outra das súas propostas a Ence, unha das industrias máis lesivas para o futuro do país e cuxa decisión do Tribunal Supremo de darlle continuidade na Ría de Pontevedra responde a unha inmoralidade manifesta que perpetúa a inxustiza. É por iso que a asociación deixou constancia do seu apoio e agradecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que non deixarán de loitar para que Ence marche da ría.
Doutra banda, con vistas ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, ADEGA insta a todas as formacións candidatas a gobernar os concellos galegos a que poñan no centro políticas locais que nos permitan enfrontarnos como pobo aos retos da actual emerxencia ambiental, con especial atención á conservación da biodiversidade, dos recursos naturais e do patrimonio cultural.
Xunta Directiva
Nesta asemblea tamén se decidiu a directiva para os dous vindeiros anos, encabezada de novo polo biólogo lugués Roi Cuba Dorado. Verónica Torrijos seguirá ocupando a vicepresidencia e María R. Lafuente a vicesecretaría xeral. Froilán Pallín mantense na secretaría xeral e Xan Louzao na tesourería. Como novidades para os próximos dous anos redúcese o número de membros da Xunta Directiva e incorpóranse Miguel Varela e Xandro García como vogais da Comisión Permanente, Xosé Manuel Romero e Marco A. Coímbra como vogais da Xunta Directiva e Sole Felloza como vogal de Patrimonio Cultural.
Entrega dos premios Osíxeno e Dioxina 2022
Tras o xantar de confraternización, ADEGA fixo entrega dos Premios Osíxeno 2022. Uns galardóns, obra cerámica do artista galego Nacho Porto, que recoñecen as mellores accións ou as actitudes máis positivas para a preservación ambiental de Galiza, ou aquelas traxectorias vitais comprometidas co medioambiente de Galiza.
Desta volta, ADEGA outorgou o Premio Osíxeno de Honra ao activista da asociación e referente no movemento ecoloxista galego, Pepe Salvadores. Pola súa banda, o premio Osíxeno Individual 2022 foi para Alicia López Pardo, mestra da montaña que nunca descoidou o seu compromiso polo coidado do medio natural cunha visión globalizada na que cultura, lingua e sabedoría popular son o centro da súa acción reivindicativa. Por último, unha representación da veciñanza do Courel que sufriu a terríbel lacra dos incendios forestais foi quen recolleu o Premio Osíxeno Colectivo 2022.
Pola contra, os Premios Dioxina deste ano, que destacan as peores accións ou actitudes exercidas contra o medioambiente galego, recaeron no conselleiro de Medio Rural, Xosé González; e no Tribunal Supremo, que fallou a favor da permanencia da factoría de celulosa de ENCE na Ría de Pontevedra.
Como peche da xornada, as socias e socios realizaron un roteiro de cinco quilómetros polo val do Río Rato, un dos pulmóns verdes de Lugo que pretende ser arrasado pola construción da autovía Rolda Leste.