1º Roteiro contra do desdobramento do corredor do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o 1º roteiro contra do desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo en autovía pola zona afectada dos montes de Moaña para o vindeiro sábado 14 de xuño. Vai ser circular con saída ás 11 da mañá e chegada ás 13:30 no igrexario de San Martiño (Moaña).

MORRAZO0002

Fotografía: Diário Liberdade

O proxecto do corredor de alta capacidade con arredor dos 15 kilómetros de lonxitude supuso un enorme impacto ambiental, social e cultural no territorio, na maioría do trazado por enriba dos 200 metros sobre o nivel do mar para evitar a afección dos núcleos poboacionais, espallados pola xeografía dos concellos morracenses afectados de Moaña, Cangas e Bueu, como así mesmo a masiva oposición veciñal despois dunha década de rexeitamento social con diversos trazados. En total foron arredor de 21 kilómetros se contamos cos enlaces en forma de vía rápida a Cangas e a Aldán coas súas afectacións engadidas.

Planificado para o seu desdobramento posterior en autovía, na fase de construcción foron afectadas de xeito grave e irreversible con desmontes, recheos e viadutos de grandes dimensións amplas áreas dentro dos espazos naturais protexidos dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro, monte comunal e privado, provocou a desaparición de ducias de camiños públicos, sendeiros, mananciais de auga potable, afectouse a área de protección de arredor dunha treintena de xacementos arqueolóxicos, nalgúns deles coa afección severa da súa área integral, mortandade de fauna, efecto barreira para a fauna e a flora, introducción de máis especies alóctonas e invasoras na fixación dos taludes, sedimentación con grandes cantidades de áridos e terras dos regos e a súa área de ribeira ata as desembocaduras na ría. Na fase de funcionamento produciuse impacto atmosférico e acústico, contaminación hídrica, fluvial e mariña, por lavado e escorrentía de residuos de aceites, hidrocarburos e metales pesados, maior mortandade de fauna por atropelos, siniestralidade humana, derrubamentos nos taludes,…

A mais non solucionou os problemas de tráfico anteriores, derivados do uso e abuso do automóbil privado, e polo contrario agravounos ao incrementar o parque automobilístico, trasladando a problemática ás entradas e saídas, especialmente nas estradas da costa e nos meses do verán. As estradas da rede primaria son máis estreitas e non poden absorver o aumento do tráfico xenerado polo corredor dentro dun “efecto funíl!”. O desdobramento en autovía do corredor a mais dun maior impacto no territorio incrementaría ese efecto pois a meirandes estradas máis veículos motorizados e maiores colapsos viarios dentro da “pescada que se morde o rabo”, nunha península rodeada de mar e sen saída.

Implicou un enorme gasto de diñeiro público, e aos 72 millóns de euros que custou a construcción do corredor agora habería que engadirlle os 61,10 millóns que está orzamentado o desdobramento do corredor (41,29 millóns da 1ª fase de 11,4 kilómetros desde a saída da AP-9 en Rande ata o enlace de Cangas e 19,80 millóns para a 2ª fase dos 3,80 kilómetros desde o enlace de Cangas ata o da Portela). O gasto a mais tamén implica a fase de mantenemento. Ao final repercute tamén na peteira da poboación usuaria en forma de peaxes directas e indirectas e impostos engadidos. Xunto coa crise económica actual está provocar que, de xeito contradictorio, a poboación utilice menos co seu vehículo privado estas vías de “alta capacidade”.

Os benefícios á parte das grandes distribuidoras de combustibles fósiles e do sector do automóbil privado, son para as grandes empresas privadas construtoras que en forma de UTEs (Unión Temporal de Empresas) se reparten as obras. En Galicia na fase de funcionamento como autovías estas empresas reciben máis diñeiro público polo denominado “canon de demanda” en base ao número de vehículos utilitarios pero debido á baixada do número dos últimos anos, a Xunta pretende aportarlle máis para ao final, no pior dos casos, ter que rescatalas.

Está baseado nun modelo “insustentable” de transporte de “mobilidade” a medias-longas distancias (Plan Estratégico de Infraestructuras y Transporte, PEIT, a nivel estatal, e plan MOVE a nivel autonómico, dentro da denominada Rede Transeuropea de Transporte europea), con vías de alta capacidade pechadas e mínimas entradas e saídas en contacto con grandes núcleos de poboación, que provocan un grande impacto e irreversible nas extensas áreas intermedias, na súa maioría espazos naturais e chan rústico ou rural. Consume enormes cantidades de materia prima e enerxía cun enorme custo ambiental a nivel local e por engadido colabora a nivel planetario, onde está dentro dos principais responsables da perda de solo fértil e de contribución ao quencemento global e da mudanza climática pola emisión de grandes cantidades de gases de efecto invernadeiro á atmosfera.

Vai camiño do colapso pola baixada de produción do petróleo a nivel mundial e por conseguinte dos seus derivados como combustible, e non ten substituto ante os alarmantes niveis de consumo nos que se está desde hai décadas.

Está, como vía de enlace, sistemáticamente detrás da “especulación urbanística” do modelo de grandes urbes e concentración política, económica e demográfica, onde grande parte do territorio é absorvido, pasando a ser “suburbio” das grandes cidades en forma de “áreas metropolitanas” como de feito pretenden facer co Morrazo, pasando a pertencer á denominada “rexión urbana Vigo-Pontevedra” e do denominado “eixo atlántico”. Cidades dormitorio, vivendas de segunda residencia, masificación turística e estacional, infraestruturas náutico-deportivas, parques empresariais e grandes áreas comerciais a través de PXOMs totalmente “inchados”, siguen ser o modelo de “desenvolvemento” que os poderes políticos e económicos nos deixan malia a súa manifesta “insustentablidade” e máis que dubidosa realización.

Vai en contra do máis sustentable “transporte de accesibilidade, colectivo e de proximidade” e os principais afectados son o medio, as poboacións locais e o transporte colectivo, co que ademais é incompatible, xa que compite en total desigualdade en orzamentos, en incentivación e en posta na práctica (vaia como exemplo máis fidedigno que desde a construcción da ponte de Rande na AP-9 e despois do corredor do Morrazo é cando baixou de xeito progresivo e vertixinoso o número de usuarios/as do transporte colectivo, tanto terrestre como marítimo, na comarca).

Como alternativa desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo reivindicamos a mellora, vertebración e humanización da rede viaria comarcal existente, a desincentivación e uso responsable do automóbil privado, a potenciación do transporte público e colectivo terrestre e marítimo de proximidade, a consecución de carrís bici, a descentralización coa dotación de servizos sociais, culturais e sanitarios a nivel local, municipal e comarcal que reduzan ou eliminen a necesidade de desprazarse por estrada fóra da comarca e ás cidades da entorna, a autoxestión enerxética e alimentaria e unha planificación urbanística axeitada coa realidade demográfica e urbanística, baseada no decrecemento global.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s