Resposta da APDR á Conselleira Mato

Sra. Mato:

Aínda que estamos afeitos a cousas sorprendentes no permanente culebrón das relacións de conivencia Xunta-ENCE, non damos creto ás súas pomposas declaracións acerca dun suposto Pacto ambiental entre a Xunta de Galicia e a empresa pasteira de Lourizán. Porque das súas declaracións dedúcese que ese “pacto” nada ten que ver con melloras ambientais na fábrica de pasta de papel. En efecto, Sra. Mato, nin a rehabilitación do Pazo de Lourizán (do que ENCE vai tirar evidentes beneficios), nin instalar un campo de futbol (por certo, unha das obrigas de ENCE con Costas como consecuencia do expediente de caducidade parcial da súa concesión) son medidas medio ambientais agás que considere Vde. que esta operación de lavado de imaxe ten repercusións no medio ambiente. E mesmo a inversión na depuradora de Os Praceres –de dubidosa oportunidade- non ten nada que ver con melloras ambientais na fábrica. Pero sorprende máis se cabe que Vde. afirme que ese “pacto ambiental” vai máis alá das obrigas adquiridas por ENCE ao conseguir a prórroga de 60 anos que o seu partido, o PP, de forma vergoñenta e mesmo reprobábel desde o punto de vista ético, ten concedido hai uns meses. E sorprende porque debera coñecer Vde., Sra. Conselleira, que a concesión da prórroga foi “gratis total”. ENCE pode –encargáronse Vdes. de que sexa así- obviar ese suposto compromiso e só perdería 10 anos dos 60 que lle veñen de regalar a cambio da hipoteca do futuro económico e ambiental da nosa comarca. Descoñecemos que pediron Vde. e o Presidente da Xunta a ENCE nesa operación e, xa que logo, descoñecemos tamén se este “pacto” cumpre as súas expectativas persoais, pero desde logo podémoslle asegurar que as expectativas da maioría social da comarca pontevedresa só se verán satisfeitas cando ENCE e ELNOSA abandonen a Ría deixándoa como estaba cando chegaron a Lourizán.

Pero, Sra. Mato, Vde. vai máis alá no seu atrevemento ao afirmar que ENCE cumpre os “parámetros ambientais actuais”, estraña maneira por certo de dicir –supoñemos- que ENCE cumpre a lexislación; tan estraña coma falsa! Supoñemos que sabe Vde. que ENCE ten que cumprir as esixencias fixadas na Directiva 91/271/CEE para DBO, DQO, Sólidos en Suspensión, N e P, e que saberá tamén que en moitos casos ENCE incumpre estas esixencias para algún destes parámetros. Debera sabelo, para iso é Vde. Conselleira de Medio Ambiente, como debera saber tamén que os vertidos de ENCE teñen unha forte carga de contaminación microbiolóxica, en particular de coliformes totais e fecais e de Escherichia coli.; e debera sabelo porque así o reflicten os datos facilitados por ENCE á Xunta como obriga fixada na AAI e os das análises das augas de vertido de ENCE obtidos nas escasas inspeccións realizadas na fábrica pola Consellería que Vde. dirixe.

Permítanos que lle lembremos, Sra. Mato, que a súa obriga é esixirlle a ENCE que cumpra a lexislación e non agradecerlle publicamente e de forma servil unha campaña de imaxe que nada vai ter que ver coas melloras ambientais, coa recuperación dos recursos naturais, nin coa recuperación económica e a creación de emprego na comarca. Porque debera saber tamén, Sra. Mato, que ENCE, lonxe de ser a solución a estes problemas da comarca, é parte fundamental dos mesmos.

Xa por último, Sra. Mato, que máis sorpresas nos vai deparar a Xunta e o PP neste xa longo culebrón? Quizás a venta da empresa a inversores estranxeiros unha vez conseguidos os terreos? Quizás novas cadeiras no Consello de Administración de ENCE para algún dos seus correlixionarios do PP? Tempo ao tempo!

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s