A APDR esixe o cumprimento da sentenza que obriga á demolición dos recheos ilegais do porto de Marín

5352fb3e09792-puertoHai certo tempo que se veñen escoitando algunhas voces, mediatizadas sen dúbida polos intereses económicos das empresas que se teñen beneficiado dos recheos ilegais realizados no Porto de Marín, que defenden a idea de que unha sentenza do máis alto tribunal do estado pódese incumprir impunemente, chegando a propoñer diversas artimañas para dar amparo a este disparate e mesmo a facer esforzos por presionar aos tribunais coa pretensión de facelos desistir da súa obriga de procurar o cumprimento da sentenza. Estraña actitude nun sistema democrático que debe perseguir a aplicación das leis en condicións de igualdade e a independencia da xustiza nas súas actuacións, e máis se temos en conta que nalgún caso vén da man de representantes de forzas políticas –mesmo con representación no Parlamento de Galicia- e sindicais.

A historia dos recheos no porto, encerra un cúmulo de actuacións ilegais por parte dos responsables da Autoridade Portuaria, que contaron co amparo cómplice da Xunta e da Deputación de Pontevedra para a súa execución. E desde hai máis de 20 anos, coa presentación dunha primeira alegación que incide sobre a ilegalidade de realizar recheos sen prever as modificacións na hidrodinámica e as consecuencias para os sistemas da ría e para os recursos naturais, a Asociación Pola Defensa da Ría vén denunciando estas actuacións; e vimos advertindo e denunciando ano tras ano –e xunto a outros colectivos- os danos ambientais que se estaban a producir, da destrución de recursos naturais e da perda de postos de traballo derivados da súa explotación. Non pode, xa que logo, alegar descoñecemento a Autoridade Portuaria ao respecto deste particular; sabían destes danos ambientais e da perda de recursos e postos de traballo que ían provocar na pesca e no marisqueo, como sabían tamén que unha avaliación de impacto ambiental había de revelalo, razón que lles levou a decidir, en contra da legalidade, evadirse da súa obriga e realizar os recheos sen facer o preceptivo estudo de impacto. E actuando en beneficio de dúas empresas portuarias (Pérez Torres e Nodesa), as administracións mantiveron os recheos ilegais, cos que non perseguían máis que proporcionarlle terreos gañados ao mar –e a costa dos cartos públicos- sen importarlle os danos ambientais, económicos ou sociais que con esta actuación irresponsábel se estaban a producir.

Nun paso máis na defensa dos beneficios privados e contra o ben común, pretenden agora xustificar a necesidade de evitar a toda costa o cumprimento da sentenza, unha auténtica ofensa ao sistema xudicial; e botan man dos máis esperpénticos argumentos para dar cobertura ao que non é máis que unha absoluta aberración e un atentado contra o dereito. Evidentemente, resulta absurdo pretender argumentar que os recheos non se poden retirar; existen solucións técnicas absolutamente seguras que, lonxe de provocar impactos negativos, permitirían recuperar en moi boa medida as condicións hidrodinámicas e o estatus sedimentario anterior aos recheos e os postos de traballo perdidos, moitos máis dos que se poderían perder co cese das actividades que se realizan hoxe nos recheos ilegais. E resulta especialmente vergonzoso neste proceso o papel xogado pola avogacía do estado, que se presta a defender a ilegalidade e o interese particular en contra do interese público.

Pero o incumprimento da sentenza crearía tamén unha situación de agravio comparativo, pois, con frecuencia, estanse a executar demolicións de construcións ilegais de todo tipo en base a sentenzas xudiciais; abonda con lembrar as recentes no poboado xitano de O Bao. Si a lei é igual para todos/as, debe cumprirse tamén cando se afecta aos beneficios de persoas con poder político e económico; os recheos do Porto de Marín son ilegais e deben –xa que logo- retirarse canto antes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s