Mani-Festa o 24 de maio en Pontevedra: polo arquivo definitivo de ALTRI e o peche de ENCE

POLO ARQUIVO DEFINITIVO DE ALTRI E O PECHE DE ENCE

A manifestación decorrerá o vindeiro 24 de maio en Pontevedra seguida dunha “mani-festa”, un acto de carácter festivo e reivindicativo co que a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, APDR, e a Plataforma Ulloa Viva pretenden combinar protesta e participación cidadá. A mobilización arrancará desde a Alameda e finalizará, aproximadamente unha hora despois, no mesmo punto seguido dunha festa reivindicativa para combinar protesta e participación cidadá.

O arquivo do proxecto de ALTRI anunciado pola Consellería de Economía e Industria, que a Xunta vincula á falta de conexión eléctrica, é unha vitoria indiscutíbel do pobo galego que expresou a súa vontade ao berro de “ALTRI NON”. Con efecto, nin a negativa á conexión eléctrica a ALTRI por parte do Goberno do Estado, nin o arquivo do proxecto pola Xunta se terían producido nunha situación de desmobilización social.

E temos boas novas para a loita contra a presenza de ENCE na Ría. A Comisión Europea dános arazón ao esixir ao Goberno español que adapte a Lei de Costas ás normas comunitarias no que ás prórrogas se refire. O Goberno elaborou un novo Regulamento da Lei que será aprobado en breve e que establece que as concesións en dominio público que poidan ser inundábeis (é o caso de ENCE) poderán ser revogadas e que ningunha concesión en dominio público (incluíndo as prórrogas) poderá estenderse máis alá dos 75 anos. Coa nova norma, que se poderá aplicar con efectos retroactivos, ENCE tería que abandonar Lourizán no ano 2033, podéndose revogar a concesión no caso de non aceptar a Empresa este novo prazo. Así pois, O PECHE DE ENCE ESTÁ MÁIS CERCA, e A LOITA CONTINÚA.

NIN ENCE NA RÍA, NIN ALTRI NA ULLOA…. CELULOSAS FÓRA!!!

Deixar un comentario