ADEGA establece lazos coa India a través da Casa de Galiza e da Universidade de Santiniketan

casa_galiza_achegadoA presidenta da Fundación Eira, Adela Figueroa Panisse, e a presidenta de ADEGA na delegación de Lugo, Montserrat Lombardía, atópanse estes días a Santiniketan, no Estado de Kolkata  (Calcuta) da India. Esta estadía dnha semana no país asiático acontece no marco dunha colaboración entre a Fundación Eira (que rexe o equipamento educativo e cultural Eira da Xoana) e a Casa de Galiza da India, en Santiniketan, alí chamada “Galisarbari”, para cumprir cun dos compromisos establecidos entre ambas entidades: o intercambio de experiencias no eido da educación ambiental e cultural. Durante estes días,  o fundador da recentemente estreada Casa de Galiza na India, o galego Xosé Paz Rodríguez, abre amablemente as portas do seu lar a ADEGA e á Fundación Eira, para mostrarlles o seu proxecto educativo para crianzas e mulleres, no que a cultura galega está moi presente.

Aprender de Rabindranath Tagore, a través de Xosé Paz

Na pasada primavera, o director e promotor  de “Galisarbari”, Xosé Paz Rodríguez, acudiu á casa de ADEGA, a Eira da Xoana, no Día da diversidade cultural e natural, para transmitir a súa experiencia como fundador da Casa de Galiza na India e tamén como profesor de Pedagoxía durante máis de dez anos na Universidade tagoreana de Santiniketan, fundada polo primeiro Premio Nobel en Literatura da India, Rabindranath Tagore. Foi alí onde xurdiu a oportunidade de promover un achegamento entre Galiza e a India a través da Fundación Eira e de ADEGA e, doutra banda, do profesor Xosé Paz, que actualmente vive entre a India e Ourense, onde tamén exerceu como profesor do Campus ourensán da Universidade de Vigo e onde agora imparte palestras sobre a educación de crianzas.

O galego Xosé Paz tamén é grande experto sobre a figura de Rabindranath Tagore e das súas ideas no campo da Pedagoxía, as cales se poñen en práctica na Universidade de Santiniketan onde hai 14 facultades e se forman máis de 15.000 alumnos e alumnas.  Nesta institución o Dr. Paz imparte Educación ambiental e respecto pola Natureza e a Paz, que son os eixos pedagóxicos que rexen no currículo deste Campus. Alén destas materias, e Universidade tagoreana tamén confire moita relevancia ás manifestacións artísticas, xa que o seu fundador, Rabindranath Tagore, cultivou todas as ramas das artes, nomeadamente a Música, na que foi un grande innovador. Tagore foi tamén grande amigo de Ghandi e un dos pensadores máis influíntes na Filosofía hindú, feitos que tamén deixaron pegada no modelo pedagóxico desta Universidade.

Unha grande oportunidade

Por todo isto, esta viaxe á India de ADEGA e da Fundación Eira ofrece grandes expectativas para recoller novos coñecementos e unha boa oportunidade para observar  outras perspectivas e métodos de traballo no eido da Educación ambiental e cultural que poderían ter aplicación no ámbito galego. As presidentas de ADEGA e da Fundación Eira tentarán empaparse de toda esta sabedoría durante varios días, en compañía do Dr. Paz Rodríguez, e ao mesmo tempo amosarán a súa experiencia no eido ecoloxista e educativo e a súa disposición a fomentar novos lazos de colaboración. Adela Figueroa xa impartiu unha charla nunha das aulas da Universidade de Tagore sobre os vertidos radioactivos na Foxa atlántica e o importante papel que desenvolveu o Ecoloxismo galego na erradicación deses vertidos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s