ENCE fora da ría para sempre

O pasado 29 de abril, unha decena de persoas en representación da Plataforma Ence fóra para sempre e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) presentamos, vía rexistro da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, una petición de moción municipal aos concellos de Pontevedra e comarca para que debatan e aproben en pleno unha declaración institucional en apoio á mobilización do 4 de xuño (véspera do día mundial polo medio ambiente) que sairá das alamedas de Pontevedra e Marín, ata a factoria de Ence en Lurizan, cos lemas de Ence fóra da Ría! Saneamento integral da ría! Non á eucaliptización!, e que rematará cunha festa na Praza de Placeres.

Solicítase aos concellos apoiar esta mobilización na defensa das tarefas de saneamento integral da Ría que impidan a presenza de vertidos contaminantes (domésticos e industriais) e permitan acadar os niveis de calidade esixidos para as augas de cultivos mariños e baño e contra a recente prórroga de 60 anos concedida polo goberno en funcións do PP, freo definitivo á recuperación e saneamento da Ría e para a creación de emprego de calidade na comarca. A presenza de ENCE na Ría e a eucaliptización que promociona pon en perigo a calidade de vida e saúde das persoas e imposibilita a posta en marcha dun modelo económico sustentábel para o monte galego, provocando a perda de biodiversidade e a proliferación de incendios forestais.

RESOLUCIÓN DE APOIO Á MOBILIZACIÓN DO 4 DE XUÑO COS LEMAS: “ENCE FÓRA DA RÍA”, “POLO SANEAMENTO INTEGRAL DA RÍA” e “NON Á EUCALIPTIZACIÓN”

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A situación da Ría de Pontevedra no que á contaminación se refire, é certamente preocupante. Non se pode esquecer que a vocación da Ría é a da explotación racional dos recursos marisqueiros, da pesca de baixura e do turismo, unha explotación que ten que ser sustentábel no tempo e para a que é absolutamente indispensábel acadar uns niveis de calidade das augas que hoxe, por desgraza e por moi diversos motivos, non se está a conseguir. En efecto, hoxe as augas da Ría -unha Ría que foi declarada zona sensíbel a efectos do cumprimento da Directiva 91/271/CEE- non cumpren os obxectivos de calidade establecidos na lexislación para augas de cultivos mariños e para augas de baño poñendo en perigo a actividade dos sectores que teñen nestas actividades o seu medio de vida.

E, como adiantabamos, son moitas as fontes de contaminación que provocan esta situación, de forma particular a falta dunha depuración axeitada das augas residuais de orixe doméstica e a presenza do complexo ENCE-ELNOSA, sendo estes dous factores os responsábeis dunha forte carga de materia orgánica e bacterias coliformes fecais.

Polo que fai ás augas residuais de orixe doméstica, resulta fundamental seguir co proceso de eliminar todos os vertidos que a día de hoxe seguen saíndo directamente á Ría e aos ríos que a conforman, completar de forma definitiva a separación de augas fecais e pluviais, impedindo a chegada destas últimas ás estacións EDAR, estender a rede de estacións depuradoras a todas as aglomeracións urbanas da Ría, axeitando as súas dimensións ás necesidades reais de depuración e asegurando os niveis de depuración que permitan acadar as esixencias de calidade das augas de cultivos mariños e de baño.

Por outra banda, a recente concesión por parte do goberno en funcións do PP dunha prórroga de 60 anos á empresa ENCE na Ría, supón un duro golpe ás posibilidades de saneamento da Ría e a hipoteca do futuro da comarca, que verá imposibilitada a recuperación dos recursos naturais, das praias urbanas de Pontevedra, da saúde e calidade de vida das persoas e a creación de emprego na comarca, que ten que vir da man da explotación racional dos recursos naturais (pesca, marisqueo e monte) e turísticos. Pero non debemos esquecer tampouco o impacto que tería a permanencia de ENCE en Lourizán sobre o monte galego da man da eucaliptización, proceso contrario á biodiversidade e a un mundo rural vivo.

E mentres non sexa unha decisión firme, existen posibilidades de revogala, tanto pola vía administrativa e xudicial como pola da mobilización social, unha vía tamén fundamental para conseguir que o saneamento integral da Ría chegue a bo porto. Neste contexto, a Plataforma ENCE FÓRA DA RÍA PARA SEMPRE e a Federación Ecoloxista Galega (FEG), conscientes da necesidade de afrontar esta situación de forma unificada e da importancia de poder contar nesta loita co apoio das administracións locais, as que máis preto están das persoas, solicitamos do Concello que Vde. preside a aprobación plenaria da RESOLUCIÓN que de seguido xuntamos:

O Concello de ……………………………………………. (Pleno, Comisión de Goberno…), consciente do problema que supón para a nosa comarca a contaminación da Ría, unha contaminación que impide desenvolver de forma axeitada a explotación dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos e que se pode ver agravada pola decisión do goberno en funcións do PP de conceder unha prórroga de 60 anos á fábrica de pasta de papel ENCE na Ría de Pontevedra, manifesta:

1.- A explotación racional da pesca, o marisqueo e o turismo, como principal motor económico da comarca, require dunha calidade das augas da Ría que hoxe lamentablemente non existe. Neste sentido, faise necesario abordar as tarefas de saneamento integral da Ría que impidan a presenza de vertidos contaminantes (domésticos e industriais) e permitan acadar os niveis de calidade esixidos para as augas de cultivos mariños e baño.

2.- A recente prórroga de 60 anos concedida polo goberno en funcións do PP, pode ser un freo definitivo á recuperación e saneamento da Ría e, xa que logo, para a creación de emprego de calidade na comarca. Pero, ademais, a presenza de ENCE na Ría pon en perigo a calidade de vida e saúde das persoas e imposibilita a posta en marcha dun modelo económico sustentábel para o monte galego, provocando a perda de biodiversidade e a proliferación de incendios forestais.

Neste sentido, adopta a decisión de “Apoiar a mobilización convocada pola Plataforma ENCE FÓRA DA RÍA PARA SEMPRE e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) baixo os lemas “ENCE FÓRA DA RÍA”, “POLO SANEAMENTO INTEGRAL DA RÍA” e “NON Á EUCALIPTIZACIÓN” para o vindeiro SÁBADO 4 DE XUÑO ás 19:30 horas, con saída desde as Alamedas de Pontevedra e Marín, e facer un chamamento á cidadanía do Concello para que participe activamente na antedita mobilización e na Festa que posteriormente terá lugar na Praza de Os Praceres”

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s