A Autoridade Portuaria do Porto de Marín está a realizar outro novo intento de evadir o cumprimento da sentenza ditada polo Tribunal Supremo no ano 2009 que obriga a retirar os recheos que permitiron gañar ao mar máis de 300.000 metros cadrados, modificando os parámetros hidrodinámicos da zona interna da Ría de Pontevedra coa conseguinte modificación dos corpos sedimentarios o que provocou graves danos aos ecosistemas e aos recursos naturais. Un argumento principal daquela sentenza é o da falta dun estudo de impacto ambiental sobre o conxunto dos recheos que se pretendían realizar.
Coa intención de evitar o cumprimento da sentenza, a Autoridade Portuaria ten elaborado un novo Plan Especial, aprobado en xullo deste ano, a través do que pretende dar cobertura legal aos recheos realizados e en execución, un novo plan que reincide nas mesmas deficiencias que posuía o orixinal aprobado no ano 2000 e a súa modificación que se aprobou en 2005, ambos anulados, e por suposto na fundamental destas deficiencias, a falta dun estudo de previsión do impacto ambiental nos ecosistemas e sistemas produtivos da Ría de Pontevedra. A non realización deste estudo constitúe en realidade parte dunha estratexia para levar a cabo os recheos con plena consciencia, dende o inicio dos mesmos, de que este dano se produciría e de que unha avaliación previa o revelaría. Este impacto viuse confirmado na tramitación da modificación do plan aprobado en 2005, cos recheos xa iniciados, por distintos informes técnicos; así un informe de setembro de 2003 da Delegación Provincial de Pontevedra da entón Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos concluía: “A modificación das correntes, como consecuencia de obras realizadas ao redor de toda a costa, están provocando o enfangamento de moitas zonas marisqueiras, coa conseguinte destrución dalgúns bancos marisqueiros e a redución da produción en outros, que afectarán nun futuro próximo á renda dos mariscadores e como consecuencia á economía da zona e a problemas sociais” . Tamén a Dirección Xeral de Recursos Marítimos da mesma consellería aseguraba no seu informe de outubro de 2003 que “A zona de Placeres é un banco de grande importancia marisqueira. A realización dos distintos recheos está ocasionando modificacións das correntes existentes na zona con perda de zonas explotables por enfangamento e prexuízo económico para o sector pesqueiro-marisqueiro” ; a pesar distas evidencias a Autoridade Portuaria seguiu adiante cos recheos, incumprindo a lexislación e provocando un impacto que foi aumentando co tempo. Os resultados son loxicamente os previstos polos técnicos: destrución ambiental, perda de zonas explotables para o marisqueo e prexuízo económico e social para o sector.
Sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulando a Modificación do Plan Especial e a recente da Audiencia Nacional anulando o Plan de Usos e Servizos Portuarios confirman a ilegalidade das actuacións pasadas e presentes realizadas pola Autoridade Portuaria e permiten asegurar que a única vía legal de cara ao futuro pasa pola retirada dos recheos e a planificación da actividade portuaria desde a perspectiva de sostibilidade ambiental e social, favorecendo os beneficios sociais asociados á actividade portuaria e sen destruír ecosistemas e fontes de recursos que proporcionan moitos postos de traballo de grande interese económico e social.
A situación ven sendo posta en evidencia pola Asociación Pola Defensa da Ría desde o comezo da redacción do primeiro Plan Especial no 1994, facendo fincapé na ilegalidade das obras que se planificaban e que se seguen a realizar, denunciando administrativa e xudicialmente a esperpéntica tramitación e as consecuencias das actuacións.
Cando se produciu a aprobación do novo Plan Especial, no mes de xullo, a APDR presentou diante da sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un recurso a través do cal se solicita a anulación do mesmo. Os argumentos son os mesmos que fixeron que se anularan os anteriores xa que nada cambia no substancial con respecto a eles e dado que segue sen realizarse unha análise das modificacións que o conxunto dos recheos están a provocar. Estes días, o TSXG, ven de comunicar á APDR que o recurso presentado foi admitido a trámite, abríndose unha fase de análise e argumentación xurídica que debería terminar coa anulación deste novo plan e a imposición ás administracións responsables (Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Autoridade Portuaria) da obriga do cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo e, xa que logo, da retirada dos recheos ilegais realizados.